EXPOSICIÓNS INDIVIDUAIS

 

XENTE NO MEDIO
de Maribel Longueira
O ser humano non é a medida de todas as cousas. Sobre o planeta, a vida foi anterior a el e, probablemente, continuará máis alá do seu latexar e da súa memoria. Pero hoxe, a especie humana non só vive no medio, non só é un elo máis na cadea da vida, os seres humanos son o medio, o centro que condiciona a existencia das outras especies, que as ameaza e destrúe, e, ao tempo, a forza e a inocencia que loita por evitar a súa extinción. Somos xente no medio na encrucillada da historia, nun momento esencial para o planeta. Estes retratos de nenos, mulleres e homes pertencentes a razas distintas mestúranse coas imaxes que simbolizan o refugallo da civilización, coa constancia do incendio, coa destrución, dando como resultado unhas novas imaxes, metáforas visuais nas que dialogan conceptos paradoxais: inocencia-lume, lixo-rexeneración. Son as olladas as que se abren, como fiestras que transmiten a ilusión de que outro mundo é posible. Os ollos da xente, os nosos ollos, como ese mar de vida que recibe o lixo que nós producimos e que o devolve á praia; crebas purificadas e transformadas por un mar de olladas que nos lembra que somos xente no medio, seres comprometidos coa vida, a única esperanza.
No Museo Municipal de Ourense, do 28 de outubro ao 16 de novembro

VISIÓNS
de Ángel Sotelo
Nun século novo e cambiante onde a fotografía se transforma e se expande coas novas tecnoloxías, conviven vellas e novas xeracións de fotógrafos. Pero as Visións seguen sendo as mesmas. Son miradas particulares con formas e estilos propios que buscan unha comunicación. Fraccións de segundo que nos mostran unha visión cunha esencia persoal. O traballo do fotógrafo simplemente é un máis, un exercicio, unha forma única de ollar; a súa visión propia do tempo que pasa. Como instrumento, tan só cámaras manuais de formato medio, cun obxectivo de 80 mm, sen angulares, sen teleobxectivos. Para así mostrar só unha forma de ollar o mundo que o rodea.
No Hospital Santa María Nai de Ourense, do 29 de outubro ao 15 de decembro

CORES E FORMAS NATURAIS
de Francisco Menjívar Pastor
Tinta e dúas fotografías onde as cores as formas son os protagonistas. Unhas veces son obxectos que se amontoan, que envellecen, que se transforman; outras veces trátase de captar eses detalles que adoitan pasar desapercibidos.
Na Casa do Concello de Maside, do 29 de outubro ao 16 de novembro

CORDAS NO MAR
de José Luis Diz
Ampla mostra destes sinxelos utensilios que usan as xentes da costa nos seus labores cotiáns, desde amarrar as barcas ao peirao ata xunguir os aparellos e artes de pesca para as faenas propias e habituais do mar. Toda a variedade de posibilidades que se lles presentan nas tarefas mariñeiras aos pescadores do contorno de Cangas do Morrazo, na ría de Vigo, queda recollida nesta exposición, composta por un amplo abano de fotografías onde as cordas (cabos no argot mariñeiro), xogan un importante papel no día a día de cadaquén. A variedade colorista e os fortes tons e contrastes marcan cada unha das exposicións obtidas a través da cámara de J. L. Diz, nun ambiente onde a dureza é o factor dominante.
Na Casa da Cultura de Xinzo, do 30 de outubro ao 15 de novembro

GALICIA MÁXICA
de Luísa Lorenzo
Unha serie de fotografías daqueles lugares de Galicia onde se atopan elementos considerados máxicos por tradición popular, como poden ser a Pedra de Abalar de Muxía ou o cabo Vilán, ata o histórico castelo de Castro Caldelas e outros lugares.
Na Librería Eixo, do 30 de outubro ao 15 de novembro

MOMENTOS
de Omar Pérez
A Omar coñecémolo desde hai tempo polas súas caricaturas, as súas viñetas e os seus deseños, mais agora nos sorprende coa súa outra gran paixón, a fotografía. Arxentino de nacemento, villamariense para máis datos, é desde 1989 un ourensán máis. Tivo nestes últimos anos a sorte de coñecer outras culturas, e esta é unha pequena mostra. Di que non se considera un fotógrafo, simplemente nos deixa compartir os entrañables ‘momentos’ que viviu. O día 4 de novembro, ás 20:30 horas, fará un acto de presentación da súa obra.
Na Galería Visol de Ourense, do 1 ao 10 de novembro

A TRAVÉS DAS SÚAS MIRADAS
de Ricardo Escolano
Un percorrido pola terra a través das súas xentes, dos seus animais, das súas miradas. Unha volta ao mundo fotográfica. Expresións que comunican tanto ou máis que as palabras. Todos tan distintos, pero todos tan iguais. Quizás un comezo para a reflexión sobre a tolerancia e o respecto a outras xentes e culturas.
No Café Teatro Xesteira de Ourense, do 1 ao 30 de novembro

O ESPÍRITO DA TERRA
de María José Fernández
Vinte imaxes que atrapan nun papel un efémero instante da eternidade de lugares máxicos, afastados..., onde perderse e sentir o palpitar da terra. Marabillas descoñecidas e puras onde soñar e deixarse levar, esquecendo o tempo e o espazo, deixando atrás o aloucado día a día, libre de ataduras, de medos, de responsabilidades e obrigas. Paisaxes naturais no medio da nada e do todo, onde sentir a paz, a tranquilidade, a calma na unión nun só coa natureza. Lugares onde penetrar na busca do noso propio sendeiro da vida, para encontrarnos co noso propio ser. Vinte recordos impregnados das sensacións vividas pola autora, perdida no Nepal, no Tíbet, en Indonesia, en Alxeria, en Australia e en Nova Celandia na súa busca da paz.
Na Docería-Café Aume de Ourense, do 1 ao 30 de novembro

GUINEA BISSAU
de Ruth Beltrán
Son fotografías que saquei durante unha viaxe a Guinea Bissau o ano pasado. A viaxe formaba parte dun proxecto realizado xunto á socióloga Águeda Gómez. Fixen unha recompilación de imaxes que me gustaron desa viaxe e que nun principio non tiñan que ver co tema que iamos investigar alí.
No Café Cultural Auriense de Ourense, do 1 ao 30 de novembro

SAHARA, O PAÍS DO DESERTO
de Antón García
O Sahara Occidental: unha rexión que pasou de ser reduto de tribos a converterse en colonia española, para, a partir de 1975, ser anexionada por Marrocos, que na actualidade segue a rexentar a soberanía deste territorio co beneplácito da comunidade internacional, e a promesa de un referendo de autodeterminación que nunca chega. Nesta altura apenas un 10% dos saharauís viven no territorio ocupado; o resto, uns 500.000, viven en territorio alxeriano, nos tristemente celebres campamentos de refuxiados. É este un país de grandes contrastes, con paisaxes de gran beleza, salpicados por fondos pozos de miseria adornados con unha forte presenza militar. O que non impide gozar da hospitalidade das súas xentes, sempre prestas a compartir o pouco que teñen a cambio dunha conversa.
Na Casa das Crechas de Santiago de Compostela,
do 1 de novembro ao 15 de decembro

A CIDADE, SOMBRAS E XENTES
de Manolo Celta
Unha visión mesturada de branco e negro con cores, onde a pedra, coa súa textura, deixa albiscar as sombras das xentes que camiñan mergulladas na súa vertixe. Santiago e Ourense serven de experimentos desde os que o fotógrafo pretende amosar o que os seus ollos desexan ver, e ás veces se lles nega.
Salón Multiúsos do Campo da Feira de Maceda, do 1 ao 15 de novembro

ACASO
de Javier Vallhonrat
Trinta e unha imaxes de formato panorámico, a maioría delas inéditas, en que o artista expresa a dimensión dramática da natureza e mostra como o home intenta facer seu un espazo abstracto. O lugar preséntase desde un punto de vista poético e literario utilizando unha técnica moi depurada. As imaxes están cargadas de metáforas que convidan a asomarse aos múltiples significados da idea de lugar, un espazo privilexiado para a memoria e a experiencia, en que conflúen a nostalxia da ausencia e o sentimento de pertenza.
No Centro Cultural da Deputación de Ourense, do 3 ao 30 de novembro

LA AVENTURA CON EL OTRO
de Leo Simoes
As imaxes afondan na cuestión da identidade a través da expresividade do retrato, presentado sobre o espazo íntimo de paisaxes baleiras. Tratan de capturar a esencia da identidade e falan do baleiro existencial, tomando como referencia a particularidade de diferentes individuos. A mostra constitúena un grupo de persoas que o autor coñece por un motivo ou outro. O punto de partida son as relacións humanas, o trato mutuo, a imaxe que nos creamos do outro e coa que convivimos. Céntranse no coñecemento e na reflexión sobre a existencia do ser humano. E atende ao mundo real, próximo, á cidade onde habita, as rúas que transita.
Na Casa da Cultura de Allariz, do 3 ao 30 de novembro

INSTANTÁNEAS DO MEU CAMIÑO
de Asún Adá
Serie de retratos e personaxes pertencentes ao mundo en que nos atopamos, onde se ve unha situación social e persoal pouco desexable, aínda que presente no día a día e en calquera parte da xeografía. Desde Glasgow ata Colombia, pasando por Portugal, sen deixar de mirar en España..., a autora mostra unha serie de instantáneas elixidas dende os seus comezos na fotografía, onde tamén nos amosa diferentes técnicas, desde o branco e negro positivado a man ata chegar á dixitalización retocada.
Na sala de exposicións permanentes de O Potiños no Carballiño, do 3 ao 30 de novembro

ARDENTÍA
de Aurelio Blanco
Percepción anárquica do mundo de Bernardino Graña.
Na Sala de Exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, do 3 ao 30 de novembro

GALICIA, CAMIÑO CELESTE
de Xurxo Lobato
Imaxes de toda Galicia tomadas desde o aire por Xurxo Lobato e que deron forma ao libro do mesmo título, editado por Lunwerg e a Fundacion Caixa Galicia, en que se ofrece unha radiografía da xeografía galega actual. Como rexistro documental e como recreación estética, as fotografías son o testemuño da intervención sobre o medio físico, deixando constancia da actividade económica ou chamando a atención sobre aspectos tales como a demografía ou a biodiversidade. As constantes de permanencia e troco que se observan na paisaxe galega son captadas pola cámara fotográfica desde unha perspectiva nova que incide na pluralidade e na riqueza do noso territorio. A exposición foi vista ata o de agora por máis de 70.000 persoas.
No Centro Comarcal de Valdeorras – Casa do Río Cigüeño, do 3 ao 29 de novembro

PAISAXES
de Jorge Cacharrón
Percorrido visual do inmenso valor paisaxístico que ten a comarca de Caldelas (Ourense), para atopar ese misterio que envolve o verde galego, os recantos, as fontes e camiños; en definitiva, trátase de reflectir a súa beleza e diversidade.
Na Sala de Caixanova do Barco de Valdeorras, do 3 ao 15 de novembro

AZUL
de María X. Castro
Selección de fotos cuxo fío condutor é a cor. Ceos, auga, nubes e incluso animais... Azul natural e azul artificial, pero... azul á fin e ao cabo.
No Centro Comarcal Terra de Caldelas, do 3 ao 30 de novembro

SENSIBILIDAD NATURAL
de Dolores A. Carretero
«Con estas visións quero mostrar os detalles tan magníficos que nos rodean, pero que ás veces non podemos deternos a visualizar; esa é a vantaxe de levar sempre a cámara na man, que me permite captar instantes únicos e decisivos, en décimas de segundos, como a imaxe dos paxaros que se caeron do niño e son socorridos pola nai en plena beirarrúa, dándolles alimentos. Se nese momento non levase a cámara co dedo no interruptor, non desenvolvería esa sensibilidade que me produciu a imaxe.»
No Casa do Concello de Leiro, do 4 ao 30 de novembro

 

COTIDIANÍA
de Paco Núñez
«Ao principio non mo podía crer, pero, despois de dous días, non me quedou máis remedio que prestarlles toda a miña atención. Non fun capaz de seguir comendo cos dedos, e, ademais, achaba de menos o cepillo dos dentes, necesitaba as gafas, as chaves... A súa reivindicación foi simple: “Préstasnos a atención que merecemos e sácasnos o mellor perfil ou... teraste que acostumar a prescindir de nosoutros”. A miña resposta: “Si a todo”.»
Na Casa do Concello de Carballiño, do 5 ao 30 de novembro

TRÁNSITOS
de Juan Adrio
«Os espazos transitables levan ao límite a condición de non permanencia. Postais de aeroporto, sen recordos, sen historia, sen praza, dan pé ao desprazamento que tende á equivalencia de todas as cousas, un dar igual. O suxeito, como un espectador, evádese nun exterior indiferenciado, non importa a cidade, o mes, nin o seu nome. Avións, automóbiles, trens de alta velocidade e satélites a diario subministran présa ao planeta. A viaxe é, entón, o analxésico dun mundo que non se toca, que pasa sen quedar. Estas fotografías que transfiguran, desenfocan e envolven a figura na borrosidade son un caso máis deste desprazamento global. De paso polos non-lugares durante os non-momentos, as aventuras cómpranse en axencias de viaxe e os voos xa non se collen con paixón porque non se deixa atrás nada que non sexa tan neutro como o que espera. Hai tantos desexos en fuga que se perde incluso a dor de partir. O resumo é unha tarxeta de embarque cos nosos datos; a identidade redúcese a un documento e volvemos ao punto de partida intactos. Hai algo frío e desafectado, unha inercia aceptada que exime de responsabilidade e, paradoxalmente, permite vivir na distancia aínda que esteamos á beira.» Texto de Vanesa Díaz.
Na Galería Volter de Ourense, do 6 ao 30 de novembro

UNHA PELÍCULA DE PEL XIV: «LARES LOCI»
de Diego Opazo
Lares loci, divindade romana cuxa función primordial era velar polo territorio en que se encontraba a casa familiar. «Intrígame a relación de catástrofe e beleza, ou ben a beleza na catástrofe; é por iso polo que neste traballo, “Lares Loci”, percorrín e fotografei escenarios (casas, rúas, vilas e antigas cidades), onde unha erupción volcánica xerou caos, morte e desaparición. Intereseime nestes espazos nas faldras e arredores do volcán Vesubio, onde percibo a desolación, a desaparición, a morte de familias e cidadáns, nunha escenografía cargada dunha beleza erosionada, onde á vez o tempo foi moldeando e xerando unha atmosfera ambigua de beleza e dor. Como se dun teatro se tratase, a miña intención neste traballo é representar en cada fotografía a escenografía dunha traxedia, onde o escenario de xeito inusual nos faga sentir a morte ou ben a traxedia como un acontecemento belo. Como unha representación de teatro, nós somos os espectadores dunha catástrofe onde só vemos o escenario dos feitos, recantos de estancias, muros e espazos dun pasado afastado desprovisto de actores ou personaxes, espazos que nos suxiren e nos permiten percibir a traxedia ou a catástrofe dentro dun marco dunha beleza ambigua.» Diego Opazo. (;)
Na Galería Marisa Marimón, do 7 de novembro a 31 de decembro

ALBANIA. CAMPO DE REFUXIADOS DE HAMALLAJ
de Carlos Teijeiro
Fotografías realizadas durante a misión humanitaria do continxente español no campo de refuxiados de Hamallaj no conflito de Kosovo.
Na Asociación de Veciños do Parque Barbaña, do 7 de novembro ata o 15 de decembro

OS SOÑOS FAN VER COMO POSIBLE O IMPROBABLE E APAIXONANTE O IMPOSIBLE
de Verónica Bellas Huerta
«A fotografía como o rastro do real, a pegada, pode definir a miña obra como o mundo que eu vin. Unha representación singular, onde os primeiros planos me axudan a realizar distintas formas e composicións, creando desta maneira diferentes realidades. Fotografías que falan desde o seu interior.»
Na Casa do Concello de Pontedeume, do 8 ao 23 de novembro

ARREBATADOS
de Ángel Manso Fernández
«Todo mirar zumega falsidade, porque é o que nos bota máis lonxe de nós mesmos». Mirar a cidade, os seus símbolos. A hipnose, case mística, da cor e das formas. A esquizofrenia aguda dun reflexo distinto do obxecto que capta: as vidas paralelas, as mortes paralelas..., a beleza, o amor, o misterio. A cidade e os seus cans; a cidade e nós. Non temos onde escondernos, marcamos paisaxe coas nosas singulares diferenzas.
Na Casa da Cultura, Concello de Pontedeume do 8 ao 23 de novembro

FÚTBOL, NO COMERCIAL
de Gabriel Tizón
Trinta imaxes deste deporte que chega os lugares mais recónditos do planeta.
No Edificio Politécnico do Campus universitario de Ourense, do 9 ao 20 de novembro

THE FLOATING BED – A CAMA FLOTANTE
de Daniel López Sierra
Descubrir o ‘outro’. Estea en Camboxa, México, Islandia ou Istambul. Achegarse con moito respecto e maior admiración. Esta é a esencia do xeito de coñecer o mundo e transmitilo ao espectador do autor destas imaxes, tomadas a calquera lugar, día e hora, pero de distinto modo.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 12 ao 27 de novembro

A COR VÍA AURIA
de Juan Rúa
Hai moitas cores: verde, azul, vermello... Pero a todas elas temos que engadir agora unha nova: a cor vía auria. Vía Auria é un grupo de xente que se xunta unha vez ao mes para ir a camiñar, para coñecer a terra galega facendo «sendeirismo cos cinco sentidos». Pero Vía Auria é moito mais que iso. Vía Auria é tamén algo así como unha escola filosófica, unha universidade ambulante. A súa filosofía aséntase no amor e o respecto á terra e a todos os seres que viven nela, xa sexan plantas, pedras, homes ou animais. Coñecer os camiños e sendeiros de Galicia, os nomes das plantas e das árbores... Descubrir lugares, aldeas, montes, covas, fontes, regatos, muíños... Coñecer e amar a natureza, a arte, e toda a fermosura que garda, amosa ou esconde a nosa terra galega. Aprender camiñando e camiñar aprendendo. Vía Auria é tamén un grupo de amigos que se xuntan unha vez ao mes para pasar o día xuntos, para gozar da natureza, do aire puro, e tamén do sorriso, da ledicia, e da amizade dos compañeiros. A exposición é unha pequena escolma de miles de fotos feitas nas andainas de Vía Auria. E nelas inténtase amosar algúns dos matices desta nova cor: a cor vía auria.
Salón Multiúsos do Campo da Feira de Maceda, do 17 ao 30 de novembro

QUE É ISO QUE SOA?
de Carlos Regalado
A rúa, fonte de vivencias, lugar de paso e de paseo para as almas que nela buscan as últimas ofertas da tempada, ou quizás, as primeiras novas do día. A rúa, centro de interaccións químicas en que se mergullan tempo e espazo cun propósito que se nos escapa das mans cheas de papeis, bolsas..., ou, sinxelamente, mans que non se atopan unha coa outra por mor dun bico non dado no momento axeitado. A rúa, teatro de máscaras, teatro dos soños, diría algún, teatro a secas, diría eu. É neste teatro onde decidín plantar a miña cámara de fotos, esa prolongación artificial do meu ollo, e da miña percepción, e recoller testemuño da relación que xorde cando un personaxe anónimo se detén con tranquilidade e nos ofrece unha paisaxe diferente deste noso hábitat urbano, paisaxe que pasa inadvertida para algúns, e que para outros significa un oasis no medio do deserto, oasis sonoro que esperta o neno que levamos dentro, que nos achega a nós mesmos en clave de sol, aínda que só sexa por unha fracción de segundo, segundo que se converte en eternidade.
Na Librería Eixo, do 17 ao 30 de novembro

TRANSPOSITIO
de Bea Romarty
«... se facer transposición de sentidos por axenciamento dos códigos implica poder estruturar a inserción e despregamento dos lied e motivos inferidos, entón é posible pensar, talvez, que: a enerxía recodificable dos códigos podería ser como a transferencia interconectada da existencia matérica, entendida así a existencia como formas cíclicas e dinámicas de enerxía en distintos estratos estruturais... Será este un novo axioma para poder desantropocentrizar a enerxía que fundamente a lóxica de ser? Natural? Artificial? Neo...? Que é o universo?, quen son?, que é existir?...». Isto pensa Penélope na súa viaxe virtual por outros mundos [capítulo segundo].
Na Sala de Caixanova do Barco de Valdeorras, do 17 ao 30 de novembro

A TRAVÉS DO CRISTAL
de Mari C. Hernández Izquierdo
Amósanos unha serie de imaxes onde o vidro é o elemento condutor e os contidos máis imaxinarios se funden con ese vidro, xogando coa luz, e ata os máis inverosímiles elementos forman parte das súas composicións.
Na Casa da Cultura de Xinzo, do 17 ao 30 de novembro

O MUNDO HOXE: NÓS
de Eduardo Rubio
Unha aproximación á cuestión de qué é o mundo hoxe e quen somos nós. Durante tres anos, Eduardo Rubio percorreu o noso planeta, visitando un centenar de países e realizando máis de 70.000 fotografías. Estas imaxes reflicten unha gran diversidade de rexións, de grupos étnicos, de estratos sociais, de etapas e acontecementos da vida dos homes e mulleres que habitan este mundo. A exposición recolle unha selección destas fotografías presentadas mediante o recurso da contraposición e acompañadas por textos explicativos, que completan e en moitos casos dan sentido á imaxe. O resultado é un discurso de contrastes que non pretende dar respostas categóricas, senón facernos reflexionar sobre a nosa realidade... e a nosa responsabilidade individual e colectiva. Contribución ao Outono Fotográfico da Obra Social de Caja Madrid.
No Museo Municipal de Ourense, do 19 de novembro ao 14 de decembro

HABÍA UNA VEZ UN NIÑO
de Juan Díaz
A mostra fotográfica é unha reportaxe visual sobre os abusos sexuais aos menores en Camboxa. Trata de analizar e presentar unha realidade nun país onde os recursos son escasos e as vítimas numerosas. Un percorrido de 51 imaxes que aproxima os visitantes á vida das vítimas, ás miradas dos seus pais e á precariedade do contexto en que medraron. Mostra de Global Humanitaria, que chega ao Outono Fotográfico da man de Anacos da Cidade.
No Edificio Politécnico do Campus Universitario de Ourense, do 26 de novembro ao 9 de decembro

ARREGLANDO
de María Blanco
«No te regalan un reloj, tú eres el regalado,
a ti te ofrecen para el cumpleaños del reloj.»
Julio Cortázar, «Preámbulo a las instrucciones para dar cuerda al reloj».
«O obxecto convértese en regalo ou o regalo convértese en obxecto. Un paraugas envolto en papel de cores suspende a súa condición de paraugas; o pequeno, carísimo brillante suspende a de regalo na casa de empeños. O único que fai o regalo, o que o diferenza do obxecto, é a súa ética de confetti. Todo regalo é oculto, sorprendente, inútil, marabilloso antes de desfacer o lazo. Logo, é o regalo o que se volve lazo, e no mellor dos casos; limpeza de trasteira, no peor. Regalos como persoas, que se esconden, se pensan, se adiviñan, se fan e se desfán. Gástanse, ráchanse, arránxanse. Quedan.» Joaquín Lameiro Tenreiro
Na Sala Alterarte do Campus de Ourense, 27 de novembro ao 7 de xaneiro

NATURALES
de Héctor Guzmán
Ensaio fotográfico dedicado aos dous temas mais recorrentes do autor: natureza e retrato. Nos seus comezos como fotógrafo, o retrato converteuse nunha obsesión temática mentres radicaba en México. Á súa chegada hai catro anos a Galicia, o amor a primeira vista pola paisaxe marcou a súa segunda etapa de desenvolvemento creativo. Este proxecto é unha mestura de ambas as paixóns, que intenta amosar os dous ingredientes de forma moi ‘natural’.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 28 de novembro ao 13 de decembro