EXPOSICIÓNS COLECTIVAS

 

FESTIMAGE
O Festival Internacional da Imagem é unha iniciativa da Câmara Municipal de Chaves, que aproveita as actuais tecnoloxías da comunicación para acadar, na súa terceira convocatoria, imaxes de medio mundo –acudiron 2001 concursantes procedentes de 63 países–. Algúns dos traballos foron, simultaneamente, á exposición, ampliados a gran formato e expostos nalgunhas rúas e prazas da cidade de Chaves. Paralelamente, todos os traballos admitidos a concurso foron proxectados pola noite en pantallas xigantes colocadas nas zonas de máis movemento da cidade. Nesta mostra pode verse unha selección realizada por un xurado e polas votacións do público. Fotografías de Abhijit Nandi, da India; Bernard Muller, de Francia; Daniel Machado, uruguaio afincado no Xapón; Oleksandr Hnatenko, de Austria; Andrés García Mellado, de España, e Sergey Kozoderov, do Cazaquistán –que recibiron os cinco premios do xurado, e o do público este último–, entre outros. Os premios están dotados con 10.750 euros. www.festimage.org
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 28 de outubro ao 12 de novembro

18.º CERTAME FOTOGRAFÍA DE MEDIO AMBIENTE 2008
Premios e obras seleccionadas no certame organizado polo Ateneo de Ferrol, para celebrar o Día Mundial do Medio Natural, con obras de 50 fotografías en total. Víctor Almeida García, Dámaso Ávila Plasencia, Paula Fernández Fernández, Antonio J. Fernández Marín (3.º premio), Juan Manuel Hernández López, Mario Llorca Loureiro, Antonio López Fernández, Iria López Romero, José Manuel Máiquez Mijares, José Ramón Moreno Fernández, Alberto Porres Viñes (1.º premio), Jorge Orlando Ríos Sardiña, Víctor Rivera Jove, José F. Rodríguez Nieto (2.º premio), Fernando Román Areán, Vitoria Valencia Barro e Marcos Veiga Bautista.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 28 de outubro ao 11 de novembro

A PERFECT DAY
Un día perfecto préstase a múltiples miradas, como diversos son os puntos de vista dos artistas. Obras de Manu Alarcón, Antón Atrio, Marta Calvo, Sara Córdoba, Carolina Carouli, María Castellanos, José Luis Domínguez Real, Juan Carlos Fernández Pérez, Xavier Gómez Gisart, Emilio Jiménez, Xavier Liz, Paco Marco, Mónica McClintc, Xacobe Meléndrez, Victoria Miñana, Alicia Moneva, Carmen Muñoz Sáez, Paula Noya, Josean Pablos, Nuria Pozas, Joserra Puelles, Vanessa Rábade, Fernando Rodríguez Albarrán, Verónica Rodríguez Álvarez, Paz Vicente e Subversión de Luxe.
No Museo Municipal de Ourense, do 29 de outubro ao 16 de novembro

RETRATOS
Un dos campos tradicionais do mundo da fotografía é o retrato, as xentes. O noso colectivo tentou xuntar unha mostra heteroxénea deste campo do mundo da imaxe. Íntimos, espontáneos, de estudio, experimentais, contextualizados ou descontextualizados. Cada un de nós tomou partido por un xeito de facer. Participantes: Moncho Iglesias, Manuel Graña, Ernesto Gómez, Nando Mauriz, David Mateo, Antonio Lema, Eduardo Castro Bal e Santos-Díez. Exposición do colectivo Ollo de Vidro, da Coruña.
Na Galería Sargadelos do Barco de Valdeorras, do 29 de outubro ao 15 de novembro

AMBIENTES URBANOS
Os premios e as fotografías seleccionadas no concurso de fotografía realizado e organizado polo Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Ourense. O número total de fotos presentadas foi de 60, co tema «Ambientes urbanos». Os premiados foron Francisco Gutiérrez Tejerina (1.º premio), Alfredo Rodríguez Barreiros (2.º premio) e Luís Fornos Gallego (3.º premio); acadaron accésit, M.ª Esther Mosquera Fernández, M.ª Belén Taboada Rodríguez e Manuel Losada Fernández.
No Liceo de Ourense, do 1 ao 15 de novembro

OLLANDO A LUSOFONÍA
Os artistas tráennos pequenos anacos da paisaxe de diferentes países, da riqueza do seu territorio, retratos da súa vida cotiá, das súas xentes. Contrastes e unión compartindo espazos e achegando os países lusófonos aos visitantes. Eles son: Vítor Nogueira con imaxes do Brasil; Antonio Campos, de Portugal; Xacobe Meléndrez, de Galicia; Xulio Villarino, de Cabo Verde; Mario Jaleco, de Angola e de Mozambique; Jorge Rosmaninho, de Guinea Bisssau; Ricardo Franca, de San Tomé e Príncipe e Katia Silva de Timor Leste. Organiza o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, CEIDA.
No Castelo de Santa Cruz, Oleiros, sede do CEIDA, ata o 29 de novembro

DIALOGO INDUSTRIAL
É unha exposición e unha crítica un tanto peculiar nunha fase dun principio de denuncia para a vulgaridade e o manexo socioeconómico dos humanos como tratamento de humillación e desprezo da raza, así como castigo empregado como comercio baixo unhas directrices industriais (delito + diñeiro = represión), é dicir, movementos de capitais mínimos en produtos ocasionais, delito, xulgado, avogado, todo discorre ao redor da industria da humillación. Colectiva dos artistas Joaquín Balsa, Papu García, Luís López Martínez, Charlie Pujol, Alfonso Quiroga e Sol Sánchez. Coa coordinación do Movemento Artístico Internacional, MAI, e de Joaquín Balsa.
No Cento Penitenciario de Pereiro de Aguiar, do 3 ao 30 de novembro

ESTAMPAS DUNHA ROMARÍA
Fotografías premiadas no concurso convocado na edición de 2008 da Romaría Etnográfica Raigame que se celebra cada ano o día 17 de maio, en Vilanova dos Infantes. Organiza o Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo.
Na Sala de exposicións do antigo Cárcere de Celanova, do 1 ao 15 de novembro
No Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo,
do 17 ao 30 de novembro

NÓS TAMÉN FOMOS EMIGRANTES
A historia da emigración española ao longo do século xix, un traxecto difícil e esperanzador que se converteu na máis infeliz viaxe para uns ou na máis afortunada para outros. Teremos ocasión de ver estas imaxes, tiradas da Fototeca da Axencia EFE, nesta mostra promovida pola Fundación Caixa Galicia.
Na Casa do Escudo de Verín, ata o día 10 de novembro

WILDLIFE 2008. FOTÓGRAFOS DA NATUREZA
O concurso anual Wildlife Photographer of The Year, organizado pola BBC e o Museo de Historia de Londres co patrocinio de Shell, celebra este ano a súa edición número trinta e catro. Aberto aos fotógrafos profesionais e afeccionados de todas as idades, pretende promover o crecente interese pola natureza e o medio, e converteuse no máis prestixioso certame mundial de fotografía da natureza do panorama internacional. Nesta edición recibíronse máis de 32.000 imaxes procedentes de 78 países. A magnífica colección de imaxes desta exposición é o mellor expoñente do esplendor, drama e diversidade da vida no planeta Terra. Os estilos e protagonistas das fotografías son moi variados, a plasmación abstracta da natureza, os retratos de animais, o comportamento máis íntimo dos seres vivos e mesmo o efecto do quecemento global. (;)
Na Sala de exposicións do Centro Social Caixanova de Ourense, do 30 de outubro ao 30 de novembro

12.º CERTAME DE FOTOGRAFÍA VIÑA DO CAMPO
Por duodécimo ano, as Bodegas Docampo, de Sampaio-Ribadavia, reúnen os premios e as obras seleccionadas no seu certame: fotografías en cor con tema relacionado co mundo do viño e o seu contorno. Premios por valor de 3.000 euros. Fotografías de Manuel Barra González, Blas Carrión Guardiola (3.º premio), M.ª Luz García Otero, Chelo García Rey, Salvadora Granado Ramos, José López Pérez, José Manuel Máiquez Mijares, Fco. Javier Meizoso Blanco, Antonio Tomás Paz López, Marcos Prieto Alonso, Nacho Romero Sánchez, Juani Ragal Ropero (2.º premio), Miguel Ángel Robredo Abad (accésit), Jesús M.ª Torrado Vidal (1.º premio) e Raúl Villalba.
No Ateneo de Ourense, do 31 de outubro ao 16 de novembro

A MIRADA ESTRAÑA. TRES MIRADAS Á CUBA QUE XA NON COÑECEU CURROS ENRÍQUEZ
As autoras das fotografías son Camila Moreiras, Lily Gol e Josh Weissbach, tres estudantes do Hampshire College no estado de Massachussets que nos presentan a Cuba actual a través de tres enfoques diferentes. Foi na primavera de 2007 cando estas tres rapazas tiveron o privilexio de vivir na Habana durante tres meses, o que lles permitiu realizar un traballo en que expresan as súas experiencias, ao tempo que fan unha navegación por arquipélagos do espazo, a memoria e os diversos modos de vida. Organiza o Concello de Celanova e a Fundación Curros Enríquez.
No Ateneo de Ourense, do 31 de outubro ao 16 de novembro

RETRATOS NO LECER
Certame convocado pola Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia. «Retratos no lecer» somos ti, Sabela, Xoán, Brais, Uxía e mais eu no tempo libre. É unha rapaza xogando á buxaina ou un grupo de pícaras subindo nun bambán. Retratos no lecer é unha vella lendo o xornal ou un avó paseando o seu neto. Somos nós tomando un café. Son... «Retratos no lecer» é todo isto e moito máis. «Velaí che deixo un ollo de vidro pra que vexas...» (Castelao: Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete). Fotografías de Silverio Fernández, Xulio C. Iglesias, Juan Soutullo, Santiago Fernández, Alberto López Mariño (premio maiores de 30 anos), Santiago Rubio, Alberto Suárez Ogando (premio menores de 30 anos), Andrea Castro del Río, Jose Luis Gallego, Francisco J. Gómez e José Luis Paz.
Na Sala de Exposicións da Asociación Xuvenil Amencer, do 3 ao 28 de novembro

O RURAL GALEGO EN IMAXES
Premios e obras seleccionadas do concurso «O rural», que aconteceu na Casa da Xuventude.
Casa da Xuventude de Lalín, do 3 ao 29 de novembro

XI PREMIO INTERNACIONAL DE FOTOGRAFÍA HUMANITARIA LUIS VALTUEÑA
A edición deste ano recibiu 542 fotografías procedentes de 36 países. O feito de mobilizar tantos fotógrafos de todo o mundo e identificalos cos valores do premio constitúe xa un gran logro para Médicos do Mundo, organización convocante. Estes valores perduran e están máis vixentes ca nunca cando se cumpren dez anos do asasinato dos seus compañeiros Manuel, Flors e Luis en Ruanda, e doce do crime de Mercedes en Bosnia. O humanitarismo, o compromiso e a solidariedade que exercían os catro son a esencia deste premio. A imaxe gañadora do XI Premio Luis Valtueña, do italiano Giovanni Marrozzini, simboliza ben o que Médicos do Mundo quere ser. Ademais, fotografías de Abir Abdullah, Daniel Aguilar, Katy Gómez López, Javier Arcenillas, Alessandro Ciccarelli, Fabio Cuttica, Naim Chidiac, Adam Dean, Luis Sergio, Eddie Gerald, Nacho Hernández, Gary Manrique Robles, Paolo Pellegrin, Arturo J. Rodríguez Pérez, Dave Tacon, Roberta Valerio, Ricardo Ventura e Susana Vera Pascual. ;
No Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia en Ourense, do 3 ao 16 de novembro

 

CERTAMEN NACIONAL DE FOTOGRAFÍA
SOBRE LA DISCAPACIDAD

A colección reflicte momentos ledos, dramáticos, situacións, retratos, obstáculos urbanos que dificultan a mobilidade, e calquera instante na vida das persoas con discapacidade ou enfermidade mental. Fomenta o interese da sociedade sobre a verdadeira realidade da vida destes colectivos. Organizada pola Fundación Anade.
No Local Social do Centro Multiusos de Aspanas en Ourense, do 6 ao 28 de novembro

NATUREZA E HISTORIA
Mostra colectiva de membros da comarca de Verín do Voluntariado en Defensa do Monte Galego.
Na Casa do Escudo de Verín, do 12 ao 30 de novembro

CONTRADICTIO IN TERMINIS
Moitas veces lemos a definición da fotografía como «o instante eterno»; este xeito de expresar algo por medio de dous conceptos opostos forza o lector a buscar un terceiro sentido á expresión, xa que o sentido literal sería absurdo. Esta figura retórica coñécese como oxímoro. Partindo desta figura literaria, os alumnos Brais Lorenzo, Óscar Pinal, Beatriz Moares, Jessica Melo, Marta Pérez, Alejandra Rodríguez, María Rouco, Humberto Vergara, Daniel Eire, Adrián Estarque, Flora Fernández, Puri García, Clara Gómez, Raquel Gómez e Miro González, de segundo curso do ciclo superior de fotografía artística da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, propóñennos un proxecto persoal en que xogan coas súas imaxes e a percepción do espectador para investigar a capacidade da linguaxe fotográfica de reflectir esta contradictio in terminis.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 13 ao 28 de novembro

VIII CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CLUBE ALPINO OURENSÁN
Premios e obras presentadas ao concurso social do Clube Alpino. Obras co tema da montaña, de Ángel Barrio (1.º premio), María D. Cid, Lidia Daquinta, Joaquín Dobarrio, Gonzalo Domínguez (3.º premio), Lucía Feijoo, Nando Feijoo, Manuel Fernández, Eloísa González (accésit), Isabel Muñoz, Mar Pallás, María Dolores Redondo (accésit), Elías Rodríguez, Pedro Seoane e Tino Taín (2.º premio).
No Liceo de Ourense, do 16 ao 30 de novembro

COUSAS DA INFANCIA
Rapaces fotografando rapaces no seu tempo de lecer, nunha experiencia do Observatorio Galego da Infancia, cun proxecto da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo para a Cátedra da Infancia.
No Edificio de Ferro do Campus de Ourense, a partir do 17 de novembro

O PATRIMONIO CULTURAL DE VALDEORRAS
Varios autores. Participantes no II Premio de fotografía Manuel Blanco Pascual. O Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV) presenta, por terceiro ano consecutivo, dentro do Outono Fotográfico, os resultados do concurso que convoca para honrar a memoria do fotógrafo barquense, desaparecido trala Guerra Civil, Manuel Blanco Pascual, o que máis e mellor fotografou a vida social, o territorio e os elementos patrimoniais do Barco e a súa comarca entre 1915 e 1936. Serán expostas tanto as obras premiadas como as finalistas.
Na Galería Sargadelos do Barco de Valdeorras, do 17 ao 29 de novembro

MIRADAS DESDE ÁLAVA
A Sociedad Fotográfica Alavesa, que xorde como alternativa á desaparecida Sección de Fotografía do Antiguo Consejo de Cultura da Diputación Foral de Álava, constitúese como tal no ano 1993. Desde ese momento e ata o día de hoxe, a súa evolución foi constante grazas ao esforzo e a ilusión de todos os seus socios/as e ao apoio económico que desde diferentes entidades, públicas ou particulares, en especial da Diputación Foral de Álava, ten recibido. Nesta exposición pode verse una pequena mostra do traballo que realizan algúns dos seus socios dentro do marco de súa provincia, Álava, vista desde diferentes perspectivas. Fotografías de Rafa Aiastui, Estibaliz Díaz, Nekane Fernández, Vega García, Julia Knörr, Isidro Lázaro, Yolanda Martínez, Diego Ondarra, Nuria Pérez, Jabi Soto e Jose Javier Soto.
No Ateneo de Ourense, do 18 ao 30 de novembro

GALICIA EN FOCO
19.ª edición deste certame de fotoxornalismo organizado polo Clube de Prensa de Ferrol co fin de promover e potenciar o labor profesional dos fotoxornalistas que exercen en Galicia. Un xurado composto por dous fotógrafos participantes e presentes no acto de inauguración e tres membros da organización elixirá a Foto do Ano, que será dada a coñecer no acto inaugural da exposición; será entre as obras dos fotógrafos que responderon á convocatoria con imaxes realizadas entre o 30 de setembro de 2007 e o 30 de setembro de 2008, que foron: Iñaki Abella Diéguez, Pedro Agrelo Trigo, Delmi Álvarez, Pedro Armestre, Xoán A. Soler, Álvaro Ballesteros, Carlos Carballeira, Vanessa Casteleiro Martínez, Óscar Corral, Salvador de Sas Foján, Kiko Delgado, Eva Domínguez, Mónica Ferreirós, Carlos Folgoso Sueiro, Moncho Fuentes García, Antón García Freire, Carlos García Hervella, Nacho Gómez, Miguel Gómez Muñiz, Javier Lalín Valcárcel, Hugo López Arias, Santy López, Jorge Meis, Juan Marcos Míguez Cortizo, Juan Pablo Moreiras Barreiro, Miguel Núñez Martínez, José Luiz Oubiña, Martina Oubiña Miser, José Pardo, José Carlos Pérez Pérez, Carlos Puga, Francisco Puñal Suárez, Jesús Regal Rodríguez, Jesús Rey Roca Otto, Jesús Rodríguez Montero, José Rodríguez Romay, Ricardo Rodríguez Yáñez, Carlos Iván Romero Faraldo, Guillermo Sotelo Rodríguez, Bernardo Villanueva, Diego Villar Santiso e Xan Xiadas. Son imaxes que resumen un ano da prensa galega. ;
No Museo Municipal de Ourense, 20 de novembro ao 14 de decembro

VIAXANDO
As fotografías participantes no segundo concurso que con ese título e tema convocaron a Casa da Xuventude de Tui e as Oficinas de Información Xuvenil da Guarda, O Rosal, Tomiño, O Porriño, Salceda de Caselas e Gondomar, para mozos de ata 30 anos. A mostra fai itinerancia polos centros convocantes.
Na Casa da Xuventude de Tui, do 21 de novembro ao 18 de decembro

MULLERES VISTAS POR MULLERES. UNHA MIRADA DE XÉNERO (4.ª Edición)
Unha mostra colectiva, cedida polo colectivo feminista Ciudad de Mujeres, un lugar que non é utopía, porque utopía quere dicir non-lugar. Mulleres protagonistas a un lado e outro da cámara. A mostra inaugúrase no Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Organizada por Anacos da Cidade en colaboración cos comerciantes da rúa Erbedelo.
Nos escaparates da rúa Erbedelo de Ourense, do 25 de novembro ao 9 de decembro

CONCURSO FOTOGRÁFICO
Mostra das fotografías presentadas ao concurso convocado pola Casa da Xuventude de Chantada (véxase «Outras actividades»).
Na Casa da Xuventude de Chantada, do 27 de novembro ao 14 de decembro

LAS MIRADAS DEL CAFÉ
Coordinada por David Quintas, esta mostra fotográfica recolle instantáneas da vida de tres organizacións, DESCO (Perú), ODSTA (Ghana) e PPKGO (Indonesia), que traballan a colleita do café como un elemento de desenvolvemento para as súas comunidades, e que o fan dentro dos parámetros do comercio xusto. Forma parte da campaña de sensibilización e acción sobre Café de Comercio Xusto, e está organizada por Amarante. Esta organización galega de cooperación para o ecodesenvolvemento fará un acto de presentación con David Quintas e degustación de cafés de comercio xusto de distintas partes do mundo o día 2 de decembro, ás 20 horas.
Na Casa da Xuventude de Ourense, do 29 de novembro ao 13 de decembro

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA PURIFICACIÓN GARCÍA 2008
Un dos máis importantes premios en canto a dotación e pola categoría dos premiados en edicións anteriores. Nesta sexta edición o xurado realizou unha selección de vinte e sete obras entre as 428 presentadas por artistas residentes en España e Portugal. Tras un intenso debate, o xurado outorgou os tres premios: un primeiro dotado con 12.000 euros a Linarejos Moreno pola súa obra El cálculo de la incertidumbre (Stalker III), un segundo premio de 10.000 euros a José Guerrero pola súa obra S/T, e un terceiro premio de 8.000 euros a Ángel de la Rubia pola súa obra Banco abandonado. O nivel das obras presentadas fixo que o xurado decidise outorgar ademais tres mencións especiais, sen dotación económica, a Salvador Rivera, Amaya Hernández (pola súa obra Bosque), e Aleix Plademunt (pola súa obra Límites). Os restantes fotógrafos finalistas son: Víctor Hugo Costas, Adrian Tyler, José Paz, Patric Tato Wittig, Elke Pohl, Diego Domínguez, Albert Corbi, Carmen Van Deneyde, María Platero, Ricardo López Bueno, Gonzalo Pérez, Juan Manuel Carrillo, Elena Rendeiro e Javier Martínez Bueno, Llorenç Ugas, Jerónimo Álvarez, Damián Uceda, Roberto Romero, Juan Mejías, Patricia Allende, Teresa Marina Huertas e Luis Manuel Marques. (&)
No Centro Cultural da Deputación de Ourense, do 4 de decembro ao 11 de xaneiro

CATRO MODOS DE VER
Mostra a relación que existe entre os artistas dunha mesma xeración ao traballar con diferentes ideas sobre a arte e a vida. Trátase de amosar inquietudes que preocupan a unha xeración nova capaz de imaxinar diversos modos de habitar o mundo e de ensinalo aos demais. Cada unha das integrantes da exposición, a través das súas fotografías, tenta construír un mundo persoal que reflicte unha realidade propia. A exposición pretende abrir portas á imaxinación, facéndose novas preguntas, máis que atopar respostas. Fotografías de Zaira Barcia, Sheila Pazos, Tania Pérez e Beatriz Suárez.
Na Casa da Xuventude de Chantada, a partir do 15 de decembro

OLLADAS O MEU BARRIO... O POLVORÍN (4.ª Edición)
Escolma das máis de 400 fotos recollidas pola asociación de veciños deste barrio entre a propia veciñanza, e que mostra familias, grupos de amigos, lugares e personaxes, a maioría desaparecidos, que evocan a historia dun pasado recente do barrio.
Na Asociación de Veciños O Polvorín, do 15 ao 30 de decembro