Exposicións individuais | Exposicións colectivas | Outras actividades | Cursos | Concursos | Proxeccións
   

  PARARSE E VER
De Marta Capote
 
Selección de fotografías tomadas en diferentes lugares (A Coruña, Santiago, Porto, Lisboa, Barcelona...) nas que o tema fundamental é xenericamente a xente e en particular a súa actitude no momento no que foron fotografados. Polo tanto é un traballo aberto no tempo e no espazo.
 
Lugar:
Casa da Xuventude de Ourense
  Data:
29 de outubro ao 13 de novembro
 

  O PAPAGAIO: A PEGADA DOS SENTIDOS
De Maribel Longueira
 
No mes de marzo do ano 2001 as edificacións das rúas Papagaio e Tabares da cidade da Coruña foron demolidas por máquinas de dentes de ferro que levantaron unha poeira que cubriu o barrio enteiro. Durante as semanas anteriores e tamén durante os días que duraron os traballos de demolición, permanecín atenta, rexistrando coa cámara os fragmentos de parede, a caída dos muros, e tamén os cascallos, anacos dun tempo perdido nos que se podía presentir o que albergaron durante anos os cuartos e andares dos edificios arruinados: os berros e saloucos de pracer e sufrimento, a sensualidade, se cadra a ledicia, seguro que a tristeza; a realidade controvertida dun comercio protagonizado polos corpos das mulleres e do que eran testemuñas as paredes vencidas e os obxectos espallados entre o po e a lama. Así, coma un arqueólogo que fragmento a fragmento vai recompoñendo a historia, en principio soa, e máis tarde coa complicidade da escritora Luísa Villalta, artellei esta historia sobre a memoria dunhas rúas semellantes ás que existiron e aínda existen en todas as cidades do mundo. As ruínas de Pompeia, os seus frescos, as súas paredes que recollen escenas de erotismo e de sensualidade, forman parte do patrimonio universal. O Papagaio e os seus saloucos xa silenciados serán literatura e sobrevirán nun escuro recuncho da memoria colectiva.
 
Lugar:
Museo Municipal de Ourense
  Data:
29 de outubro ao 14 de novembro
 

  INNOCENT EYES
De Itxaso Torrontegui Palacios
 
Con este título, a mostra pretende facer ver máis alá dos ollos duns nenos que son protagonistas e centro destas imaxes. Nun intento de amosar como a pureza destes nenos é o mellor escaparate dos nosos mundos, cada fotografía representa unha mirada, unha ilusión e un pensamento de nenos enmarcados nun lugar ou nun país diferente.
 
Lugar:
Casa da Xuventude de Ourense
  Data:
29 de outubro ao 15 de novembro
 

  O LABOR QUE OUTROS DEBERÍAN FACER
De José Rodríguez Romay
 
Reportaxe en branco e negro realizado na cidade de Ourense sobre o traballo que está realizando a ONG Comité Cidadán Anti Sida, abordando todos os programas que realiza e dando a coñecer gran parte da xente que os leva a cabo. Non é unha reportaxe sobre a sida en si, nin tampouco sobre a marxinalidade en Ourense, senón sobre o citado comité cidadán e as súas actividades.
 
Lugar:
Edificio Politécnico do Campus da Universidade en Ourense
  Data:
2 ao 15 de novembro
 

  LUCES DO CEO
De Paolo Ochner
 
No firmamento brillan un gran número de corpos luminosos, estrelas, nebulosas, galaxias, auroras, nubes de formas fantásticas que rompen a luz solar formando mil sombras... Neste debuxo natural molestan as luces artificiais que pulsan incesantes nas nosas cidades, sufocando coa súa forza a delicadeza destas imaxes. Para volver a encontrar a natureza e a espontaneidade que nos pode ofrecer a bóveda celeste, vémonos obrigados frecuentemente a encamiñarnos a lugares despoboados, virxes e salvaxes. Cunha mochila ás costas e esquecendo todas as comodidades cotiás, soportando o cansazo e o clima severo, subimos á montaña, onde o panorama dunha posta de sol vermella, o chispear da Vía Láctea ou a estela dalgúns meteoritos satisfacen os sentidos e tamén nos confortan de tantos cansazos. Amiga e compañeira desta aventura é unha vella cámara de fotos que utiliza o seu ollo para capturar luces desvanecentes e imperceptibles... nunha única décima de segundo, e coa paciencia dun perseguidor astronómico que permanece observando o ceo durante horas, rexistra desprazamentos lentos e corpos escondidos. O ollo da vella amiga axúdanos a recoñecer cores nocturnas, que naturalmente non parecen apreciables na escuridade, pero que unha boa película captura para nós...
 
Lugar:
Librería Eixo de Ourense
  Data:
29 de outubro ao 14 de novembro
 

  LUZ DE AGOSTO
De Plácido L. Rodríguez
 
Percorrido por diferentes países. Utilizando o branco e negro, presenta diferentes aspectos da vida cotiá. A súa cámara diríxese non só á paisaxe, senón que, como en toda a súa obra, ten maior relevancia o factor humano, neste caso o dos nenos e os seus xogos, establecendo a linguaxe na contraposición de culturas diferentes a través dos seus protagonistas.
 
Lugar:
Galería Visol de Ourense
  Data:
1 ao 10 de novembro
 

  ESCÓITAME
De Luis A. Rodríguez Álvarez
 
«O mundo pasa rapidamente; podemos non facerlle caso ou podemos atrapar instantes para sempre. Imaxes cotiás que non terían relevancia, momentos simples, capturas de vida e de rúa. Instantáneas, é o que falo, detalles roubados de escenas, momentos ou espazos que atopei nas miñas últimas viaxes.»
 
Lugar:
Café Cultural Auriense de Ourense
  Data:
1 ao 15 de novembro
 

  PATAGONIA, CIELOS DEL SUR
De Rafa Ruiz
 
A mostra é o sinxelo froito das vivencias e as moitas ilusións xurdidas na nosa viaxe á Patagonia, a finais de 2001. As paisaxes impresionantes e grandiosas son ás veces acompañadas cunha colorista presenza humana.
 
Lugar:
Café Cátedra de Ourense
  Data:
1 ao 30 de novembro
 

  A MEMORIA DA TERRA
De Pilar Moreno Carnota
 
Este proxecto é unha visión persoal sobre a morte en Galicia. Como perduran os mortos na memoria dos vivos, unha viaxe a través dos cemiterios explorando os sentimentos, as curiosidades... as nosas necrópoles son auténticos tesouros da beleza do banal.
 
Lugar:
Casa das Crechas de Santiago de Compostela
  Data:
1 ao 30 de novembro
 

  ONS, NAO ATLÁNTICA
De Xosé Rañó
 
A miña fotografía é moi atlántica: traballo moito cos motivos do mar. Busco o lirismo que ofrece o meu contorno. Téñome inspirado en elementos como as bateas. É un percorrido polas xentes da illa e as súas paisaxes.
 
Lugar:
Sala de Exposicións da Fundación Caixa Galicia de Ourense
  Data:
2 ao 15 de novembro
 

 

Seguinte Última