Se non aterras na noite, o primeiro que te sorprende da illa é a súa luz.
É certo que cada paisaxe e cada tempo teñen luz propia e describilos sempre foi un reto imposible
para os narradores. Un reto que pareceu facerse viable cando a fotografía transmutou a alquimia
da luz en papel. Nese momento os escritores comezaron a abandonar as paisaxes para deixarlles
o terreo libre ós fotógrafos. As mil palabras esmexicaron diante da imaxe sen deterse a pensar
que o obxectivo non é igual á retina. Que o obxectivo é tan traizoeiro como un adxectivo mal colocado
nunha paisaxe fermosa. Que a ecuación «obxectivo igual á retina» necesita do denominador común
do pensamento para plasmar un sentimento e, polo tanto, os seus matices dependerán do alquimista
que pulsa o disparador. Pero, aínda así, o narrador é agora debedor necesario da retina do fotógrafo
se quere apreixar as múltiples realidades da luz.

José María Díaz-Maroto
A pel. O guiño do dólar. A Habana
José María Díaz-Maroto
O sabor. Desde o castelo do Morro, vista da Habana
Plácido L. Rodríguez
Esperando a papá
Por iso, cando aterras na illa, o primeiro que desexas é facer túas as súas luces para sempre.
Despois seguiralas desexando durante todo o tempo que dure a túa estancia en Cuba e, involuntariamente,
o teu pensamento será unha sucesión de imaxes, nunca de conceptos nin de palabras. As posibilidades
da luz cubana son tan infinitas que, mesmo en branco e negro, inquietan e seducen. Ou, mellor, quizais sexa
que en branco e negro se multiplican. Luces capaces de espertar a intimidade dun soño, de arrancar a voz dunha paixón,
de modelar o sorriso ou a tristura dun rostro, de eternizar o son sonoro dun silencio enriba do mar, de esculpir
a decadencia dun edificio ou de levantar contra o ceo o voo dunha torre colonial mentres contra o Malecón
estoupan as ondas, un personaxe pensa nunha praza ou unha mirada repousa no horizonte infinito do obturador.

A presente exposición introdúcenos na luz cubana. Afórranos as palabras e esperta o pensamento feito luz. É a visión
de catro alquimistas pasada polos crisois dos seus obxectivos mecánicos, pero ó mesmo tempo catro conceptos
dunha Cuba conceptualmente fotográfica e luminosa. Catro miradas distintas na procura dunha verdade absoluta
que nunca o será totalmente, porque a luz sempre será unha verdade infinita para maior gloria dos fotógrafos artistas.
Especialmente en Cuba.