Rafael AIASTUI ARREGUI
Oñati, Guipúscoa, 1957
Afeccionado á fotografía desde o año 1977. Fai fotografía de natureza e paisaxe, e ten varios premios en diversos rallyes na provincia alavesa. Tamén ten realizado exposicións. Socio da Sociedade Fotográfica Alavesa desde o ano 1995.
Ver fotosExposición: FOTÓGRAFOS ALAVESES 2
:::
Santiago M. AMIL
Ribadavia, 1967
Reporteiro gráfico de La Región e ultimamente de La Voz de Galicia, ten participado en diversos traballos de carácter etnolóxico, certames e reportaxes. As súas fotografías poden verse nas mostras e catálogos de «Galicia en Foco».
Ver fotosExposición: DESFILE E CERIMONIAL NA ISTORIA
:::
Concha ARIAS PÉREZ
Barcelona, 1957
Vive en Gumiel de Izán, Burgos, desde 1991. Estudia maxisterio á vez que se inicia de forma autodidacta na fotografía. Traballa en axencias de prensa e como fotógrafa free lance para diferentes medios. O traballo fotográfico polo que sente máis cariño é o que lle confiou o editor Mario Lacruz, para as portadas de libros da editorial Seix Barral (Barcelona), de 1986 ata 1996. Actualmente compaxina a fotografía co deseño gráfico. Sempre quixo reservar a fotografía como forma de expresión e comunicación.
Ver fotosExposición: UNA FRACCIÓN DE SEGUNDO
:::
Mª Carmen ARMADA RODRÍGUEZ
Cariño, A Coruña, 1980
Alumna de belas artes, especialidade de audiovisuais, na facultade de Pontevedra, recibiu o premio á mellor colección da categoría B, no certame da Dirección Xeral de Xuventude.
Ver fotosExposición: III CERTAME GALEGO DE IMAXE ARTÍSTICA – XUVENTUDE 2002
:::
Tamara ARROYO
Madrid, 1972
Licenciada en belas artes pola Universidade Complutense. Desenvolve unha ampla actividade en múltiples proxectos por todo o país; no seu currículo figura a súa participación en Valdearte 2000. Entre os galardóns, destacamos o 1º posto no III Premio de Arquitectura e Fotografía, do Ministerio de Fomento, en 2001.
Ver fotosExposición: CERTAMEN DE FOTOGRAFÍA – INJUVE 2001
:::
Simón BALVÍS
San Cibrao das Viñas, Ourense, 1967
Tivo os seus primeiros contactos co mundo da fotografía en Madrid. De formación basicamente autodidacta, realiza varios cursos de composición, técnicas de laboratorio, retrato e fotoxornalismo en Madrid, Barcelona, A Coruña e Ourense. Traballa en Ribeira como fotoxornalista e ten realizado distintas mostras individuais e colectivas, participando en varias edicións de «Galicia en Foco» e «Valdearte».
Ver fotosExposición: CARTAFOL DO BARBANZA
:::
Fernando BARBEYTO LÓPEZ
Oleiros, A Coruña, 1976
Licenciado en belas artes, especialidade de imaxe, pola Universidade de Barcelona. Ampliou estudios na Universidade de Plymouth. Acada o segundo premio no certame da Dirección Xeral de Xuventude cunha obra da súa serie «A outra globalización», feita en Londres de outubro de 2001 a febreiro de 2002, na que aposta pola mestizaxe cultural e a tolerancia.
Ver fotosExposición: III CERTAME GALEGO DE IMAXE ARTÍSTICA – XUVENTUDE 2002
:::
Libertad BAZ RODRÍGUEZ
A Guarda, Pontevedra, 1982
Alumna da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Acadou o terceiro premio no Certame da Dirección Xeral de Xuventude, na súa terceira participación.
Ver fotosExposición: III CERTAME GALEGO DE IMAXE ARTÍSTICA – XUVENTUDE 2002
:::
Aurelio BLANCO PEREIRA
Ourense, 1961
Inicia a súa relación coa fotografía en 1989, na Sociedade Fotográfica Ariznavarra. No ano 1996 integrouse na Sociedade Fotográfica Alavesa, da que é directivo e na que realiza distintas actividades: cursos, exposicións colectivas... Exerce de correspondente do Outono Fotográfico en Vitoria-Gasteiz.
Ver fotosExposición: FOTÓGRAFOS ALAVESES 1
:::
José Luis BÓVEDA SUÁREZ
Buenos Aires, Arxentina, 1978
Fillo de pai galego e nai arxentina, que deciden volver á terra en 1986 para ficar definitivamente na procura dun futuro máis seguro e estable para os seus fillos. Residen en Santiago de Compostela, cidade na que axiña se integran na vida e cultura galegas. A súa formación de nivel superior comezou co seu ingreso na Facultade de Ciencias da Educación, na especialidade de linguas estranxeiras; tivo unha bolsa Erasmus-Sócrates en Bruxelas. Na actualidade estudia fotografía artística na Escola de Arte Mestre Mateo, tendo realizado xa diferentes mostras da súa obra tanto individual como colectivamente.
Ver fotosExposición: SUOMI NON É ‘FINLANDIA’
:::
Ramón CAAMAÑO BENTÍN
Muxía, A Coruña, 1908
Autodidacta. A primeira cámara é de 1924. O seu labor de fotógrafo levouno a cabo por toda a súa bisbarra: Fisterra, Corcubión, Cee, Camariñas, Vimianzo... Consciente das súas limitacións, decide irse durante os invernos de 1929, 1930 e 1931 a Santiago de Compostela a aprender ao estudio Ksado, e asiste polas noites ás clases na Escola de Artes e Oficios. A partir dese momento comeza a retocar con lapis os negativos e a virar ao sepia as copias, nalgunhas ocasións parcialmente, como era costume naquel momento. (Do catálogo da exposición, de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal)
Ver fotosExposición: RETRATOS DA COSTA DA MORTE
:::
Jorge CACHO HERNÁNDEZ
Bilbao, 1974
Informático de profesión, sempre sentiu unha paixón moi especial pola fotografía. Tendo recibido de pequeno os conceptos básicos da fotografía por parte do seu pai, ten a sorte de poder fotografar ata hai moi poucos meses cunha cámara totalmente manual que lle permite desentrañar os misterios desta arte. Lonxe dos automatismos das cámaras modernas, realiza un curso de fotografía básica onde asenta os seus coñecementos e senta as bases para a súa posterior aprendizaxe autodidacta. Desde hai uns meses, e apoiándose nos coñecementos que adquire nos foros especializados de Internet, compaxina o seu traballo de informático cos concursos fotográficos. Pouco a pouco, e empezando desde os certames máis locais, vai obtendo algúns premios que o animan a seguir por este camiño.
Ver fotosExposición: VI CERTAME VIÑA DOCAMPO
:::
Emilio CENDÓN GONZÁLEZ
Vigo, 1977
Licenciado en belas artes pola Universidade do País Vasco. Realizou o curso de «Fotografía y Posfotografía en la Era Digital», impartido por Joan Foncuberta, no Media Centre d’Art i Disseny, de Sabadell, neste mes de marzo. En 2000 acadou unha bolsa de seis meses de colaboración co Museo Guggenheim Bilbao (sección de fotografía). Primeiro premio, na categoría A, no Certame Galego de Imaxe Artística, modalidade de fotografía, en 2000 e 2002.
Ver fotosExposición: III CERTAME GALEGO DE IMAXE ARTÍSTICA – XUVENTUDE 2002
:::
Andrea COSTAS
Vigo, 1978
Estudia belas artes nas facultades de Pontevedra e Barcelona. É membro colaborador do Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo. Foi gañadora do Concurso «Novos Valores» de Pontevedra (2001). Tivo unha exposición individual, «Miradas virxes» (2001), no Centro Torrente Ballester de Ferrol. Entre as exposicións colectivas nas que participou destacan «Estancias», (COAG, Vigo), «Exposición Colectiva de Mulleres Artistas» (Teatro Principal, Pontevedra), «Identidades» (IX Fotobienal de Vigo), «Identidades» (Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela) e «Imaxes maiores» (Sala de Exposicións da Obra Social Caixa Galicia en Compostela).
Ver fotosExposición: FORMAS DE SER
:::
Mónica COUSO BOÁN
Viana do Bolo, Ourense, 1964
Graduada na escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Mestre Mateo de Santiago de Compostela nas especialidades de decoración e de fotografía artística. En 1990 comeza a expoñer co Colectivo «Sensibilidade Relativa» en Galicia e Portugal, no ano 2000 participou na exposición europea «Danza Urbana» nas Cidades Europeas da Cultura do ano 2000. Na actualidade é profesora de fotografía, e como fotógrafa profesional colabora con distintas revistas e publicacións, e realiza traballos publicitarios e distintos tipos de reportaxes.
Ver fotosExposición: REALIDADE FRAGMENTADA
:::
J. M. DÍAZ BURGOS
Cartaxena, Murcia, 1951
Hai fotógrafos que só ven pel e outros que ven máis alá. Díaz Burgos leva moitos anos viaxando a Latinoamérica —«Raíz de Sueños», «Camino del Inca» ou «El Malecón de La Habana» son froitos das súas investigacións naqueles países—, onde retratou non só a vida das súas xentes senón tamén o cotián da súa intimidade. Ese mesmo ollo achégase igualmente ás súas escenas de praia ateigadas de xentes desinhibidas que son captadas con ironía e acidez. Nas súas fotografías a beleza amósanos o seu lado máis convulso. O seu traballo está estructurado como se de retratos de evidencias se tratara, só que hai algunhas pistas pequenas nel, de xeito que nos escribe todo o visible ademais do latente, que por oculto non vemos.
Ver fotosExposición: CUBA. CATRO CÁMARAS, UN OBXECTIVO
:::
J. M. DÍAZ MAROTO
Madrid, 1957
Viaxeiro incansable, curioso e observador, imprime aos seus traballos unha coherencia estilística, con doses de naturalidade e de aberta visión. As súas imaxes introdúcennos en temas tan diversos como o flamenco, a estrada Nacional II, Cuba, Portugal ou México. Díaz-Maroto necesita mergullarse no fondo dos ambientes que fotografa e sentirse parte deles. Desde 1980 ata hoxe, creou unha forma de traballar que é fiel reflexo da súa firme personalidade, directa, mirando á cara e sen roubar imaxes.
Ver fotosExposición: CUBA. CATRO CÁMARAS, UN OBXECTIVO
:::
Eva DOMÍNGUEZ HERMIDA
Ourense, 1974.
Estudiou fotografía na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense. Actualmente traballa como fotoxornalista en La Región. Ten realizado varias exposicións individuais e ten participado en varias colectivas.
Ver fotosExposicións: DÍAS NOCTURNOS e III CERTAME GALEGO DE IMAXE ARTÍSTICA – XUVENTUDE 2002
:::
Patricia DOPICO RODRÍGUEZ
Fene, A Coruña,1977
Licenciada en belas artes pola universidade de Vigo. Premio Extraordinario Fin de Carreira da Xunta de Galicia e Mención de Honra nos Premios Fin de Carreira do MEC. Entre os premios recibidos, neste 2002 levou o terceiro no Premio Internacional de Artes Plásticas Deputación de Ourense e unha bolsa Novos Valores da Deputación de Pontevedra. Cunha ampla participación en mostras colectivas nos últimos anos, subliñamos as súas dúas individuais, neste ano: unha no Centro Cultural Concello de San Sadurniño (A Coruña), e a titulada «Ciclo Miradas Virxes», con David Barro de comisario, no Centro Torrente Ballester de Ferrol.
Ver fotosExposición: UNHA PELÍCULA DE PEL VIII
:::
Luis ESCOBAR
Villalgordo del Júcar, Albacete, 1887 – Albacete, 1963
Tras a aprendizaxe do oficio en Valencia, establece o seu primeiro estudio en 1915. Cinco anos máis tarde, trasládase a Albacete; xa publicara para entón en La Semana Gráfica, iniciando así unha das características do seu traballo: colaborar nos medios de comunicación, aínda que a súa principal ocupación será a fotografía ambulante, retratando a xente «a domicilio». En 1939 é detido e condenado por «rebelión militar»; nesta ocasión pérdense uns 20.000 negativos, confiscados e posiblemente destruídos. Liberado, continúa co seu traballo, a partir de 1948 axudado polo seu fillo. Desde o seu pasamento, foron múltiples as publicacións e exposicións realizadas coa súa obra.
Ver fotosExposición: LUIS ESCOBAR. FOTÓGRAFO DE UN PUEBLO
:::
Quim FARINHA
Caldas de Reis, Pontevedra, 1966
Realizou estudios de volume na Escola de Arte Mestre Mateo, e distintas exposicións de Escultura en Santiago e Lalín. De formación autodidacta en fotografía, a súa cámara sempre foi un elemento imprescindible nas múltiples viaxes que como músico –é membro de Berrogüetto– ten levado a cabo.
Ver fotosExposición: DES-ORDE OU CAOS
:::
Manuel FERNÁNDEZ CRUZ
Toén, Ourense, 1966
Fórmase como fotógrafo a través de cursos impartidos pola Universidade de Vigo e o FORGA. A natureza e a montaña son a súa temática predilecta.
Ver fotosExposición: II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CLUBE ALPINO OURENSÁN
:::
Héctor FERNÁNDEZ SANTOS-DÍEZ
Madrid, 1973
Ingresa no colectivo «Ollo de vidro» en 1994. Acada un accésit no Certame Galego de Fotografía – Xuventude 99. Desde entón recibiu o 1º premio do Concurso Agresións Arquitectónicas e traballou para o estudio Monopé realizando labores de fotofixa. Unha mostra do seu traballo como fotógrafo de arquitectura pódese ver no libro publicado pola Deputación da Coruña «Arquitecturas da provincia da Coruña», tomo XIII, ou en varias reportaxes da revista Obradoiro nº 20. A última exposición individual, en outubro de 2002, foi no Café Madeira, na Coruña. Premio á mellor colección, categoría A, no Certame da Dirección Xeral da Xuventude. A súa páxina persoal é www. arquifoto.cbj.net.
Ver fotosExposición: III CERTAME GALEGO DE IMAXE ARTÍSTICA – XUVENTUDE 2002 e ARQUITECTÓNICA
:::
Anna FERRER
Terrassa, Barcelona. 1974
Vive e traballa en Barcelona. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e Licenciada en Arte pola Kunstakademie de Düsseldorf. Realizou unha mostra individual na Galería Klosterfelde, Berlín, e a súa última colectiva é esta que a trae ao Outono Fotográfico.
Ver fotosExposición: CERTAMEN DE FOTOGRAFÍA – INJUVE 2001
:::
Fernando GALINDO TERMO
Cieza, Murcia, 1946
Profesor de Artes Plásticas no Instituto «Los Albares» de Cieza. Publicáronlle fotografías recentemente nas revistas, Foto, SuperFoto, SuperBook II, Viajes National Geographic e mais no dominical El Semanal. É asiduo colaborador do semanario local El Mirador e outros medios de comunicación. Na actualidade realiza diversos traballos fotográficos, entre os que destacan: «Campos de flores y tulipanes en Holanda», «Carnaval de Venecia», «La floración en la huerta de Cieza», «Paisajes y Semana Santa de Cieza», «Otoño en la Serranía de Cuenca», «Paisajes Manchegos», «Reflejos Marinos» entre outros temas. Ten realizado numerosas exposicións e recibido máis de trinta premios e distincións.
Ver fotosExposición: 12º CERTAME FOTOGRAFÍA DE MEDIO AMBIENTE 2002
:::
Géber GARCÍA CORDAL
Barcelona, 1976
Autodidacta de formación, reside en Santiago de Compostela. Deuse a coñecer en pequenas exposicións de carácter lúdico, chegando a ter traballos publicados en revistas especializadas, tales como as fotografías feitas ao bicampión galego de fisioculturismo en Muscle Fitness, ou «O apoltronamento do esprito», en Os Ancares.
Ver fotosExposición: DO LECER DA SOIDADE
:::
Antón GARCÍA FREIRE
Santiago de Compostela, 1968
Graduado en artes plásticas, na especialidade de fotografía, pola Escola de Arte Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Ten colaborado e traballado para varias publicacións: Nova Actualidade Turística, DxT Campeón, Territorios, Xóvenes Agricultores, ABC e Abrente. Participou e realizou numerosas exposicións por toda Galicia.
Ver fotosExposición: COMPOSTELAS
:::
Mª de la Vega GARCÍA HUMAYOR
Rebolledo Traspeña, Burgos, 1965
Vive en Vitoria-Gasteiz. Técnico especialista en artes gráficas. Traballou varios anos nun laboratorio fotográfico. Pertence á Sociedade Fotográfica de Álava. Publicou fotografías en varios medios de comunicación, sendo seleccionada na modalidade de fotografía nos premios muller e sociedade do 2001 e do 2002. Expuxo en diversas mostras colectivas: as últimas, na Fundación Escola de Artes e Oficios de Vitoria-Gasteiz, en marzo de 2002; e en Zaragoza, en xullo e agosto. Tivo tamén exposicións individuais, como a da cafetería IBU (Vitoria-Gasteiz) e a de «Man On The Moon». Proximamente ten previsto expor en Madrid na escola de fotografía CEV.
Ver fotosExposición: FOTÓGRAFOS ALAVESES 2
:::
Antón GAVELA GESTO
Ferrol, 1958
Fotógrafo autodidacta e gran afeccionado a montaña, da que saca os seus motivos fotográficos.
Ver fotosExposición: II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CLUBE ALPINO OURENSÁ
:::
Xoel GÓMEZ LOSADA
Ourense, 1981
Ten experiencia laboral como fotógrafo na empresa familiar; ademais estudia fotografía artística na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense.
Ver fotosExposición: IMPRESIÓNS
:::
Juan GONZÁLEZ
Madrid, 1973
Vive e traballa en Valencia. É técnico superior en fotografía, polas Escolas de Artes e Oficios de Valencia. As últimas exposicións individuais, neste mesmo ano, realizounas na Marco Canepa Gallery, de Xénova (Italia), e na Galería Luis Adelantado, de Valencia, nos dous casos coa mostra «Cristos». Participou en colectivas na Daniel Azoulay Gallery, de Miami (EE UU), e na Mostra d’Arte Contemporanea, en Barolo (Italia). Tamén tivo obra nas Feiras Art Miami, ARCO ’02, Muestra 001, Art Chicago, FIAC (Galería Luis Adelantado) e Miart 2002 (Marco Canepa Gallery). Neste ano obtivo unha bolsa da Academia de España en Roma e unha Mención de Honra en «Generación 2002» de Caja Madrid.
Ver fotosExposición: CERTAMEN DE FOTOGRAFÍA – INJUVE 2001
:::
Benjamín GONZÁLEZ BARREIRA
Ourense, 1969
O seu interese pola fotografía vén de moi novo. Iníciase participando en cursiños tanto en Ourense como en Santiago. Aínda que xa participara en algún certame de fotografía, este é o seu primeiro galardón.
Ver fotosExposición: II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CLUBE ALPINO OURENSÁ
:::
Cristina LANDEIRA PAZOS
Treos, A Coruña, 1982
Estudiou na Escola de Imaxe e Son da Coruña, no ciclo de imaxe. Foi operadora de cámara na curtametraxe Sen tempo, e encargouse da foto fixa dun documental de tema social e da curtametraxe Toro. Fixo a iluminación dos espectáculos das galas celebradas na Escola de Imaxe e Son, no curso 2001-02. A súa reportaxe «Treos» expúxose na Escola de Imaxe e Son este mesmo ano.
Ver fotosExposición: TREOS, UN RECUNCHO NA COSTA DA MORTE
:::
Daniel LLANO LLANO
Miñano Mayor, Álava, 1950
Autodidacta. É máster en fotografía aplicada ao nu con Rafael Navarro. Outros cursos que figuran no seu currículo son o de Sistema de zonas, con Manuel Laguillo; Procesos antigos, con Jordi Guillumet; Transfer Polaroid, con Albert Porres; e Sistema Cibachrome, con Diego Ondarra. Participou en numerosas exposicións colectivas e ten realizado catro individuais: na Sala San Prudencio, (Vitoria-Gasteiz); na Sala Fotográfica de Guipúscoa, (Donostia-San Sebastián); na Galería de Arte Aguado (Logroño), e no Museo do Viño (Laguardia). Entre as súas numerosas distincións destacamos o Premio Nacional San Prudencio en 1992, 1993, 1994 e 1999; o Premio Nacional Biblioteca Municipal de Salamanca 2000, e mais o Premio «Bodegas Príncipe de Viana» 2001.
Ver fotosExposición: VI CERTAME VIÑA DOCAMPO
:::
Marta LÓPEZ FERNÁNDEZ
Chantada, Lugo, 1981
Ata o momento, a súa traxectoria artística cínguese á propia aprendizaxe e investigación sobre o seu traballo. Entre os anos 1998 e 2000 estudiou o bacharelato artístico na Coruña, dedicando ese tempo sobre todo á pintura; o seu interese pola fotografía xurdiu no segundo ano. Entre os anos 2000 e 2002 estudiou fotografía artística en Santiago de Compostela, onde reside.
Ver fotosExposición: 9 DISPAROS
:::
Xulio LÓPEZ FERNÁNDEZ
Partovia, O Carballiño, Ourense, 1971
Formación totalmente autodidacta, a través dos libros e de algún que outro consello. É unha afección recente, xa que soamente leva tres anos con ela. Publicou en revistas de fotografía, como Foto (2001) e Super Foto Práctica (book fotográfico, 2000). Foi finalista na categoría monocromo do III Certame Internacional de Fotografía Sicafi 2002 (Arxentina), e participou nas mostras colectivas Cafetería Auriense (2000) e Festa da Historia (2001).
Ver fotosExposición: VI CERTAME VIÑA DOCAMPO
:::
Carolina MARTÍNEZ RODRÍGUEZ
Narón, A Coruña, 1982
De formación autodidacta, practica a fotografía desde o ano 1996, dentro do Grupo Bazán, no que é co-fundadora da Sección de Fotografía. Terceiro premio no concurso de diapositivas Cidade de Ferrol, en 1997. Primeiro premio no certame de Entroido organizado polo Concello de Ferrol, en 1998; Accésit no XV Certame Galego de Fotografía – Xuventude 99, Premios ás mellores coleccións, categoría B, en Xuventude 2000 e 2001, e primeiro premio no mesmo certame e categoría en 2002, entre outros galardóns.
Ver fotosExposición: III CERTAME GALEGO DE IMAXE ARTÍSTICA – XUVENTUDE 2002
:::
Xacobe MELÉNDREZ FASSBENDER
Tegucigalpa, Honduras, 1963
Participou en numerosas mostras colectivas por toda Galicia, onde reside, e presentou a súa primeira exposición individual no pasado Outono Fotográfico. Faríao logo na Coruña e en Carnota. Ten obra en publicacións como a Guía da Provincia da Coruña, da antiga Caixavigo, ou en varios volumes de Galicia Enteira, de Edicións Xerais; colabora ademais con publicacións periódicas e traballa para axencias de publicidade. Sobre a exposición que presenta este ano, Arte Fotográfico, no número 578, publicoulle un portafolios. Ten varios premios en concursos, destacando o 1º no II Concurso de Fotografía Deportiva do Concello de Santiago.
Ver fotosExposición: AS MANS DO VENTO
:::
Koldo MENDAZA
Vitoria-Gasteiz, 1964
Licenciado en xeografía e historia e diplomado en fotografía polo CEV de Madrid. Durante seis anos traballou como fotógrafo de publicidade e tamén como colaborador gráfico. Actualmente compaxina o seu traballo nun instituto e a docencia fotográfica. Recibiu varios premios fotográficos (San Prudencio, «El vino y los cinco sentidos», etc.). Ademais colaborou en tertulias e programas radiofónicos sobre fotografía. Membro activo da Sociedade Fotográfica Alavesa.
Ver fotosExposición: AUNQUE NO PUEDA VOLAR
:::
Miguel MÉNDEZ BARRERA
A Coruña, 1976
Licenciado en comunicación audiovisual, descobre a súa afección á fotografía nos últimos anos de universidade. A partir deste momento asiste a talleres e diferentes encontros fotográficos. Na actualidade compaxina a súa afección co seu traballo en televisión.
Ver fotosExposición: COMPRA-VENDA EN ABASTOS
:::
Francisco MENJÍVAR PASTOR
Málaga, 1955
Delineante de profesión, traballa na Xerencia Municipal de Urbanismo de Málaga. Afeccionado á fotografía, dedícalle gran parte do seu tempo libre. Colabora no Diario de Málaga. Participou nas exposicións: «Mollina, Puntos de Mira», «Homenaje al Pintor Pedro Mendoza», «Presencias» (I e II), da Asociación de Artistas Plásticos de Málaga; e no I Certamen Provincial de Artes Plásticas de Málaga. Levou o 1º premio no Concurso fotográfico CEMI-91 (Ayuntamiento de Málaga), e o 4º premio no II Concurso Nacional de Fotografía Passport Scotch. Ten varias publicacións para os concellos de Humilladero, Mollina e Málaga. Participou no Outono Fotográfico de 200.
Ver fotosExposición: RINCONES DE ANDALUCÍA
:::
Lorena MÍGUEZ PÉREZ
Coles, Ourense, 1981
Alumna de belas artes na facultade de Pontevedra, recibiu o segundo premio da categoría B, no certame da Dirección Xeral de Xuventude.
Ver fotosExposición: III CERTAME GALEGO DE IMAXE ARTÍSTICA – XUVENTUDE 2002
:::
Odilo MOJÓN PÉREZ
Montederramo, Ourense, 1966
Diplomado pola Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Ourense. Fotógrafo afeccionado, fai o Ciclo formativo de fotografía artística na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense. Participou en varias exposicións colectivas nos Outonos Fotográficos. Levou dous segundos premios en senllos concursos organizados pola mancomunidade da Ribeira Sacra e o concello do Carballiño respectivamente.
Ver fotosExposición: ESTACIÓNS ESQUECIDAS (A pantasma do tempo...)
:::
Javier MOLDES MAGDALENA
Sanxenxo, Pontevedra, 1967
Aínda que participa en algún cursiño de fotografía a súa formación como fotógrafo e autodidacta. A natureza salvaxe da montaña é un dos seus temas predilectos.
Ver fotosExposición: II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CLUBE ALPINO OURENSÁ
:::
Alejandro MOURE VALLADARES
Vigo, 1973
Enxeñeiro industrial, comeza a súa actividade fotográfica ao principio dos anos noventa, entrando pouco despois na Agrupación Fotográfica Galega. Levou varios premios en Galicia e resultou finalista en diversos premios nacionais: Camiños de Ferro, Rutas do Mundo e World Fishing Exhibition... Na actualidade colabora con distintas publicacións.
Ver fotosExposición: I MARATÓN DE FOTOGRAFÍA UNIVERSIDADE DE VIGO
:::
Elena MUNÉ
Banyoles, Xirona, 1977
Vive e traballa en Barcelona, onde estudiou fotografía na Universidade Politécnica, continuando a súa formación na universidade de Barcelona e na escola Massana. Traballa na fotografía, na edición gráfica e no tratamento dixital da imaxe. En 2000, realizou a mostra «Fotonovel·la», en La Llotja del Tint, Banyoles.
Ver fotosExposicións: BRAZIL e CERTAMEN DE FOTOGRAFÍA – INJUVE 2001
:::
Miguel MUÑIZ
Ourense, 1966
Formouse como fotógrafo nas escolas de artes de Ourense e Santiago de Compostela. Foi o fotógrafo do Pavillón de Galicia na Expo de Sevilla. Traballou para a revista Nova Actualidade e para a axencia Oryx. Na actualidade é o responsable gráfico da delegación do ABC en Galicia, e así mesmo traballa como fotógrafo na serie As viaxeiras da lúa, producción de Ibisa para televisión de Galicia.
Ver fotosExposición: RETRATO DE GALICIA e GALICIA EN FOCO
:::
Eduardo OCHOA
Lugo, 1952
Ten obra publicada en diversas revistas e ten participado en múltiples exposicións en Lugo, A Coruña, Ourense, Vigo, Madrid, Murcia, Zarautz, Viana do Castelo..., así como recibido numerosos premios. Tamén publicou nos catálogos da Primeira e Segunda Fotobienal de Vigo, «O Mar», «Ollares no Tempo», Outono Fotográfico, Primeira Bienal Lucense, Univerfoto, etc. Paralelamente, está interesado pola recuperación da historia da fotografía en Lugo, sendo o autor do texto «161 anos de fotografía en Lugo», publicado no catálogo da exposición «Memoria visual de Lugo». Así mesmo, é o autor das fotografías que integran os libros Lugo Blues, Meta-relatos, Catro por vinte e Vilalba. Foi o director das cinco Mostras Fotográficas organizadas en Lugo e dedicadas, sucesivamente, a temática libre, paisaxe, retrato, nu e arquitectura. A súa obra está seleccionada na colección editada en Córdoba «Fotógrafos fin de milenio»; en concreto, no volume 3, Fotógrafos de España.
Ver fotosExposición: MIRADAS
:::
Pastor OUTEIRAL
Ourense, 1962
Autodidacta, debuxa e escribe poesía. Viaxeiro desde moi novo, pasa longas temporadas en París e Amsterdam; reside dous anos en Zúric, onde comeza o seu interese polas vangardas europeas e americanas. A mediados dos 80 regresa a Ourense; convalecente dunha longa enfermidade, comeza a pintar e fotografar. Recuperada a saúde definitivamente en 1988, inicia exposicións; das de fotografía destacamos «Contemporáneos, 130 retratos do lado escuro da cidade», no Museo Municipal de Ourense, en 1997.
Ver fotosExposición: OUTSIDERS
:::
José PAZ LÓPEZ
Eibar, Guipúscoa, 1967
Licenciado en ciencias sociais e da información na Universidade do País Vasco. Fotógrafo profesional desde o ano 1990. É responsable da sección de fotografía do xornal ourensán La Región. A súa obra foi galardoada en diversas ocasións: Skoda 2001, Uned 2001, Fotosaab 2000, Avón 1998, Caja España 1998, Fundación 10 de Marzo 1995, Xosé Aurelio Carracedo 1993 e Certamen Galego de Fotografía e Xuventude nas edicións dos anos 1993 e 1994. Coa intención de enriquecer o discurso, interrelaciona a expresión fotográfica con outras artes. Na actualidade trata de acomodar a súa obra nos eidos da ficción, entendida como unha constante, e utilizando para tal fin o espacio, a realidade e as ficcións en si mesmas. A par da fotografía utiliza tamén outros medios de expresión.
Ver fotosActividade: 5 ÍNDICES
:::
Isaac PIÑEIRO
Pontevedra, 1976
Formado na Escola de Arte Mestre Mateo de Santiago. Traballa entre Pontevedra e Santiago, de forma individual no medio fotográfico e audiovisual. Xunto a Israel Franquelo, realizou a intervención do espacio «A Hora do Conto» do Teatro Principal do Concello de Pontevedra, espacio dedicado ao fomento da lectura e a actividades lúdicas.
Ver fotosExposicións: 9 DISPAROS e MIRADAS PRIMARIAS
:::
Alberto PORRES VIÑES
Tortosa, Tarragona, 1951
Enxeñeiro industrial. É artista FIAP (1985) e excelencia FIAP (1988). Ten diversas exposicións individuais e colectivas, en España e no estranxeiro. Ademais de artigos en revistas, ten publicados os libros La España Gótica (Ediciones Encuentro, 1987), Tarragona: La part alta (Deputación provincial, 1990), e El Delta del Ebro (Museo Montsià, 1992). É asiduo dos Outonos Fotográficos.
Ver fotosExposición: 12º CERTAME FOTOGRAFÍA DE MEDIO AMBIENTE 2002
:::
Luis Guillermo QUINTANAL CABRIALES
A Habana, Cuba, 1971
Fotógrafo profesional desde 1990, reside desde hai un ano en España, anque viaxa con frecuencia ao seu país. Na actualidade traballa como freelance. Durante 2001 recibiu dúas bolsas, unha no V Encontro de Fotoperiodismo de Xixón e outra nas xornadas Workshops da Habana. Acadou o 1º premio no certame de Fotografía Humanitaria coa súa fotografía «Defendiendo la alegría III».
Ver fotosExposición: V PREMIO INTERNACIONAL DE FOTOGRAFÍA HUMANITARIA LUIS VALTUEÑA
:::
Rubén RAMOS BALSA
Santiago de Compostela, 1978
Licenciado en belas artes na facultade de Pontevedra. Actualmente cursa estudios de doutoramento na Universidade de Vigo e na Universidade Politécnica de Valencia. Realizou varios talleres de fotografía con fotógrafos como Fontcuberta e Vilariño. Estivo en Valdearte en 1999, e no curso 1999-2000 obtivo unha bolsa Sócrates-Erasmus para Finlandia. Ten recibido varios premios, o último dos cales foi en Ourense, neste mesmo ano: un accésit no Certame Internacional de Arte Deputación de Ourense. Participou en numerosas mostras colectivas e unha individual: «Presentation», na Kuopio Academy of Design and Crafts en Kuopio, Finlandia, no ano 2000.
Ver fotosExposición: UNHA PELÍCULA DE PEL VIII
:::
María REGUEIRO
Madrid, 1975
Licenciada en socioloxía pola U.C.M., realizou no pasado curso o de posgrao de Experto en Comunicación e Arte na mesma Universidade. Participou en numerosos cursos e seminarios sobre fotografía, os últimos o IV Taller-Seminario: «Feminismo(S) y escritura(S) de la Historia» do Instituto de Investigacións Feministas (UCM) e as VII Jornadas de Estudio sobre la Imagen, no Canal de Isabel II (CAM). Levou un accésit nos Certamens de Fotografía – Injuve 2000 e 2001.
Ver fotosExposición: CERTAMEN DE FOTOGRAFÍA – INJUVE 2001
:::
Roberto RIBAO FERNÁNDEZ
Ourense, 1963
Fotógrafo e investigador sobre fotografía. Licenciado en ciencias da comunicación, na actualidade está traballando nunha tese de investigación sobre fotografía no programa de doutoramento «A comunicación audiovisual: realidade e ficción», do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Colaborador habitual da revista Tempos Novos en temas de imaxe. Ten participado nas mostras colectivas «Contrastes» (1990), «A violencia doméstica» (1993) e «Identidades» (2000).
Ver fotosExposición: O BERRO MUDO
:::
Plácido L. RODRÍGUEZ
Gomesende, Ourense, 1954
Activo membro da Real Sociedade Fotográfica de Madrid, cun amplo currículo: exposicións —unha das primeiras, na Casa da Xuventude de Ourense en 1985—, obra publicada en revistas especializadas e na prensa diaria, e cursos. En 1997 creou en Madrid a galería de arte Artegrafía, dirixindo desde entón exposicións de obra gráfica.
Ver fotosExposición: CUBA. CATRO CÁMARAS, UN OBXECTIVO
:::
Antonio RODRÍGUEZ ÁLVAREZ
Lugo, 1971
Tras doce anos de experiencia autodidacta, ingresa na Escola de Arte Mestre Mateo de Santiago de Compostela no ano 2000, onde acada o título de técnico superior en fotografía. Foi colaborador da revista Galicia Meiga (1998-1999). En 2000, participou nunha exposición colectiva sobre a Muralla de Lugo, no Museo Provincial lucense. Nese mesmo ano, e con motivo da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, El Progreso regalou aos seus lectores unha das fotos presentadas polo autor á citada exposición. Dúas fotos apareceron tamén no calendario de 2001 editado por El Progreso. Ese ano participou tamén nunha exposición colectiva co título de «Fotosolidariedade», na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Compostela.
Ver fotosExposicións: ANTE O NU, 35 mm: TOMAS NA RÚA e 9 DISPAROS
:::
Ion Patxi RODRÍGUEZ BILBAO
Amorebieta, Biscaia, 1968
Fixo cursos de perfeccionamento de técnica fotográfica (Asociación Lurkoi, Ayuntamiento de Amorebieta-Etxano), un curso avanzado de fotografía en cor (Centro de estudios audiovisuais IMVAL, Bilbao). Foi fotógrafo oficial do Festival de Jazz de Vitoria-Gasteiz (2001-2002). Foi membro do grupo docente de ensino fotográfico na Sociedade Fotográfica Alavesa, na que se imparten cursos de diferentes niveis así como monográficos de fotografía (1998-2001); tamén foi profesor de fotografía nos centros cívicos de Vitoria-Gasteiz (1999, 2000, 2001). Na actualidade dirixe un comercio fotográfico con estudio, onde realiza o seu traballo persoal e ademais reportaxe social.
Ver fotosExposición: FOTÓGRAFOS ALAVESES 1
:::
Bru ROVIRA
Barcelona, 1955
Incorporouse á redacción de La Vanguardia en 1989, despois de ter traballado para Tele/eXprés, L’Avui e Noticiero Universal. Foi reporteiro nos países do Leste europeo e na guerra da ex Iugoslavia. Como xornalista ten estado presente nos últimos conflictos bélicos en África. Autor de numerosas reportaxes periodísticas e libros de viaxes.
Ver fotosExposición: A OLLADA
:::
Silvia SÁNCHEZ BIANCHI
Madrid, 1972
Desde hai anos reside en Barcelona. Estudia no Institut d’Estudis Fotogràfics (1993-1997). Posteriormente continuou a súa formación de xeito autodidacta. Actualmente, e desde hai catro anos, traballa no seu estudio compaxinado a súa profesión de fotógrafa con outras actividades. É «Abstracciones de la memoria» o primeiro traballo que decide amosar, sendo seleccionada para o Fòrum Fotogràfic de Can Basté, en 1999; despois expúxoo no Centro Cívico desta localidade e acadou un accésit no certame do Injuve.
Ver fotosExposición: CERTAMEN DE FOTOGRAFÍA – INJUVE 2001
:::
Alberto SCHOMMER
Vitoria-Gasteiz, 1928
Posiblemente o fotógrafo español máis recoñecido nacional e inter-nacionalmente. A través do seu orixinal estilo, elaborou os retratos máis característicos de personaxes da política, as artes ou as ciencias (publicados primeiro no diario ABC e posteriormente en El País). Ademais, o seu extenso labor de reportaxe recolle exhaustivos documentos de rexións españolas; p. ex.: as súas series sobre o País Vasco, e tamén ensaios fotográficos acerca de cidades, como Madrid, Nova York, A Habana ou Roma.
Ver fotosExposición: CUBA. CATRO CÁMARAS, UN OBXECTIVO
:::
Olga SEOANE PAULUS
Metz, Francia, 1964
Graduada en Artes Aplicadas, na especialidade de fotografía artística. É profesora do Centro Sociocultural Xoán XXIII, desde 1995 ata hoxe. Participou en numerosas mostras dos colectivos «Cemento Óptico» e «DIN 7», con varias exposicións individuais a partir de 1995.
Ver fotosExposición: KALEIDOS
:::
Montse TENREIRO CALVO
Ferrol, 1979
Realizou un curso de fotografía da paisaxe na Escola Aberta de Arte. Os últimos estudios cursados foron os da especialidade de fotografía na Escola de Arte Mestre Mateo de Santiago de Compostela.
Ver fotosExposición: 9 DISPAROS
:::
Gabriel TIZÓN
Ferrol, 1973
Actualmente exerce a súa profesión diaria no Diario de Ferrol, no periódico deportivo Marca, e no periódico guatemalteco Nuestro Diario –como correspondente en España–, e colabora con revistas e suplementos nacionais e internacionais. No campo artístico, realizou máis de corenta exposicións individuais e colectivas; a súa obra está representada pola Galería Flat File, de Chicago (EE UU), desde agosto de 2000, razón pola que foi adquirida por coleccionistas de todo o mundo. Recibiu diferentes galardóns, tales como o primeiro Premio Nacional de Vitoria, e a súa última exposición individual estivo durante o mes de agosto deste ano no Museo do Pobo Galego.
Ver fotosExposición: 12º CERTAME FOTOGRAFÍA DE MEDIO AMBIENTE 2002
:::
Juan Carlos TOMASI
Madrid, 1959
Xornalista, ten traballado no Diario Sport e nas principais canles televisivas do Estado español. Desde 1995 cubriu a meirande parte dos conflictos do mundo, colaborando con Médicos Sen Fronteiras desde ese ano. Con esta organización ilustra e inclúe traballos fotográficos en exposicións, artigos xornalísticos e publicacións.
Ver fotosExposición: A OLLADA
:::
Tomás VEGA PATO
Manzaneda, Ourense, 1938
Vinculado ao mundo da imaxe gráfica desde a súa xuventude –debuxo, pintura, caricatura, etc.– chega ao mundo da fotografía como consecuencia do seu permanente afán creativo e da inmediatez de resultados que esta lle proporciona. Dáse a coñecer neste medio na década dos setenta, con varias exposicións e premios en diversos certames, tanto de índole local como internacionais, que logo se prolongarían ata a actualidade, e dos que non destaca ningún por consideralos todos importantes na súa medida. Sen embargo, non se subtrae a mencionar o que considera o seu maior éxito, a publicación do seu libro Dende a saída do sol (Vida cotiá en imaxes na Abadía de Oseira), de 1998. Algunhas das fotos contidas no libro foron publicadas na prestixiosa revista Leica Fotografie International. É o único fotógrafo español con portfolio en dita revista. Habitual do Outono Fotográfico, sendo esta a sétima vez que participa nel, sente preferencia pola técnica do branco e negro, fotografando de xeito preferente ás xentes e os seus modos de vida.
Ver fotosExposición: SEN IR MÁIS LONXE
:::
Rosa VEIGA
Ourense, 1965
Desde 1990 é fotógrafa colaboradora en varios medios de prensa escrita: entre eles, Faro de Vigo (edición de Ourense), O Correo Galego, El Mundo de Galicia e Axencia Efe. Participou en exposicións colectivas como «Galicia en foco», «Oitolladas», «Ourense en pé de foto», «Golpes», «Xa é hora, fin de milenio», e tamén en exposicións individuais, como «Caderno de viaxe a Cuba» ou «A marcha da cor da terra» (marcha zapatista en México, 2001). Participa das causas humanitarias, o que a levou a fotografar en distintos lugares do mundo: Sáhara, Brasil, México...
Ver fotosExposicións: MEDRAR SEN DEREITOS, O MONTE É VIDA; O LUME, MORTE, O SOÑO DA TERRA e IMAXES DO FOLIÓN 2002
:::
María X (Pérez Castro)
Castro Caldelas, Ourense, 1979
Estudiou fotografía profesional en PC Carrier —alumna de Peter Schneider— en Santiago de Compostela, e actualmente é alumna de fotografía na Escola de Arte Mestre Mateo, na mesma cidade, compaxinando estes estudios cos de psicoloxía e filosofía. Dedícase principalmente á fotografía de espectáculos e realizou numerosos cursos e seminarios de fotografía. Amosou a súa obra en exposicións colectivas como as que tiveron lugar en Santiago de Compostela na Casa das Crechas, en Malpica no pub Brebaxe ou en Braga no pub Deslize. Coordina o Outono Fotográfico en Santiago de Compostela.
Ver fotosExposición: SE TI VIRAS O QUE EU VIN e VISIÓNS PERSOAIS
:::