![]() |
||||||
«También la memoria es un género de ficción,
todo el que recuerda miente, porque el presente modifica el curso del pasado y el tiempo diluye fronteras entre lo fidedigno y lo ilusorio» José Manuel Caballero Bonald |
||||||
O nacemento da fotografía no século xix foi recibido cun grande alborozo propio de pensar que por fin se contaba cun medio que unía en si mesmo a veracidade e o documentalismo, un medio que era, en suma, a plasmación da realidade mesma. Debemos ter en consideración que naquel momento se valoraba a arte en función da súa similitude coa natureza; a fotografía transmite un realismo que, aínda sabendo que a mirada non é un feito exacto, simulaba participar da crenza elemental de que a realidade podía suplantar a esta emerxendo como a apoteose da percepción directa. Ninguén se formulou naquel momento que a fotografía era un medio máis e non o máis perfecto, para percibir a complexa realidade externa (a súa reducción á bidimensionalidade, o emprego da luz como un condicionante, a mediación tecnolóxica, o carácter estático e monofocal, etc...) A inicial alegría coa que os mestres pintores da época recibiron o novo invento, xa que vían nela un instrumento óptimo para aproximarse á realidade, deven en algo ben distinto cando aqueles «artesáns» fotógrafos pretenderon ser artistas e expor parede con parede xunto ós pintores. É evidente o continuado esforzo que os fotógrafos tiveron que facer durante este século e medio para conseguir recoñecer como un feito «estético» un medio no que xogaba un papel decisivo a reproducción automática. Só para alguén o suficientemente inxenuo, a imaxe estaba aí mesmo lista para ser captada en bruto e sen mediacións Segundo Joan Fontcuberta, Nietzsche suxire que o home é un animal constructor de metáforas. É dicir, que para relacionarse cos seus semellantes e o mundo este necesita crear modelos, ilusións, representacións, que xa non son as cousas mesmas, e nese sentido xera mentiras. Non son mentiras no sentido moral senón duplicados, réplicas, en definitiva, signos. A realidade non preexiste a nosa percepción, é unha construcción intelectual e os modelos da realidade son construíbles dende moitas perspectivas posibles. A IMAXE NON É INOCENTE É de todos coñecido que cando tomamos unha fotografía, e isto é extensible a calquera acto creativo, a imaxe resultante non é inocente. Nunca partimos de cero senón que estamos executando unhas rutinas ideolóxicas, culturais dun sistema de representación. Como un gran visionario que era, László Moholy-Nagy, pioneiro do constructivismo ruso, observou no seu momento que a cámara substituiría no futuro ós materiais de representación tradicionais, e sobre esta consideración como veremos máis adiante pouco ou nada terán que ve-los fotógrafos ó uso. Por outro lado debemos sinalar que o home posmoderno, cos sentidos en evidente proceso de atrofia, se converteu nun persistente mirón. Giovanni Sartori no seu libro Homo videns xa nos alerta sobre o feito de que as imaxes anulan a nosa capacidade de abstracción, elemento cognoscitivo imprescindible para coñecer e comprende-lo mundo. Segundo Sartori, desde nenos a nosa «desinformación» procede nun 80% do ámbito visual. Na nosa sociedade a aparencia e a comunicación instantánea son elementos claves. O espectador convértese, unha vez máis, nun ser alienado que canto máis mira menos ve, canto máis ve menos sente e polo tanto menos pensa. A CLAVE É a partir dos anos sesenta, coa chegada da arte conceptual, cando a fotografía se converte nunha linguaxe de uso común para artistas que con anterioridade traballan coa pintura ou a escultura (Beuys, Ricther, Kiefer, Warhol). Segundo Rosa Olivares a razón non se atopa na perda de interese nos seus campos anteriores, nin nun mimetismo imposible naqueles anos, senón no coñecemento de que a fotografía era moito máis eficaz para a investigación e a experimentación plástica, e con ela poderían desenvolver unha mirada crítica ás conviccións artísticas máis profundas. Co tempo vemos como esas intencións foron asimiladas polas distintas correntes estéticas e colocaron a fotografía ó mesmo nivel que calquera outra práctica artística e deixaron esa capacidade de experimentación e crítica soamente para as cabezas e obras dalgúns artistas, á marxe das linguaxes que usen. A fotografía deixou patente que é un dos medios de comunicación e expresión estética máis ambiguo e no proceso de evolución interna transformou gradualmente a súa función orixinaria, dende a descrición do real e a representación da verdade, seguindo os preceptos da tradición pictórica da arte, representando as ideas estéticas aceptadas socialmente. Pero, ó mesmo tempo, a fotografía converteuse na entrada dalgún dos avances artísticos máis radicais, en parte porque obrigou a que algúns artistas se cuestionen a relación entre a arte e a representación e en parte porque cambiou a nosa forma de pensar e ve-lo mundo. A verdade non pode ser apresada por unha fotografía, xa que esta é libre e cambiante e ninguén coñece a súa auténtica forma, o que si está claro é que o home, a través da arte, presenta e representa o mesmo de formas diferentes.
A fotografía evolucionou, dende a idea orixinal de que era un fiel reflexo da verdade, a súa aparencia en si mesma ata converterse en ferramenta conceptual, amosando que con ela simplemente se recrean e volven a construírse novas formas de representacións. Segundo Rosa Olivares esta é a gran lección que a fotografía nos ofrece ó longo do século xx. Pasando de ser unha simple técnica mecánica de reproduci-lo real ata o seu status actual, converténdose nun dos soportes esenciais para algún dos artistas actuais máis significativos. A fotografía é unha forma máis de búsqueda. Por outro lado seguimos sen resolver os escollos entre a recorrente e falaz polémica da fotografía documentalista e a plástica, entre os chamados fotógrafos e os artistas. Segue parecendo difícil soster que a fotografía se poida expresar de diferentes maneiras. Debemos habituarnos a diferenciar entre fotografías con intención realista, documental ou fotoperiodística dependendo do contexto, con aquelas que se utilizan cunha finalidade de representación, convertendo a fotografía nunha ferramenta conceptual. Ó igual que o facemos no mundo da literatura, entre unha novela e un ensaio por poñer un exemplo. ESPÍRITO CRÍTICO Debemos apelar á intelectualización para fomentar un espírito crítico do espectador, tarefa que corresponde ó artista e as institucións que o sosteñen, e tamén, como non, ó propio espectador. O crítico de arte norteamericano Arthur C. Danto suxírenos que «para entende-lo mundo da arte temos que ler, pensar e mirar, temos que traballar para face-la lectura artística, para que as obras pouco a pouco nos revelen os seus segredos»; sen embargo, o feito de que a cultura estea en mans da política e os medios de comunicación, que frecuentemente só entenden de cifras e de reseñas de prensa, non facilita o labor. Ata hai moi poucos anos a fotografía non saíra do seu mercado específico; hoxe, a abundancia de imaxes fotográficas en feiras, bienais e exposicións é un feito e parece estar chegando á saturación; que a fotografía está de moda a ninguén se lle escapa, o preocupante é que como toda a moda sexa algo pasaxeiro. Todo isto está coincidindo coa última das mutacións do medio que é a aparición das imaxes dixitais ¿quere isto dicir que a morte ou desaparición da fotografía está próxima? Dende o punto de vista da súa materialización fotoquímica está claro que si, como pegada física e como imaxe verdadeira do mundo é un feito. O tratamento dixital das imaxes difire radicalmente do proceso anterior, segundo Daniel Canogar, «a infinita manipulación que permite o retoque dixital e o desprendemento de calquera concesión co referente, redefine o medio por completo». Non obstante, persoalmente o que máis me preocupa non é o devir físico senón a obxectualización do fotográfico como producto artístico de consumo. O mercado da arte reduce a fotografía a unha simple tendencia estética.
A fusión arte-vida, a concepción da vida como obra de arte e a estetización da mercadoría, reformulan dilemas sobre a morte da arte (fotografía). Necesitamos ver máis alá do auxe artístico da fotografía do presente, para realmente apreciar as verdadeiras e fundamentais dimensións dunha tecnoloxía da representación que afectou ó ser humano. Presinto que o xerme do que será o medio fotográfico no futuro depararanos moitas máis sorpresas do que ata agora temos visto. |