Christer Strömholm pertence a unha xeración de creadores que desempeñou na arte do século XX
unha función de enlace. Nacido en Estocolmo en 1918, Strömholm formouse nos ambientes culturais
dos anos trinta, marcados polo retorno á orde trala aventura vangardista. Enfrontados ás convencións
do seu contorno, os novos como Strömholm afastáronse da militancia estética e política dos seus predecesores
e proxectaron a súa rebeldía nos termos dunha busca individual. Para explicar este cambio de actitude,
os xornais e revistas de entón falaban do paso da «época do cromado» (os deseños aerodinámicos,
o culto á velocidade e ó moderno, a cultura de masas) a un neorromanticismo que recuperaba, a contracorrente,
os valores da intimidade, a subxectividade e o secreto. Nos anos trinta, as teorías de Freud e os seus discípulos
incorporaranse á vida cotián e, a diferencia do que sucedera dez anos antes (cando os surrealistas reivindicaban
iradamente o lado oculto do ser humano), achegaban unha nova visión da realidade con conflicto, pero sen ruptura.

“Alberto Giacometti, París,
principios anos sesenta”


Xelatina de prata
Tiraxe moderna
44,5 x 34,5 cm
Bildverksamheten Strömholm, nº inv. 0007
“Madrid, 1960”

Xelatina de prata
Tiraxe de época
24 x 18 cm
Bildverksamheten Strömholm, nº inv. 0280
“Palma, 1960”

Xelatina de prata
Tiraxe de época
24 x 18 cm
Bildverksamheten Strömholm, nº inv. 0263
“Man Ray, París,
principios anos cincuenta”

Xelatina de prata
Tiraxe moderna
44,5 x 34,5 cm
Bildverksamheten Strömholm, nº inv. 0003
“Tánger, 1952”

Xelatina de prata
Tiraxe de época
44,5 x 34,8 cm
Bildverksamheten Strömholm, nº inv. 0026
Christer Strömholm
Estocolmo, Suecia. 1918
Desde 1950 foi un dos fotógrafos máis vangardistas en Escandinavia, e despois da segunda Guerra Mundial, o primeiro en establecerse internacionalmente. Formou parte do grupo alemán Fotoform nos anos cincuenta. Durante a súa estadía en París, ó final da década, desenvolveu unha linguaxe fotográfica análoga ó existencialismo. As imaxes de Strömholm contribuíron sensiblemente dende entón ó desenvolvemento da fotografía como unha forma de arte independente en Europa. A súa capacidade como profesor de fotografía influíu en diferentes xeracións de fotógrafos en Escandinavia. Algúns dos seus temas recorrentes son os retratos, os graffiti, o mundo da prostitución e a morte.
Exposición: CHRISTER STRÖMHOLM

A guerra mundial acabou con ese mundo. Christer Strömholm, como Ingmar Bergman (nacido tamén en 1918),
non renunciou ás aprendizaxes dos seus anos de formación. O freudismo, o experimentalismo e o individualismo
permaneceron como substrato da súa obra posterior, que se despregou nun contexto totalmente distinto
ó que coñecera na súa mocidade. A atracción que Strömholm tiña polos ambientes portuarios e os habitantes
do Barrio Chinés de Barcelona e de Palma de Mallorca entronca coas célebres novelas de Francis Carco
e Paul Morand do período de entreguerras, pero a súa visión estaba totalmente alterada polas circunstancias
dramáticas que acababan de vivirse en Europa. Strömholm afastouse da estética social e proxectou sobre
os que sufrían unha mirada cargada de humanidade. Algo semellante podería dicirse do tema das máscaras
e a teatralización da vida. Dende as novelas de Huxley ata os cadros de Dalí, a arte dos anos trinta abunda
en metáforas sobre a dobre natureza do ser humano. Pero nas súas fotografías de transexuais da Place Blanche
de París, Strömholm aborda o tema dende unha perspectiva nova, cunha ollada próxima
ó documentalismo, implicándose como fotógrafo e como home.

De aí o extraordinario interese que espertan na actualidade as súas fotografías. Esta é a primeira exposición
de Christer Strömholm que se presenta en España. Reúne unha selección de obras dos anos de posguerra,
con especial atención ás series inéditas realizadas no Barrio Chinés de Barcelona e de Palma. Máis alá da súa incuestionable
calidade artística, estas imaxes representan un documento de primeira orde sobre un mundo perdido.