cursoslibrosoutras actividadesinformación





CURSOS


INICIACIÓN Á FOTOGRAFÍA

A cámara fotográfica, a luz, a iluminación artificial. Aberto a tódalas persoas interesadas maiores de 14 anos, a partir do 3 de novembro. 10 horas de duración. Impartido por Otis. Inscrición e realización na Casa da Xuventude de Ourense.

LABORATORIO PARA BRANCO E NEGRO

Aspectos básicos da fotografía, incluíndo o revelado en branco e negro. 20 horas de duración. Impartido por Carmen Sáez. Os sábados entre o 4 de novembro e o 2 de decembro, no Laboratorio do IES Chamoso Lamas do Carballiño. Máis información na Área de Educación e Cultura do Concello do Carballiño, organizador da actividade. Teléfono: 988 530 007.

OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA PARA A ESCOLA.

O revelado en branco e negro. Pensado para docentes e estudiantes de maxisterio e pedagoxía. Na segunda quincena de novembro, en horario de tarde, de luns a venres e cunha duración de 30 horas. Dirixido por David Mazaira Fernández, no laboratorio de fotografía da Ludoteca da ASPG-P, rúa Antonio Puga, 4–soto. Información sobre cota e demais detalles no teléfono 988 248 141.

LABORATORIO FOTOGRÁFICO.

Todo o relacionado co laboratorio de branco e negro. Aberto a tódolos interesados. A partir do 20 de novembro, con 10 horas de duración. Impartido por Otis. Inscrición e realización na Casa da Xuventude de Ourense.

CURSOS EN VERÍN

O Concello de Verín convoca tres cursos no mes de novembro: Manexo de Cámaras Fotográficas, de 20 horas; Técnicas básicas de revelado, de 40 horas; e Técnicas de especialización no revelado en b/n, de 40 horas. Os tres dirixidos por Anxos Borjas Cid, en horario extralaboral, na Casa da Xuventude de Verín, onde se pode face-la inscrición; teléfono: 988 410 000. Entregarán diploma avalado pola Universidade de Vigo.



LIBROS DE
FOTOGRAFÍA



Presentación do libro «As Imaxes de Castelao. Fotobiografía»,
de Xosé Enrique Acuña, editado por A Nosa Terra. Coa participación do propio autor, presentado por Marcos Valcárcel.
O día 16 de novembro, martes, no Edificio Simeón, ás 20:15 horas.

Libros galegos de Fotografía
A Librería Torga, no 12 da rúa da Paz, de Ourense, presentará unha exposición de libros galegos de fotografía. Neste local poderanse atopa-los catálogos das exposicións do Outono Fotográfico que estean á venda.



OUTRAS
ACTIVIDADES



Incendios, morte da terra. Concurso Fotográfico.
Convoca a Casa da Xuventude de Chantada, con organización de Xevale Ecoloxía. Para menores de 30 anos. Tamaño mínimo de 18 x 24. Máximo catro fotografías por autor e dúas como mínimo. Branco e negro ou cor. Tema: «Incendios, morte da terra»; cun premio especial para a mellor fotografía sobre a auga. O prazo de entrega pecha o 24 de novembro. Premios: Reproductor de compact disc, Radiocasete, Cámara fotográfica, e trofeo para a mellor foto sobre a auga. Tódalas fotos exporanse a partir do 27 de novembro na Casa da Xuventude de Chantada.

Ciclo «Cinema e Fotografía».
O Ateneo de Ferrol organiza o ciclo co seguinte programa: día 7, martes, Blow Up; día 14, martes, El Ojo Público e o día 21, martes, Smoke. Os pases serán ás 20:00 horas.

Encontros no Outono.
Co patrocinio de Caixanova e a organización do Colectivo de fotógrafos galegos «Foco Libre», presentase un ciclo de talleres–conferencias que consistirán en: pola mañá, un visionado de traballos do autor invitado con comentarios e explicacións, para os inscritos na actividade; e pola tarde, charla coloquio aberta ó público. O calendario, en tres sábados consecutivos:
Día 11. Vari Caramés
Día 18. Ricard Terré
Día 25. Xulio Villarino

Os encontros terán lugar na Aula de cultura de Caixanova en Ourense, Avda. de Pontevedra, nº 9. Teléfono 988 389 123, onde facilitan información.

Saída Fotográfica de Celanova.
O Concello de Celanova retoma unha actividade que habitualmente figuraba nos programas dos seus Outonos Fotográficos e, da man da súa Oficina de Información Xuvenil, convocou ós afeccionados á fotografía a descubrir aspectos inéditos da vila, nas duas últimas fins de semana de outubro. O 25 de novembro, todos eles están convidados a unha cea na que por votación decidirán a mellor imaxe obtida.



INFORMACIÓN


Telefónica colabora co Outono Fotográfico facilitando na súa tenda da rúa do Paseo, 23, de Ourense, o programa que recolle tódalas actividades, salas e horarios do Outono Fotográfico.