Virxilio Viéitez é un fotógrafo establecido no mundo rural galego na década dos cincuenta e como tal ten moitas características comúns cos demais fotógrafos rurais galegos. A rixidez das figuras, o carácter hierático das poses, a centralidade, frontalidade e simetría das súas imaxes son algunhas delas, características que foron maxistralmente estudiadas polo pintor Carlos Maside hai medio século. Tamén comparte con eles o feito de concibir o acto fotográfico como un acto transcendente onde a grande autoridade do fotógrafo o leva a controlar e organizar totalmente a escena.
Non obstante, a pesar deses aspectos comúns á obra de Virxilio, esta transcende a dos fotógrafos rurais, tendo as súas imaxes uns trazos comúns propios que configuran un traballo tan coherente como insólito. As súas particulares escenificacións son totalmente diferentes ás realizadas polos outros fotógrafos. Baste como exemplo citar a imaxe das tres señoras posando entre dous maceteiros de begonias situados no medio da estrada, as imaxes nas que usa os haigas ou a natureza como telón de fondo ou a introdución de elementos cotiáns do mundo rural labrego galego en escenas de gran solemnidade. Tamén son absolutamente persoais os retratos realizados con destino ao pasaporte ou carné de identidade; o feito de que este último se fixese obrigatorio naquel momento lévao a percorrer toda a bisbarra para fotografar sen ningún tipo de distinción de clase, xénero, idade ou profesión, captando dunha forma verdadeiramente extraordinaria as expresións das persoas retratadas, chamando a atención a seguridade que ten no traballo que está a realizar, dado que normalmente non realiza máis dun o dous fotogramas por retrato, obtendo sen embargo resultados extraordinarios.
Cando no ano 1998 presentamos a exposición, puñamos de manifesto unha e outra vez nas diferentes entrevistas que nos realizaron a similitude do seu traballo co de August Sander, así como o parecido dalgunhas das súas imaxes coas doutros como Paul Strand, ou coas de autores moito máis contemporáneos como Diana Arbus ou Richard Avedon, e así o escribiamos no libro que naquel momento publicamos. Estabamos totalmente seguros de que o interese da obra de Virxilio transcendía o marco galego, ao considerarmos que non existía nas décadas do cincuenta e do sesenta en todo o Estado español un conxunto de retratos que tivesen a intensidade e interese que tiñan os de Virxilio, e eramos conscientes de que a obra de Virxilio Viéitez realizada neste período era digna de ocupar un lugar na historia universal da fotografía. Dispostos a reivindicarmos ese recoñecemento, dedicámoslle un número da nosa colección Álbum, adicada á fotografía histórica galega, e organizamos unha exposición monográfica da obra do período 1950-65. Coa axuda da súa filla Keta positiváronse as follas de contacto dos negativos, realizáronse medio milleiro de copias de estudio, para posteriormente efectuar, tras a reflexión precisa, a escolla das fotografías que ampliar, prestándolles unha especial atención ás dimensións, encadres, futuras colocacións... decidindo respectar o negativo na súa integridade, agás no panel dos retratos nos que nos intentamos aproximar aos cortes que se podían ter realizado no seu momento.
Eramos conscientes de que estabamos sacando as fotografías do contexto inicial no que foran tiradas, estabamos a introducilas noutro contexto e dándolles obviamente outra función. Sen lugar a dúbidas as imaxes foran realizadas coa finalidade de cumprir un encargo comercial concreto: un pasaporte, un carné de identidade, un envío a América, un lugar no álbum, un marco enriba do aparador ou pendurado do teito... pero nunca unha sala de exposicións na que presentalas como obras de arte. Sen embargo nós pensamos que si tiñan ese valor e que como tales debían de ser presentadas e consideradas. Isto non foi un caso insólito. Eugene Atget, un exemplo paradigmático entre os moitos que poderiamos citar, definía as súas imaxes como fotografías para artistas sen pretensión artística ningunha. Foron os surrealistas e Berenice Abbot os que decidiron darlles esa categoría. Como escribiu Régis Durand, unha fotografía convértese en arte cando o proclama o seu autor ou cando os seus compañeiros, os críticos ou outras persoas a proclaman como tal.
Pero sabiamos que se queriamos que Virxilio Viéitez fose recoñecido; sería interesante acadar axiña ese recoñecemento fóra do Estado, antes de comezar a itinerancia, que realizamos co patrocinio da Fundación Caixa Galicia, para así evitarmos os prexuízos con que en moitas ocasións se recibe en Madrid ou en Barcelona o procedente de Galiza. Partindo desta análise decidimos dirixirnos a Chistian Caujolle, director da Agence Vu. Primeiro enviámoslle unhas reproduccións e logo convidámolo a vir á Fotobienal de Vigo para ver a mostra. Foi a vista da esposición a que suscitou de contado o seu interese pola obra de Virxilio, e inmediatamente aprazou a exposición que tiña prevista para a galería que inaugurara nese momento en París, para así poder presentar a Virxilio. Alí puidemos comprobar nos primeiros días do ano 1999 o grande interese con que foi recibida, e a súa entrada en coleccións como a da Fundación Cartier ou a compra de todo o mural con 27 retratos polo Museo Niepce, por citar soamente dous exemplos. Mentres Le Monde, na páxina que lle dedicou, ou Libération, nas dúas que lle asignou, repetían os parecidos entre a súa obra e a dos mestres da fotografía internacional que nós invocaramos na súa presentación. A estratexia funcionou.
Non deixa de ser sorprendente cómo esas publicacións na prensa francesa levaban inmediatamente acompañada a inclusión de reportaxes sobre a obra de Virxilio Viéitez en publicacións de Madrid. No que a Galiza respecta, temos que dicir que a pesar de estarmos extraordinariamente satisfeitos coas respostas do público e da crítica ante as exposicións que nestes catorce anos levamos realizado, as oito edicións da Fotobienal de Vigo en concreto, nunca percibiramos un interese tal como o espertado por esa exposición así como o gran consenso que se estableceu sobre o seu valor. O interese pola obra de Virxilio na prensa galega foi tamén importante e a exposición de Virxilio Viéitez rematou converténdose nun acontecemento mediático.
A pesar do extraordinario valor das fotografías de Virxilio Viéitez, eran ata hai tres anos totalmente descoñecidas agás para os seus veciños aos que, por suposto, non lles pasaba pola cabeza que puidese ter interese dende un punto de vista cultural ou artístico. Houbo tamén alguén do mundo da fotografía que pasou polo lado destas fotografías sen saber ver o que alí había, mais ese é outro tema. Isto débenos levar a pensar na posibilidade de que existan outros autores descoñecidos neste momento. Isto é o apaixonante da investigación da fotografía histórica.
Manuel Sendón. Profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Xosé Luis Suárez Canal. Profesor da Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela.
Comisarios da exposición.
|

Virxilio Viéitez |

Virxilio Viéitez |

Virxilio Viéitez |

Virxilio Viéitez |

Virxilio Viéitez
Soutelo de Montes, Pontevedra, 1930
Ós 18 anos vai traballar como mecánico ós Pirineos, onde compra a súa primeira cámara, para comezar a fotografar as paisaxes e retratar ós seus compañeiros, ós que lles vende as fotos. Posteriormente, trasládase a Cataluña, e traballa en Palamós como empregado do fotógrafo Julio Pallí. No ano 1955 regresa a Soutelo para establecerse como fotógrafo, profesión que exercerá ata a década dos oitenta en toda a Terra de Montes, traballando por tanto en diferentes vilas e aldeas como Cerdedo, Avión, Beariz, Forcarei...
Exposición: VIRXILIO VIÉITEZ |
|