Este I Certame de Imaxe Artística, na súa modalidade de fotografía –o certame engloba con ela a de Banda Deseñada–, é un novo paso na evolución dos Certames que viña convocando a Dirección Xeral de Xuventude en solitario desde 1985, e conxuntamente coa Dirección Xeral de Promoción Cultural desde 1996. Unha novidade moi interesante é o feito de se introduciren dúas categorías atendendo ás idades dos participantes, o que garante a aqueles que están comezando coa súa afección á fotografía uns estímulos que doutro xeito tiñan máis difíciles. Cómpre sinalar ademais que –como afortunadamente veu acontecendo nos anos anteriores– se constata unha maior presencia feminina: nesta edición, as concursantes chegan a acaparar os premios da categoría B, a dos máis novos. A calidade dos novos nomes da Fotografía galega anuncia un esperanzador futuro para o medio.