A orixe da presente exposición está na edición dunha colección de libros de pequeno formato, editados por Franco Sciardelli en Milán, que se remonta a 1989 e que inclúe, entre outros, ós autores que aquí presentamos: o grande escultor Alberto Giacometti fotografado por Henri Cartier-Bresson, cuxo libro foi publicado no 1991, e o fotógrafo Henri Cartier-Bresson fotografado por Martine Franck, que o foi en 1998. A través de 46 imaxes, acercámonos ó mundo familiar e íntimo de dous grandes nomes da cultura deste século que agoniza.

No primeiro caso, o achegamento vén dado pola intensa amizade que ataba a Henri Cartier-Bresson con Alberto Giacometti (Stampa, Suíza, 1901 – París 1966), o grande escultor suízo que, no 1947, atopou o seu propio estilo nesas figuras alargadas, inmateriais, altas e lixeiras coas que alcanzou o recoñecemento mundial. Para Cartier-Bresson, Giacometti é un dos homes máis lúcidos e intelixentes, dunha absoluta honestidade consigo mesmo e dunha grande severidade co seu traballo, obstinándose alí onde encontra maior dificultade.

Vemos a Giacometti coa súa nai, cos seus amigos, con Annette, a súa muller, no seu obradoiro de Stampa, esculpindo, paseando, e recoñecemos algúns dos retratos que xa formaran parte do noso universo iconográfico como ese no que o artista cruza unha solitaria e chuviosa rúa parisiense protexéndose da chuvia coa súa gabardina.

No segundo caso, o acercamento vén dado pola proximidade familiar: Henri Cartier-Bresson fotografado por Martine Franck, a súa muller. Esta ofrécenos un retrato humano rico, complexo e sutil froito dun longo e consciente traballo de indagación psicolóxica e visual da natureza propiamente fotográfica. Así, o personaxe de célebre ira, a encarnación do rigor ético-formal da fotografía contemporánea, o fundador da axencia Magnum, a personalidade de referencia para tres xeracións de fotógrafos, o autor dunha definición da fotografía («o instante decisivo»), o home que abandonou a fotografía para voltar ó debuxo, móstrasenos, a través da mirada tenra, vixiante e agarimosa de Martine Franck, como un home vivo, alegre, curioso, gran virtuoso da amizade.

Nesta exposición, polo tanto, Henri Cartier-Bresson aparece como un dobre protagonista: fotógrafo e fotografado. Se o primeiro é o habitual nun autor considerado un dos grandes protagonistas da historia da fotografía deste século, o segundo non o é tanto xa que é sabido que o home que posúe o ollo máis agudo do noso tempo fuxiu durante décadas do obxectivo doutros fotógrafos, chegando a teorizar acerca da invisibilidade do fotógrafo. Por iso, as espléndidas imaxes que aquí se presentan adquiren, como sinala Fernando Scianna, unha importancia excepcional xa que fan visible o home invisible da fotografía contemporánea, permítennos entrar de cheo na súa intimidade e, o que é máis importante, son a obra de Martine Franck, unha fotógrafa en plena posesión da súa propia madurez e sensibilidade expresiva.

Esta visión íntima de dous dos grandes e venerados creadores deste século, achéganolos en toda a súa humanidade. Contribúe a rompe-las barreiras, e personaxes que se nos aparecían afastados, inalcanzables, distantes, preséntansenos próximos, familiares, íntimos. En suma, humanos. Atopámolos na intimidade dos seus estudios, coas súas familias, paseando polas rúas da cidade, rodeados de xente, sos e con amigos... Quizais esta proximidade, esta visión nos achegue tamén a súa obra.




Henri CARTIER-BRESSON

Chanteloup, Seine-et-Marne (Francia), 1908
Estudia pintura en París (1927-28) e expón as súas primeiras fotografías en Nova York, en 1932. Na 2ª Guerra Mundial é feito prisioneiro en Alemaña conseguindo escapar en 1943. Fotografa a liberación de París. No 46 realiza no MOMA de Nova York unha retrospectiva do seu traballo. Funda a axencia cooperativa Magnum. Traballa en Europa, China e Indonesia. En 1952 publica o seu libro Images à la sauvette e en 1955 Les européens. En 1954 convértese no primeiro fotógrafo occidental admitido na URSS. Reportaxes, exposicións, deixa Magnum en 1966... ata que en 1973 abandona a fotografía e descobre a súa outra paixón: a pintura. O seu sentido da realidade influíu en moitas xeracións de fotógrafos, converténdose no grande mestre da fotografía de tódolos tempos.
Exposición: CARA A CARA


Martine FRANCK

Amberes (Bélxica), 1938
Tras vivir en Estados Unidos e Inglaterra, nos anos cincuenta estudia na Universidade Complutense de Madrid e de 1958 a 1962 estudia arte na Escola do Louvre de París. Na década dos sesenta fai as súas primeiras fotografías en Extremo Oriente. En 1970, entra a formar parte da Axencia Vu. Ese mesmo ano casa con Henri Cartier-Bresson. En 1972 participa na fundación da Axencia Viva. En 1980, entra a formar parte da Axencia Magnum. Da súa obra realizáronse numerosas exposicións tanto individuais como colectivas, e conta con numerosas publicacións. En 1998, a Maison Européenne de la Photogtaphie de París lle consagra unha exposición retrospectiva, «Martine Franck, d’un jour, l’autre» co conseguinte catálogo.
Exposición: CARA A CARA


Henri Cartier-Bresson
"Giacometti coa súa nai. Stampa, 1961"

Henri Cartier-Bresson
“Giacometti dianta da porta da súa casa. París, 1961”

Martine Franck
“Henri Cartier-Bresson con Robert Doisneau. París, 1986”

Martine Franck
“Henri Cartier-Bresson no xardín da súa casa en Rideauville, Calvados, 1970”