![]() |
|
![]() |
|
O artista acendeu a luz do estudio e presentou con xesto circense a galería de retratos decolgados na parede. Fotos en branco e negro que anubiaban a estancia. Na atmosfera borrallenta fluctuaban homes novos de rostro imbécil ou bregallo, espidos de medio corpo, dunha delgadez que permitía o cómputo das costelas. Radiografías de campo de concentración. Todos ex convictos. Empecei cunha serie de poetas, pero axiña vin que a lírica fabrica tetas inchadas. Máis me valese tomar modelos nunha maternidade. Logo retratei operarios da construcción. Outro fracaso. A cervexa e os cubatas e as horas de subhastado, sen que nada os quite do poxo, crían barriga. Desbotei esas preñeces e descubrín a vea dos presidiarios. Corpos desbastados, pero sen a calidade frebuda dos heroes do estadio. Os deportistas son tirabeques correosos. Detesto o ximnasio e o discóbolo. Estas explicacións eran escusadas, porque o palmito do fotógrafo propuña un canon de seu: face carnuda de fadista portugués, de cantar A flor de Inglaterra montada sobre rexo pescozo, peito de pombo e cadeiras escapadas. O retratista mantíñase a certa distancia, pois vía no seu convidado a un deses europeos que se duchan unha vez por semana, a un galego anterior ao Plano de Estabilización (1959) e á auga corrente nas casas. Sensible como un dependente de droguería, amargáballe ofender ao visitante con propostas de ablución. Tentado era, de aí que desexase aquel corpo impoluto e perfumado. Queríalle dicir Pégate un baño se tal, encanto vou preparando a cea. Prá sesión de fotos xa teremos cando, mais enguliu a franqueza e continuou a leria estética: ¿Que che parecen as fotos? A arte é como un pobre de Teresa de Calcuta. Hai que dedicarlle a vida. Se te distraes un pedazo, o tempo de ir tomar as augas na praia da Lanzada, encírrache os cas pra que te remordan. Pero tu xa sabes cómo os remorsos fan presa. Eu estou repeso admitiu o visitador de espetarlle un garfo na nádega a unha prima que me tiraba polo xenio; de copiar os atributos de Deus nas aulas de relixión; de escaldar a un tipo no caldeiro de cocer o polbo, na Festa da Istoria de Ribadavia. Espertouno a ventura de ter retratado un torso belo: os tensadores do pescozo, a rexión das costelas onduladas en calzadas de pavés flamengo, o val glaciar que se desliza pousón cara á éngoa. Desvelouno a gozada de deixarse esmagar por un peso quente. Ranxéranlle as xuntas dos ósos debaixo do amador, como dedos de pianista estarricados antes de pulsar. Pulsáballe o corazón horas despois de acorar con esa proeza halterofílica. O fotógrafo érguese do leito e pasa ao baño. Ex convicto dorme aí ao pé, psicose, quén che manda deitarte, chuveiro, cortina xorreante, bafo, néboa londinense, Jack o Destripador. Atrapado por fortes brazos de mar, nós mareantes, chimpancé que se tira á petrina da tripulación, disconforme coas macacas solistas. Pásase medo. |