TIFF¥OUTONO OUTLINE
TIFF¥FOTOGRAFICO ESTIRADO
Ourense, novembro de 1999
Line
O novembro galego é, desde hai dezaseis anos, fotográfico. Son dezasete edicións do Outono Fotográfico as que permiten dicir isto. Milleiros de fotos, centos de autores e exposicións que procuran deixar albiscar por onde vai a arte da Fotografía na nosa terra e no panorama internacional. A iniciativa que naceu na cidade das Burgas, cando falar de expor fotografías era pouco menos que loucura, hai anos rachou os límites físicos do medio urbano ourensán para espallarse, por toda a provincia primeiro e despois por toda a xeografía de Galicia e mesmo fóra da mesma.
 
Quizais sexa precisamente esta complexidade espacial do Outono Fotográfico –alén da maior ou menor fugacidade inherente a actividades como as exposicións, maratóns ou cursiños, básicas no seu programa– a que fixo que a publicación que do programa de man se facía cada ano, tomando en cada edición unha aparencia máis e máis densa, tivese que se converter nun libro catálogo coma este. Só desta forma, a través dunha publicación con entidade de libro, pode recollerse minimamente a amplitude que está a tomar, nas últimas edicións, o Outono Fotográfico.
 
Neste sexto libro catálogo, como de costume, son amosadas fotografías dunha boa selección dos autores presentes nas máis de corenta exposicións do programa, con apartados especiais para o Concurso Galego de Fotografía - Xuventude '99, a exposición Fotopres '99, da Fundación "la Caixa", e a dedicada ó fotógrafo histórico Alfonso, da Fundación Barrié de la Maza. Compleméntase todo isto con diversos artigos arredor da Fotografía, co texto íntegro do programa –que inclúe, lembremos, non só exposicións, senón tamén proxeccións de diaporamas, cursiños, presentacións de libros, etc.– e con reseñas dos setenta autores presentes neste catálogo de 1999.