O Concurso Galego de Fotografía foi de novo convocado, de forma conxunta, polas Direccións Xerais de Xuventude e de Promoción Cultural, dentro do programa de certames Xuventude '99. A súa misión nesta décimo quinta edición volve ser, como pode inferirse do nome do programa, dar a coñece-los traballos de autores/as novos/as, e incentivar, a través dos premios outorgados, o sempre difícil labor dos/as que comezan en calquera actividade artística. Como complemento á exposición que se realiza tódolos anos no Outono Fotográfico, a constancia impresa fica neste apartado do libro catálogo, dedicado completamente á publicación dos traballos gañadores: a mellor colección, os tres premios e mailos oito accésit. Trátase dun apartado especialmente importante dentro do catálogo e do Outono, xa que é unha boa mostra do sangue novo que flúe polas veas da Fotografía en Galicia, e xa que logo tamén do futuro da mesma.