O Centro Galego de Artes da Imaxe créase, por decreto 210/1989, do 5 de outubro, como un centro de documentación da imaxe en tódolos sentidos, dependendo organicamente da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia. É, polo tanto, a institución responsable no ámbito da imaxe, dende a administración autonómica, de cumprir as seguintes funcións:
– recuperar, catalogar, custodiar e difundir as produccións e as obras conformadoras
do patrimonio audiovisual e fotográfico galego.
– programar proxeccións, mostras, exposicións, seminarios, conferencias e publicacións co obxectivo dun mellor coñecemento das artes da imaxe.
– e colaborar noutras actuacións en Galicia e no exterior, de obxectivos semellantes.

Para levar a cabo estes fins o CGAI conta coa seguinte estructura operativa:
– un Departamento de Documentación, responsable da investigación e recuperación do audiovisual galego, a súa catalogación e custodia e da xestión da consulta dos fondos audiovisuais, documentais e bibliográficos.
– un Departamento de Difusión, encargado da programación de proxeccións cinematográficas e videográficas, exposicións e mostras, e da organización de conferencias, seminarios e cursos.
– e un Servicio de Publicacións como apoio e soporte das actividades e programas dos departamentos anteriores.

O CGAI, inaugurado oficialmente o 15 de marzo de 1991, dispón dunhas instalacións físicas de 1.200 metros cadrados, localizadas na Casa de Cultura Salvador de Madariaga, na cidade da Coruña, e dende a súa creación vén desenvolvendo a súa actividade nos ámbitos do cine, do vídeo e da fotografía de xeito regular.

As actuacións específicas e experiencias dende o CGAI na recuperación da fotografía histórica poden resumirse da seguinte forma:
– A primeira actuación, de ámbito interno, foi a formación do persoal do centro nas problemáticas da identificación de materiais fotográficos históricos e da conservación da fotografía. Consecuente con este proceso foi o establecemento da dotación física dos instrumentos necesarios tanto para a catalogación das fotografías como para sentar as bases mínimas esixibles para a conservación –espacios libres de contaminantes, deshumidificadores e contedores axeitados.

– O proceso de formación do persoal foi paralelo á realización en anos sucesivos de dous Seminarios de Recuperación do Patrimonio Audiovisual, onde especialistas nos ámbitos do tratamento arquivístico de materiais cinematográficos e fotográficos expuxeron as liñas básicas de traballo e a súa problemática singular ante as persoas responsables de entidades como bibliotecas, museos, concellos e asociacións culturais que, de xeito máis ou menos regular, se ocupan ou toman contacto a nivel profesional co patrimonio fotográfico histórico.

Este proceso ten unha continuidade temporal co asesoramento prestado polo CGAI no ámbito da recuperación e da conservación a entidades e investigadores, complementado coa posibilidade de consulta dunha biblioteca en temas de imaxe composta por 6.000 títulos e 122 cabeceiras de revistas. A esto súmase a documentación recompilada polo persoal especializado do centro na temática da conservación e do arquivo da fotografía, tamén posto a disposición dos interesados.

– Dende a súa creación, o CGAI tentou ir conformando un fondo de fotografía histórica que, no posible e sempre coa limitación dos recursos económicos, sentase as bases dunha panorámica da fotografía en Galicia dentro do marco dunha institución pública.

Este fondo contou dende un principio cunha colección de placas de vidro do fotógrafo coruñés Pedro Ferrer, herdada do Arquivo da Imaxe, que foi incrementándose no tempo, e citamos os nomes máis coñecidos, con copias de época de Andrés Cisneros, Louise Sellier, Francisco Zagala, Avrillón, entre os fotógrafos do dezanove, e de Pacheco, Pascual Rey, José Gil, Almeida, Ksado, Chicharro e o citado Ferrer, entre os do vinte. Lotes máis amplos de placas e negativos flexibles adquiríronse ou recibíronse en doazón ou depósito ata formar un conxunto de 10.000 unidades. Entre eles, parte da obra máis comercial do estudio Pacheco de Ourense e a de Chicharro en Santiago. Dentro da consideración de copias modernas, ou reprints, foi importante a entrada no arquivo dun lote de 180 fotografías realizadas por Pelayo Mas nas súas campañas en Galicia nos anos 1919 e 1922, de obra de Dionisio Tasende ou da coñecida reportaxe da emigración de Manuel Ferrol.

Como apartado complementario, pero non menos valioso para unha análise documental e histórica, integrouse no fondo obra de fotógrafos galegos en soportes non fotográficos, como son as postais, os libros gráficos e as edicións realizadas coas diversas técnicas de impresión fotomecánica.

Outra forma de recuperar a nosa memoria fotográfica foi a investigación, localización e mostra pública do traballo realizado por fotógrafos tanto galegos como estranxeiros en distintas épocas, conservado en diferentes institucións e museos. Neste senso sinalemos as tres actuacións máis reseñables e xa materializadas.

– A localización no Arquivo da Catedral de Santiago de dous albumes con fotografías en papel albumina de Charles Thurston Thompson, realizadas no ano 1866 en Santiago de Compostela. Para difundir estes delicados materiais, editouse un libro cun texto de Lee Fontanella e a colaboración do Museo Victoria e Alberto de Londres, entidade responsable da viaxe de Thurston a Galicia, que conservaba na súa colección outras fotografías de interese para este proxecto. Thurston compuxo un dos conxuntos fotográficos máis relevantes do século dezanove en Galicia. A súa calidade plástica ten difícil parangón cos traballos contemporáneos e o seu valor documental acrecéntase pola escaseza de fotografías de exteriores desa época.

– Outra liña de traballo foi o estudio das 6.500 fotografías realizadas por Ruth Matilda Anderson en Galicia, materializado recentemente nunha mostra e na edición dun libro catálogo. O proxecto, que contou coa colaboración da Hispanic Society of America, promotora e propietaria actual do fondo Anderson, era unha vella aspiración do CGAI, adicando un grande esforzo de persoal, administrativo, temporal e mesmo económico na súa realización. Hoxe, podemos considerar que a obra de Ruth Anderson é un episodio fundamental na recuperación da nosa memoria histórica visual, tendo en conta tanto o seu singular valor documental como a innovadora aposta da súa linguaxe fotográfica. Estas fotografías, realizadas entre 1924 e 1926, compoñen o máis impresionante e valioso fondo fotográfico existente sobre Galicia, destacando a súa orixinalidade, o excepcional carácter deste ensaio e a diversidade de localizacións, todo dentro dunha calidade plástica de primeira orde.

– As fotografías do citado Pelayo Mas, conservadas no Institut Amatller d’Art Hispánica en Barcelona, foron tamén obxecto de estudio e da montaxe dunha exposición itinerante –comisariada por Xosé Enrique Acuña– co seu correspondente catálogo. A obra de Mas recolle as mostras máis senlleiras da arquitectura e da arte galegas, pero sen esquecer, e aquí está o maior interese hoxe en día do seu traballo, aspectos da vida cotiá e de tradicións populares e relixiosas que conteñen claves, xa desaparecidas, da particular personalidade do pobo galego. Unha consideración diferenciada tivo a difusión e o estudio da obra de fotógrafos históricos galegos. No ano 1993 organizouse unha exposición antolóxica de Veiga Roel, que representa na fotografía galega dos anos cincuenta e sesenta unha das máximas expresións do movemento chamado “salonismo”. Para o catálogo, editado dentro dunha colección de especial calidade de impresión, recuperouse un texto orixinal de Blanco Amor sobre Veiga Roel.

Outra exposición, inaugurada en 1999, mostrou a singular obra de Schmith de las Heras, compañeiro de Veiga en parecidas teimas fotográficas. Para esta mostra antolóxica do máximo representante en Galicia do movemento pictorialista dispúxose dunha escolma de setenta orixinais e da colaboración de Carl King, da Universidade de Clenson en Carolina do Sur, historiador especializado no pictorialismo en España.

Un traballo en fase de producción avanzada corresponde á obra de Pedro Ferrer, un dos fotógrafos máis significativos do primeiro tercio do século. As fotografías deste editor e fotógrafo iniciaron en Galicia un novo modo de documentalismo, sacando á rúa a cámara sen disimulo e enfrontándose coas xentes na súa actividade diaria de traballo ou lecer. O CGAI conta cunha colección, como xa temos citado, de placas de vidro de Pedro Ferrer, ademais dun fondo de positivos de época que serán parte fundamental da mostra.

En relación con outro caso dun autor que tamén compaxinaba os labores coa cámara coa xestión dunha imprenta, o CGAI colaborou en 1993 coas Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia na preparación dunha mostra sobre Ramón Godás e na edición do correspondente catálogo, coordinado todo por Xosé Manuel Rodríguez.

Como un proxecto non encadrable nos apartados anteriores, temos que citar a mostra chamada “Fotografía Decimonónica” que englobou unha selección das fotografías conservadas dentro da Colección Muruais da Biblioteca Pública de Pontevedra. Este fondo, dunha singularidade especial tanto polo contido como pola personalidade do coleccionista, serviu para sacar á luz unha exposición con nomes tan salientables da historia da fotografía como Nadar, Carjat, Disderi, Pierre Petit ou os irmáns Downey, conformando un itinerario iconográfico pola sociedade política e cultural europea finisecular.

Outra mostra, organizada de xeito itinerante para sensibilizar á sociedade galega tanto da importancia do coleccionismo público e privado como do seu patrimonio fotográfico, foi “A fotografía nas coleccións galegas” que, á parte de obras contemporáneas, permitiu comprobar o estado da cuestión nas nosas institucións culturais dunha das linguaxes máis vivas da expresión artística dos últimos 150 anos.

Estas son, esquematicamente e sen alongarse en detalles, as actividades e liñas de investigación e de traballo abertas polo CGAI. Cara ó futuro máis inmediato cóntase cun apoio explícito dos máximos responsables da Consellería de Cultura cara ás artes da imaxe e, en particular, á fotografía. Esto implica que a fotografía histórica vai ter un papel relevante nos planos do CGAI. Esperamos cumprir cos obxectivos marcados, así como contar coa colaboración e co estímulo de todos para levar adiante eses proxectos.

THURSTON THOMPSON
Santiago. Vista xeral da catedral e edificios anexos.
(Arquivo Catedral de Santiago)

RUTH M. ANDERSON
Vista dende un balcón do Hotel Roma, Ourense. 1926

RUTH M. ANDERSON
Partes dunha bota. Outeiro, Pontevedra.1926

MAS
Carretando madeira, Fisterra
.

MAS
Conversa
na rúa do Vilar.

VEIGA ROEL
Agarimo.

MAS
O Santo Cristo de Xende.

VEIGA ROEL
Vendedor de xornais.

SCHMIDT DE LAS HERAS
Rapeteando.

SCHMIDT DE LAS HERAS
Sen título.

RAMÓN GODÁS
Máximo Piteira Fernández
velando o seu irmán Afonso. Torrón. c.1926.

RAMÓN GODÁS
Disfrazadas de Galegas. c.1926.

W&D DOWNEY
Sarah Bernhardt.
Fotografía Decimonónica.

J. AYOLAS
Xitana de Granada.
Fotografía Decimonónica.

MANUEL ÁLVAREZ BRAVO
A boa fama durmindo. 1938
A Fotografía nas Coleccións Galegas.