Virginia Rota, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, expón o seu traballo na Sede Afundación de Ferrol
A cidade de Ferrol recibirá un ano mais a exposición do prestixioso Premio. «O mundo ao principio» poderá visitarse até o 30 de xaneiro.
Como cada ano, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, itinera a exposición do proxecto gañador polas cidades galegas nas sedes de Afundación. «O Mundo ao Principio» de Virginia Rota, vencedora da sexta edición, segue a súa itinerancia en Ferrol, logo de estar en Lugo e Vigo, en Portugal e en Barcelona.
A exposición está xa aberta ao público desde esta mesma mañá, na que houbo un acto de presentación presidido por Verónica Rego López, Coordinadora da Sede Afundación Ferrol; ao que ta´m asistiron Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e Vítor Nieves, coordinador do Premio e curador da exposición.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea é lanzado cada ano pola Asociación Outono Fotográfico, co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O traballo de Virginia Rota entronca á perfección co obxectivo do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, por iso o xurado tivo a ben destacalo. En «O mundo ao principio» a autora traballa con 25 nenas e nenos para demostrar como é o xeito de ollar, compor imaxes e crear antes de estar contaminados e uniformados pola educación e o entorno. Cunha metodoloxía de traballo na que ten en conta as particularidades de cada crianza así como os tempos, solicita ás crianzas que fotografen todo aquelo que lles é importante na vida. Na exposición poderemos ver por unha parte os maxistrais retratos que a autora lle fixo aos nenos e nenas coas que traballou, e por outra banda unha selección e posta en común das 675 fotos feitas polas persoas miudas de ollar adulto e criatividade sen parangón.
A exposición «O mundo ao principio» de Virginia Rota estará en Ferrol até o 30 de xaneiro, momento no cal seguirá a súa itinerancia polo resto de cidades galegas polas sedes de Afundación.