Un proxecto a cabalo entre o conceptual e o documental faise co Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O proxecto “Posesións para un esquecemento” de Daniel Díaz Trigo faise co recoñecemento do xurado do premio que lanzou o festival Outono Fotográfico.

Co patrocinio da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, o festival Outono Fotográfico convocou este ano o I PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA.

O premio ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento.

Alén diso, pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso País que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores/as tanto nacionais como estranxeiros.

O I PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA está dotado con 16.000 euros, o que fai que sexa o premio fotográfico mellor dotado da península. Asemade, o premio vai máis alá de agasallar cun montante económico a un autor/a, senón que está prantexado para crear un produto cultural que valore o proxecto, que publicite ao autor e que revalorice a creación artística galega. Polo que se concedeu un único premio consistente na produción dunha exposición que itinerará durante cinco anos e na publicación dun libro.

A convocatoria foi secundada por autoras e autores de 10 países, con proxectos de grande calidade, polo que ao xurado foilles complicado chegar a quedarse cos de Antonio López Losada, Daniel Díaz Trigo e Jose Rodríguez Romay, que foron os tres finalistas.

O xurado estivo composto por Manuel Sendón, catedrático de fotografía na Facultade de BB.AA. de Pontevedra e co-director do CEF; Manuel Vilariño, Premio Nacional de fotografía do estado español; Ângela Mendes Ferreira, directora dos Encontros da Imagem; Xosé Lois Vázquez, Director do Outono Fotográfico; Vítor Nieves, Coordinador da Sección Oficial do Outono Fotográfico e do Premio, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo e Mercedes Gallego, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación universitaria en Ourense.

Daniel Díaz Trigo, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, acadou a unanimidade en canto a ser o proxecto mellor presentado e que reunía os requisitos que buscaba o xurado para un premio deste nivel. “Posesións para un esquecemento” é un proxecto no que Díaz Trigo leva traballando sete anos. Nel mestura o peso documental implícito desde o nacemento da fotografía, coa plasticidade e conceptualidade que o medio acadou co paso ao eido das grandes artes. O proxecto pretende pór de manifesto unha harmónica conxunción entre memoria colectiva e íntima, un paseo pausado polas lembranzas e o esquecemento, mais tamén polo seu territorio, acoutado nuns poucos quilómetros. O autor presenta o resultado da teima pola compilación de lembranzas que materializa en forma fotográfica para que non sufran o abandono na memoria persoal, e no maxín colectivo e institucional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *