Tamara Wassaf, Alfonso Almendros e Jordi Miquel Riera, finalistas do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2017

O certame lanzado polo festival internacional Outono Fotográfico co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo fará público o gañador despois da media noite deste domingo.

Angel Sotelo SeguinO xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que chega este ano á quinta edición tivo que enferentarse a numerosos ensaios fotográficos chegados desde distintos paises, e «de gran calidade, polo que foi moi difícil a decisión» di Vítor Nieves, coordinador do Premio.

Ao longo do día de onte as e os membros do xurado fixeron o visionado dos proxectos escollendo finalmente os de Tamara Wassaf, Jordi Miquel Riera e Alfonso Almendros.

O xurado estivo este ano formado por Eduarda Neves, profesora da Escola Superior Artística do Porto (ESAP,Portugal), curadora independente e escritora; Patricia Veloso, directora do festival Encontros de Agosto (Fortaleza, Brasil) e da Imagem Brasil Galería e editora na Terra da Luz Editorial; Lola Mac Dougall, directora artística do festival JaipurPhoto, directora do festival GoaPhoto e editora da Punctum Magazine; Xosé Lois Vázquez, director do festival internacional Outono Fotográfico, editor e cofundador de Difusora e fotógrafo; Vítor Nieves, curador do Outono Fotográfico, coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, coordinador de Lab_in Gallery e fotógrafo; Armando García Ferreiro, profesor de fotografía na EASD Antonio Faílde (representando á Xunta de Galicia); Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo), e exerceu como secretaria sen voto Manú Gallego.

Pasadas as 48 horas da publicación dos seleccionados, a organización fará público o nome da persoa gañadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *