Romasanta

Tras os pasos do lobishome

«A imaxe xa non pode imaxinar o real, posto que ela é o real […] é como se as cousas tivesen engulido o seu espello, e ao facelo voltáronse transparentes.»

Jean Baudrillard, O complot da arte

Na Galiza, a tradición di que aquela crianza que sexa a séptima nunha consecutiva liña de descendentes varóns, está predestinado a converterse nun lobishome.

Manuel Blanco Romasanta (máis coñecido como Lobishome, O do Unto, Home do Unto, Sacamanteigas ou Sacauntos) foi o único caso de licantropía rexistrado na xustiza do Estado Español e o primeiro asasino en serie do que existe rexistro documental. A día de hoxe a súa historia segue viva a través da tradición oral que pasou de xeración en xeración converténdoa en lenda, e o que foi realidade mestúrase con mitos e relatos fantásticos.

Romasanta naceu nunha familia humilde formada por María Romasanta e Miguel Blanco e varios irmáns no rural ourensán un 18 de novembro de 1809. Era o sétimo fillo. Aínda que acabou chamándose Manuel, a partida de nacemento consignou o nome Manuela e foi criada como unha nena ata os seis anos de idade, momento no que un doutor impón o seu xénero masculino a teor da virilización do seu corpo que até entón, os seus xenitais intersexuais, definían como muller.

As transcripcións das testemuñas da época deixaron constancia de que era un home de “formas femininas”, e certas habilidades nas labores propias da muller da época como a costura, a cociña e mesmo a súa esaxerada devoción pola fe católica e o entendemento cos abades. Ademais sabia ler e escribir, algo moi raro na época, o que lle daba unha posición de poder fronte á maior parte da xente coa que se relacionaba.

Dedicouse á venda ambulante polas serras galegas. Tamén foi coñecido por ser guía de viaxeiros por terras de Castela, Asturies e Cantabria, o cal lle ofrecía oportunidades para comerciar. Comezou a estenderse o rumor de que vendía unto humano e que, polo tanto, era un criminal. Foi acusado do asasinato dun alguacil en Ponferrada. Xulgado e condenado en rebeldía, conseguiu fuxir, e estivo agochado durante anos. Nese tempo fóronse sucedendo unha serie de desaparicións nas aldeas do Macizo Central ourensán polas que pasaba, que, aínda que diferentes na técnica, gardaban semellanzas entre si.

Foi capturado en setembro de 1852 en Nombela (Toledo) e xulgado en Allariz e na Audiencia da Coruña. Durante o xuízo, polo que se lle imputaban 9 asasinatos (todas elas mulleres e algúns dos seus fillos), recoñeceu que matara 13. Confesou ao xuíz, e así quedou recollido nas actas do xuízo que aínda se conservan no Arquivo Histórico do Reino da Galiza (na Coruña), que empregaba as mans e os dentes para asasinar ás vítimas, e comía os restos. Tamén confesou que fora vítima dunha maldición que o facía transformarse en lobo, vagar polo monte e botarse ás persoas co impulso irrefreábel de comelas.

O 6 de abril de 1853 o xuíz de Allariz emitiu unha sentenza de morte que condenaba a Romasanta á morte en garrote. Ao pouco de asinarse a sentenza un hipnólogo francés que coñecía o caso pediulle ao ministro de Graza e Xustiza que adiase a aplicación da pena e que lle permitise tratar o caso. O hipnólogo argumentaba que Manuel Blanco padecía unha enfermidade mental monomaníaca chamada licantropía, e quería estudalo. Aínda houbo dúas vista máis, na Audiencia da Coruña, o que dilatou o proceso mais un ano. A primeira anulou a setenza de Allariz pola inmediatamente inferior, a cadea perpetua, e a segunda, de novo, a pena de morte e a indemnización de 1.000 reais por vítima. En paralelo, os avogados da defensa conseguiron que a raíña Isabel II lle conmutase a pena por cadea perpetua alegando que non existían máis probas ca súa propia confesión.

A súa morte foi durante anos un misterio, mais investigacións recentes demostraron con precisión que morreu no cárcere de Ceuta. A lenda di que voltou ao monte e segue a vagar pola Serra de San Mamede.

A Lycan Foundation

A Lycan Foundation foi creada no ano 1980, a raíz do legado do derradeiro compoñente da familia algonquina Iðiniwü, orixinarios de Ontario, pero ubicados desde a Guerra da Independencia no norte de Michigan (USA).

Os algonquinos son animistas, é dicir, con fortes crenzas relixiosas en todo o natural. Actualmente existen reservas en algúns estados, aínda que polo xeral, viven espallados pola sociedade americana.

A familia Iðiniwü tiña unha relación especial coa natureza e algunhas lendas relacionan a súa historia coa do Wendigo: o fillo sétimo varón de cada xeración tiña a habilidade de mudar en lobo. Esta mutación sucedía unha vez traspasada a maioría de idade (15 anos de idade para os algonquinos), e sempre despois de escoitar voces que proviñan do máis profundo do bosque. Actualmente este fenómeno está estudado polos mellores psicólogos do mundo, a raíz de que o pai do hipnotismo Joseph-Pierre Durand de Gros (1826-1901) falara da licantropía como a chamada atávica da natureza á que o ser humano resposta cos instintos máis primitivos.

A Lycan Foundation ten entre os seus obxectivos protexer, custodiar e restaurar o legado dos Iðiniwü, así como a divulgación dos seus descubrimentos e a divulgación da súa historia. Así por exemplo unha das primeiras accións levadas a cabo pola Lycan Foundation é a produción dunha exposición que, partindo de Newberry (Michigan), percorreu a totalidade dos estados de USA dando a coñecer a historia dos algonquinos en xeral e a dos Iðiniwü en particular, así como unha manchea de documentos dos licántropos desta familia, obxectos persoais e até restos da exhumación e documentos gráficos que certifican a veracidade para os máis escépticos, sendo moitas das pezas desta mostra totalmente inéditas.

Mais o meirande obxectivo desta casa é desenvolver estudios relacionados coa ciencia da licantropía, tanto en terra algonquina, como en calquera parte do mundo onde existan conatos licántropos, favorecendo a súa divulgación científica, o seu estudo por expertos especializados, así como a investigación de casos pasados e súa recuperación nun intento de dignificación da memoria histórica dos que ao longo da historia tiveron a cualidade de mudar en lobos.

A sede da Lycan Foundation está ubicada na zona norte de USA, en Newberry, unha das cidades máis frías de Michigan, nunha terra onde abundan os lagos e escasean as persoas. Moi preto está a reserva algonkina de Iðiniw, a cabalo entre Ontario (Canadá) e Wisconsin.

Ivort Macsaw

Ivort Macsaw foi nomeado Presidente Honorario da Lycan Foundation en 2016, un ano despois da súa repentina morte.

Foi un dos mais destacados investigadores da Lycan Foundation. Filósofo de formación, acabou por doutorarse en antropoloxía pola Michigan State University. Con anos de experiencia no eido da investigación, no 2006 foi nomeado Xefe do Departamento de Documentación da Lycan Foundation, onde iniciou unha campaña pola internacionalización da fundación con proxectos en colaboración con institucións de todo o mundo.

No 2000 chega á Galiza para estudar in situ o caso de Romasanta, logo de ter feito un amplo traballo de pesquisa co que descubre que, malia ser una caso do que se escribiu moito e do que se conservan até documentos oficiais de inspeccións médicas e até dos xuízos, a historia apresentaba certas sombras difíciles de resolver desde Michigan.

Foron dúas as viaxes a terras galegas no 2000 e no 2009, con estancias de 11 e 9 meses, co obxectivo de unir as pezas da historia que estaban por descubrir. Para elo emprende un recorrido mapeando todos os lugares polos que pasou Manuel Blanco Romasanta en vida: aldeas nas que viviu, nas que se escondeu, camiños entre vilas e carrouchos de monte que vertebraban as aldeas polas que Romasanta andou como quincalleiro case 200 anos antes na procura de algún vestixio ou testemuña, mais sendo consciente da mitificación que tiña experimentado a súa figura nestes anos.

Macsaw, nesa obsesión que o caracteriza por gañar visibilidade para os proxectos e campañas da Lycan Foundation, criou un blog no que ía publicando as súas andanzas en terras galegas e os novos datos sobre Romasanta en textos a modo diario acompañados, como non podía ser de outro xeito, por fotos, amante da fotografía como é.

Grazas a este blog podemos localizar todos os lugares que visitou e até saber que fontes o levaron aos achádegos. Así, por exemplo, podemos ler como a casualidade lévao a descubrir en Ponferrada (vila pola que pasou varias veces Romasanta) que á volta de Chaves coa sua burra cargada de quincalla para vender, o licántropo fixo noite nas inmediacións das augas de Caldeliñas, en Verín. Ivort, logo da visita ás ruinas do balneario achégase a un anticuario no centro da vila para adquirir unha cámara antiga. O anticuario daríalle a pista definitiva para pechar a historia que levaba 2 séculos sen confirmar: os cadáveres das vítimas de Romasanta existían.




O achado de Ivort Macsaw, supuxo unha revolución mediática no 2009.