«Prova» de Patrícia Barbosa, novo libro do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea
O certame fotográfico máis importante da Galiza presentou hoxe o libro do proxecto gañador da última edición nunha coidada publicación baixo o selo editorial da Difusora de Letras Artes e Ideas.
A Photo Art Gallery de Ourense acolleu hoxe o acto de presentación da publicación Prova, VIII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea» que recolle as imaxes do ensaio homónimo que se ergueu co recoñecemento do xurado do Premio galego. No acto, ademáis de Patrícia Barbosa, estiveron presentes os organizadores e editores Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves, e o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea lanza así o seu noveno libro nos seus oito anos de existencia. O Premio Galicia naceu ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de situar á Galiza no circuito internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea. Co proxecto gañador, en cada edición prodúcese unha exposición que itinera durante dous anos e editase un libro.
«Prova, VIII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea» é a tradución a libro do ensaio fotográfico de Patrícia Barbosa, no que indaga sobre a historia recente de Portugal, en concreto da chamada Guerra Colonial. Un traballo que parte do álbum familiar para recoller fotografías de álbums de ex-militares, documentos da época, cartas entre a Metrópole e as ‘Colonias de Ultramar’ e unha serie de retratos e paisaxes da propia autora. Un traballo que vai para alén do fotográfico e que mostra unha minuciosa recolla histórica. A autora constrúe un corpo documental de tintes sociolóxicos que reflexiona sobre o proceso de descolonización e procura novos diálogos sobre unha historia recente que aínda é tabú no país veciño. Patrícia Barbosa pon en dúbida o discurso oficial da época que segue a perpetuarse na actualidade.
O libro pode edquirirse na páxina de Difusora de Letras, Artes e Ideas e en librarías especializadas.