Preséntase o fotolibro de Felipe Romero, gañador do VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O certame fotográfico máis importante da Galiza presentou hoxe o libro do proxecto gañador da última edición nunha coidada publicación baixo o selo editorial da Difusora de Letras Artes e Ideas.

 

A Galería Marisa Marimón de Ourense acolleu hoxe o acto de presentación da publicación «Redución, VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea» que recolle as imaxes do ensaio homónimo que se ergueu co recoñecemento do xurado do Premio galego. No acto, ademáis de Felipe Romero Beltrán, estiveron presentes os organizadores e editores Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves, e contou coa asistencia telemática do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea lanza así o seu oitavo libro nos seus sete anos de existencia. O Premio Galicia naceu ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de situar á Galiza no circuito internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea. Co proxecto gañador, en cada edición prodúcese unha exposición que itinera durante dous anos e editase un libro.

«Redución, VII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea» é a tradución a libro do ensaio fotográfico de Felipe Romero Beltrán co que indaga os procedementos de arresto e sometemento policial de persoas migrantes no Estado Español. Un traballo en varias capas que parte da situación vivida en carne propia.

O libro, dividido en capítulos, mostra documentos e manuais da Policía Española ao que o autor tivo acceso e onde se narran esquemas de redución, un segundo capítulo no que o autor fai un mapeado das “Zonas Quentes”, é dicir, aquelas ruas que son frecuentemente patrulladas para evitar a presenza de persoas migrantes, e por último, a través de escenificacións feitas con dous homes migrantes, móstranos a violencia que o Estado exerce sobre eles.

«Redución» é un proxecto comprometido que pretende «a reflexión sobre os Estados que construímos e as democracias actuais» o que non deixa de ser «unha crítica a un Sistema que ás veces, sen decatarnos, pode ser moi violento», dixo o autor.

Na súa quenda, Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia) destacou o papel do Premio Galicia como un proxecto necesario para a fotografía, «un proxecto feito na Galiza, mais con vocación internacional», e puxo de manifesto a «importancia da impecable publicación, que coloca o nome do noso País en portada, un proxecto en chave contemporánea feito desde aquí para o mundo».

Na intervención de Xosé Lois Vázquez, editor do libro debulláronse os aspectos editoriais do deseño da publicación «pensado para acentuar a idea do autor, no que cada parte do fotolibro ou cada material utilizado ten que ver coa historia e coa propia linguaxe do proxecto fotográfico».

Pola súa banda, Vítor Nieves (curador e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea) percorreu os «7 anos de Premio que deron 8 libros e 8 exposicións coas súas correspondentes itinerancias de traballos fotográficos completamente diferentes» nun proxecto «consolidado, o que se fai ver na crecente calidade dos ensaios fotográficos apresentados ano após ano».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *