O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2016 presenta as súas bases
Convócase unha nova edición do certame fotográfico que presentará este venres 22 de xullo no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) en Compostela. A partires dese día fica aberta a recepción de dossieres de proxectos fotográficos até o 15 do setembro.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ten unha dotación de 10.000 € para un único proxecto fotográfico que elixirá o xurado composto por expertos do mundo da fotografía e da arte. A dotación adícase á produción dunha exposición que itinerará durante 2 anos e á edición dun libro con distribución en librarías especializadas.
Este proxecto, impulsado polo festival Outono Fotográfico, e co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, chega neste ano á súa 4ª edición. Tanto as exposicións como os libros de cada ano, teñen contribuido a dar un espaldarazo a autores e autoras así como a xerar produtos culturais que dignifican a fotografía en clave contemporánea no noso país.
Nas anteriores edicións premiaronse traballos como “Renacer” de Eva Díez, “Rururbania Salnés de Jose Romay, “Le Cirque Noir” de Berto Macei, e “Posesións para un esquecimento” de Daniel Díaz Trigo.
Na presentación estarán os representantes dos apoios institucionais Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pilar García Porto, Deputada delegada de Cultura, Artesanía e Deseño de Deputación Provincial de Lugo. Así como Xosé Lois Vázquez, director do festival internacional de fotografía Outono Fotográfico e Vítor Nieves, coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.
As bases estarán dispoñíbeis en www.outonofotografico.com