PERIFERIAS DA FOTOGRAFÍA

Na colección Alcobendas

ALMALÉ & BONDÍA | JULIO ÁLVAREZ YAGÜE | CHEMA ALVARGONZÁLEZ | JOSÉ RAMÓN BAS | MANOLO BAUTISTA | ANTONIO BUENO | DANIEL CANOGAR | LUIS CASTELO | TONI CATANY | TOMY CEBALLOS | EDUARDO CORTILS | JAVIER ESTEBAN | ISABEL FLORES | JOAN FONTCUBERTA | PILAR GARCÍA MERINO | MIGUEL ÁNGEL GAÜECA | PABLO GENOVÉS | CIUCO GUTIÉRREZ | CHEMA MADOZ | ÁNGEL MARCOS | ALICIA MARTÍN | JOSÉ MENDOZA | ROSA MUÑOZ | OUKA LEELE | GONZALO PUCH | JORGE RUEDA | MARTA SOUL | MIGUEL ÁNGEL TORNERO | JAVIER VALLHONRAT

 
Centro Cultural Marcos Valcárcel | Ourense
Do 29 de outubro ao 13 de decembro de 2015
Curadoría: José María Díaz-Maroto e Vítor Nieves

A periferia fotográfica

Ao longo dos case dous séculos, desde a invención da fotografía, a investigación sobre o control e manipulación da luz non cesou, o estudo e desenvolvemento da escritura con luminosidade segue a ser perseguido sen cesar; no actual momento de explosión dixital todo segue un mesmo proceso, descubrir, investigar e perfeccionar, metas que continúan sendo o celme de quen cría en calquera das latitudes do noso planeta.A fotografía non só ten un rexistro visual é un xeito de representación, a innovación, o estudo e a investigación foron paralelos ao normal desenvolvemento da testemuña fotográfica.

Desde os primeiros fotogramas atribuídos a Man Ray até a inminente actualidade, coa criación de obras sen escenario e sen unha realidade tanxíbel, debúxase un amplo abano de formas de traballar que nos levan a ter moi en conta estas maneiras tan atractivas de afastarse do tradicional e traballar novos horizontes, en definitiva, cara unha periferia con diferentes procesos criativos.

Facendo unha revisión desta exposición «Periferias da fotografía na Colección Alcobendas» atopámonos con diferentes perspectivas de representación dentro da técnica do fotograma, impecabelmente materializadas por Tomy Ceballos, Eduardo Cortils e Julio Álvarez Yagüe; as palpitantes escenografías de Pilar García Merino, Miguel Ángel Gaüeca, Pablo Genovés, Manolo Bautista, Antonio Bueno, Rosa Muñoz, Ángel Marcos, Javier Vallhonrat, Jorge Rueda, Miguel Ángel Tornero, Marta Soul, Ciuco Gutierrez, Gonzalo Puch e Chema Alvargonzalez, ou o camiño que nos traslada a mundos de fantasía a través da utilización de técnicas artesanais representadas polas obras de Toni Catany, Ouka Leele, Javier Esteban, José Mendoza, Luis Castelo, José Ramón Bas e Isabel Flores, que nos lembran formas e texturas de tempos pasados. Sen esquecer a ironía e provocación das pezas de Daniel Canogar, Chema Madoz, Almalé & Bondía, Joan Fontcuberta ou Alicia Martín.

Portanto, esta nova exposición cumpre cunha das premisas constitucionais da Colección: mostrar o supremo da criación contemporánea no estado español. As coleccións públicas están cheas de camiños experimentais, de acertos e desacertos, de propostas variadas e de linguaxes diversas pero esta selección está cimentada «no mellor» tendo como sustento e suporte teórico o concepto de PERIFERIA, alma desta nova edición do festival Outono Fotográfico. 

Vítor Nieves. Curador da exposicion.

A Colección Alcobendas

Dende a súa criación en 1993 A Colección Alcobendas de fotografía reuniu máis de oitocentas obras de autores e autoras do estado español, permitindo crear múltiples liñas de actuación dentro do panorama cultural da creación contemporánea. O núcleo central, a partir do que se iniciou historicamente a colección, integrárono autores plenamente recoñecidos e que representaban o documentalismo social de metade do século XX como son Francesc Catalá Roca, Ramón Masats, Carlos Pérez Siquier, Joan Colom, Paco Gómez, Oriol Maspons, Colita, Virxilio Vieítez, Nicolás Muller, Xavier Miserachs ou Ricard Terré, e coa xerarquía e importancia destes poderosos piares sostense moi firme na actualidade, sen ningunha necesidade de censuras criativas ou molestias. Por conseguinte pódese asegurar que a Colección Alcobendas de fotográfia é unha das coleccións con máis coherencia das existentes no territorio español.

Hoxe a Colección demostra a importancia que a fotografía ten no desenvolvemento artístico do noso tempo, cargando de sensibilidade e coñecemento as novas xeracións. A súa traxectoria constituíu un longo percorrido e podemos contemplar con satisfacción como moitos dos seus obxectivos de integración se están a conseguir. Con esforzo, coherencia e dedicación alcanzamos a celebrar en 2013 o XX Aniversario da Colección, un feito salientábel se reparamos en que para calquer iniciativa cultural unha proposta ininterrompida durante un período tan dilatado de tempo representa un inquebrantábel desafío. Este reto foi asumido con esforzo e traballo, non só por parte de todas as persoas que contribuíron desde o inicio á súa elaboración, senón tamén dos autores e autoras que a compoñen, galeristas e institucións da comunidade cultural e institucional.

Durante este tempo, e sen acougo, conseguiuse formar unha das coleccións fotográficas máis importante do noso estado e cumpriuse un dos principais obxectivos polos que se criou, o de ensinar e preservar a criación fotográfica como forma e xeito de coñecer a nosa historia e a nosa cultura alén de mostrala, de maneira altruísta, noutros espazos, podendo gozar desta forma o maior número de persoas. Nestes vinte anos a colección viaxou a innumerábeis destinos nacionais e internacionais como Almería, A Coruña, Castellón, Barcelona, Segovia, Teruel, Jaén, Zaragoza, Roma, Milán, Rabat, Sofía, Colombia ou Perú, estando en preparación novos destinos.

A edición e catalogación da Colección foi e é unha das inquedanzas constantes dos seus responsábeis, a importancia do ordenamento do seu contido e a posta en valor faise desde os traballos máis meticulosos até os máis solemnes, por este motivo, e desde 1993, editáronse sete catálogos que conteñen minuciosamente todo o patrimonio cultural fotográfico da Colección.

En definitiva o escenario presente da Colección é estimulante, xa que por un lado se proxecta de maneira incesante cara ao futuro e, ao mesmo tempo, non esquece o pasado. Cara o futuro sen complexos, cuestionándose permanentemente o medio, asumindo –sen confusión– os cambios, as creacións heteroxéneas actuais e as novas tecnoloxías da imaxe,  e cara ao pasado sen esquecer os grandes mestres que formaron as bases das novas xeracións, e onde a Colección ten un punto de mira constante nas súas futuras adquisicións.

Con todo iso, o crecemento constante da presencia da fotografía na cidade de Alcobendas, confírmase coa implicación dun amplo abano de institucións e colaboracións.

José María Díaz-Maroto. Conservador da Colección Alcobendas.


Os curadores José María Díaz-Maroto e Vítor Nieves falan da exposición.


Rolda de prensa de presentación da exposición.