Patricia Pettitt mostra o seu «Labirinto de Espellos» no Espazo de Arte Roberto Verino

A exposición, inédita até agora no noso país, inaugúrase este luns a partir das 19 horas, en presenza da artista e de Roberto Verino.

Patricia Pettit expón por primeira vez no noso país, e non é calquera obra, é o proxecto co que ten gañado numerosos e importantes premios internacionais ao longo dos dous últimos anos. Esta exposición, curada por Vítor Nieves, parte do proxecto «Hall of mirrors» que a artista comezou en 2019, e segue a desenvolver como un proxecto que, até agora, se postula como vital.

A autora ten a constante necesidade de explorar o mundo que a rodea desde unha perspectiva emocional na que as súas personaxes, sempre femininos, parecen distantes e inquebrantábeis, coma se fosen afastadas da realidade. Así, Labirinto de Espellos é unha narración ficticia e non lineal, na que podemos ser testemuñas dun intenso momento psicolóxico da personaxe principal.

As imaxes de cores saturadas e luz dramática lévannos á ambigüidade dunha muller que parece existir nun limbo entre o mundo real e o imaxinario e onde os seus máis profundos desexos e medos atopan espazo para penetrar na súa realidade. A forma en que Patricia usa a cor e a luz nesta obra acentúa a carga emocional da personaxe, levando ao espectador ou espectadora a unha dualidade que vai do onírico ao terreal.

A exposición chega a Ourense da man da Asociación Outono Fotográfico, e a través da parcería co Instituto de Produção Cultural e Imagem (IPCI) de Portugal, e poderá visitarse até o 8 de xaneiro de 2022 no num. 21 da rúa do Paseo de Ourense.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *