Artistas plásticos: Andrea Costas, Iván Prieto, Petro, Flor Fernández , Vítor Nieves e Natália G. Devesa.
Director artístico: Vítor Nieves
Produtor: Marcos Sueiro
Itinerante en 2008 e 2009.
Como naceu?
Palabra en Movemento foi un proxecto nacido dun grupo de valdeorresas/es unidas por inquietudes similares. Artistas de diferentes ámbitos que comezaron a reunirse de forma asamblearia na Galería Sargadelos do Barco de Valdeorras, dirixida naquel momento por Vítor Nieves. Para alén do obxectivo de facer un proxecto conxunto podendo convidar a artistas doutras comarcas, había un obxectivo común: dar difusión á comarca de Valdeorras e unir a esta unha idea de contemporaneidade asociada á arte.
Entra neste grupo a peza que faltaba: Marcos Sueiro, que malia a non ser do mundo da arte é un grande apaixonado dela e de Valdeorras. Este comprométese a facer a producción e a garantir os recursos necesarios para levar a cabo o proxecto.
Que é?
Palabra en Movemento foi unha exposición na que conviviron obras de diversos artistas vidos de moi diferentes prácticas e disciplinas artísticas: fotografía, pintura, poesía, instalación, vídeo, escultura e performance. Alén da exposición de obras físicas, tamén se incluiu unha performance.
O proxecto itinerou por varias localidades en diferentes espazos expositivos, e a performance programouse como acto de inauguración e, nalgúns casos repetiuse antes do peche ou como acto de encerramento da exposición.
Palabra en Movemento xira en torno á obra poética de Rosa Enríquez «Vestíbulo da Devastación» publicada por Espiral Maior no 2007, e que lle serve aos artistas como base conceptual para a criación das obras tendo como premisa a liberdade creativa e interpretativa. Isto dase nun primeiro momento individualmente e baixo a dirección artística de Vítor Nieves para logo facer unha posta en común.
Os e as artistas participantes mergulláronse no rico mundo que Enríquez amosa no seu primeiro poemario individual, para, unha vez dixerido, se reinterprete, se deconstrúa, e se reinvente para mostrárllelo ó público de moi diversas formas, cada un cos seus códigos e prácticas artísticas diferenciadas, para redundar nesa busca interna na que teima a poeta, nun resultado coral que transporta ao espectador/a o mesmo volcán emocional do poemario.
Dende o comezo da súa andaina (a presentación foi na Galería Sargadelos do Barco de Valdeorras) Palabra en Movemento é concibido como un proxecto vivo, cambiante e aberto. Un proxecto on the road que a medida que avanza vai madurando e se vai enriquecendo, sendo este un dos piares máis importantes e que caracteriza ao proxecto. Así, non só se mudou o discurso cada vez que se apresentaba ao público nunha nova localidade, senon que o plantel de artistas se vía incrementado coa inclusión de un artista local. Deste xeito o proxecto arranca no Barco con Christian Escuredo e a propia Rosa Enríquez como performers, e mais as obras de Andrea Costas.
No Centro Cultural da Deputación de Ourense, o elenco aumenta con Iván Prieto, que engade dúas esculturas e unha instalación que fará de decorado da performance, e Vítor Nieves que incorpora un vídeo e unha instalación fotográfica.
Así, en cada itinerancia iranse unindo artistas como Petro (cunha serie de pinturas sobre táboa con pigmentos luminescentes que deitarán luz sobre a performance), Flor Fernández con varias intervencións e esculturas e Natália G. Devesa coas sua serie de desgarradoras imaxes que poñen de manifesto a parte máis visceral do poemario de Enríquez.
Performance
A posta en escena coa interacción dos performers tiña unha duración aproximada de 45 minutos. No transcurso dese tempo o espectador/a asistía a accións relacionadas coa procura da identidade ou as identidades persoais. Tratábase da aproximación a cada realidade mediante un autorecoñecemento ou autoexploración.
Os performers foron a propia poeta Rosa Enríquez e Christian Escuredo nas dúas primeiras itinerancias e nas seguintes serían Silvia Cuesta e Vítor Nieves.
A performance foi o acto que inauguraba a exposición (ainda que en algunhas localidades se repetiu varias veces en días diferentes). Tódolos obexectos artísticos e obras que conformaban a exposición eran parte imprescindible do espectáculo dos performers que incluían cada obra como elementos visuais e/ou de atrezzo.
Pezas da exposición
Intervención no espazo de Iván Prieto. 500 x 250 x 300 cm.
Serie de 2 esculturas de Iván Prieto de 200 x 50 x 50 cm. c.u.
Serie de 4 Fotografías de Andrea Costas de 70 x 50 cm. c.u.
Loop dunha secuencia de dez fotografías de Andrea Costas que se proxectará de forma constante nunha pantalla.
Vídeocreación de Vítor Nieves que se proxectará de forma constante nunha pantalla.
Instalación fotográfica de Vítor Nieves formada por 8 cubos de 100 x 100 x 100 cm. c.u.
Serie de 4 pinturas de Petro de 200 x 200 cm. c.u. que precisan de toma de corriente.
Lona que reproduce texto de Rosa Enríquez deseñada por Vítor Nieves de 200 x 200 cm.
Serie de 3 esculturas de Flor Fernández de 50x50x50 cm
Serie de tres fotografías de 1,50 x 50 cm de Natália G. Devesa
Este proxecto foi posible grazas ao apoio do Concello do Barco de Valdeorras, o Centro Cultural da Deputación de Ourense, o Concello de Verín, o Centro Comercial Aberto do Barco e a Obra Social de La Caixa.
2 Responses
[…] Silva e Vítor Nieves. Este último fixo a portada de Unicrom e foi parte esencial da performance Palabra en movemento, baseada no poemario Vestíbulo da devastación. Nesta performance participou tamén a fotógrafa […]
[…] Silva e Vítor Nieves. Este último fixo a portada de Unicrom e foi parte esencial da performance Palabra en movemento, baseada no poemario Vestíbulo da devastación. Nesta performance participou tamén a fotógrafa […]