Paisaxismo e experiencia vital é o novo ensaio de Manuel Sendón para o Outono Fotográfico
Un dos clásicos galegos celebra con «Perimetrada» o 22º aniversario da Galería Marisa Marimón da man do festival galego de fotografía.
«Perimetrada» é o último ensaio fotográfico que Manuel Sendón realizou durante os dous últimos anos. Nome acaido para a colección de imaxes que recompila paisaxes da contorna litoral galega. Mais este traballo non só se enmarca en chave paisaxística, nen tan sequer é unha documentación de espazos da costa perimetral do noso país. Sendón fala de experiencias vitais. Alén do que podemos ver nas súas imaxes, a exposición está conformada con outras pezas, coma o mapa de situación para que se poida facer un percorrido que axude á xeolocalización. Aliás, a bicicleta que o autor usou para percorrer o litoral desde a Mariña Luguesa até a desembocadura do Miño, é elevada a peza expositiva na mostra.
«Perimetrada» chega á Galería Marisa Marimón xusto cando cumple 22 anos de traxectoria. Mais de dúas décadas adicadas ao arte cun compromiso claro de apoio a artistas locais, mais tamén co obxectivo claro de apostar por novas e arriscadas tendencias, como cando se converteu nun dos primeiros espazos do circuito comercial da arte no panorama galego en elevar a fotografía a arte, no momento no que esta ficaba fóra dos entornos artísticos.
Esta exposición está perfectamente enmarcada na temática deste ano do Outono Fotográfico, DENTRO/FÓRA, e ven ocupar o espazo reservado para os clásicos ou consolidados galegos, que xunto a emerxentes e coñecidos nomes do panorama internacional, configura a programación anual do festival galego de fotografía. Non se podería entender o devir da fotografía contemporánea na Galiza sen figuras chave coma Manuel Sendón, que alén de fotógrafo é un dos curadores especializados en fotografía máis prolíficos do noso país, ademais de ter aportado grandes estudos sobre o medio.
Manuel Sendón vén de facer «Mil Ríos», o ensaio anterior feito en colaboración co artista Fran Herbello no que documentan a paisaxe das concas dos ríos galegos a cabalo dunha piragua. Para el, os seus últimos traballos son «o produto de concibir a paisaxe como unha experiencia, a vivencia dun territorio baixo unhas determinadas circunstancias». Neste caso, a costa galega, percorréndoa en bicicleta o máis perto posíbel do mar, a través de estradas, pistas, carreiros e praias. Para este traballo Sendón percorreu 1300 Km en 31 etapas configurando un novo mapa galego: o mapa das experiencias que este periplo lle aportou.