O Outono Fotográfico leva a obra de Tamara Wassaf a Roberto Verino
A arxentina expón o seu último traballo no que reflexiona sobre a identidade, o corpo e o espazo.
«Del sentimiento de no estar del todo» exponse por primeira vez en Ourense no marco do festival Outono Fotográfico. A exposición ten unha particular posta en escena xogando con diversos materiais. A autora recurre, por exemplo, aos tecidos facendo unha chiscadela ao mundo da moda, no que traballa e conxugando á perfección o espazo elexido para exhibir as súas pezas, o Espazo de Arte Roberto Verino, na céntrica rúa do Paseo.
Tamara Wassaf trata de pesquisar con este traballo un dircurso identitario. Servíndose de algúns artificios estéticos vai experimentando formas e seres nun intento por se externalizar e facerse corpo fóra dela na procura dun patrón que lle sexa válido para ela, mais extrapolable a outros corpos, nomeadamente de mulleres. Na exposición podemos ver «unha noción de ‘retrato expandido’ que indaga alén do corpo, descarnándoo e facéndoo pregos no espazo» di Vítor Nieves, curador da exposición.
A artista traballa desde o concepto contemporáneo de ‘Paisaxe intimista’, unha paisaxe simbólica que deslea os límites entre a realidade e a representación. É por iso que escolle espazos concretos que lle serven como testimonios íntimos da relación corpo-entorno. As localizacións onde fotografa axúdanlle a criar esa Paixase e a construír un relato actual nostálxico situado en moitos tempos posibles, movéndose simultáneamente entre a memoria e o anhelo.