OUTONO FOTOGRÁFICO 1983-2017

Exposição historiográfica do festival galego

Curadores: Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves

 
Mosteiro de Tibães | Braga, Portugal
do 21 de setembro ao 28 de outubro de 2018
Festival Encontros da Imagem

Esta foi unha exposición sobre a historia do festival Outono Fotográfico. A exposición estava composta polos cartazes de cada unha das 35 edicións, os libros e catálogos editados, pezas escultóricas de Xosé Lois Vázquez que foron a imaxe corporativa do festival en cada edición, documentos de traballo, proxección do documental MakinOF entre outras pezas, así como un muro cos máis de 5.000 nomes dos fotógrafos e fotógrafas que participaron no festival galego desde 1983.

Cartaz da exposición

O Outono Fotográfico expón a súa historia en Portugal*

O Encontros da Imagem inaugura unha retrospectiva do festival galego, logo de que o Concello de Ourense truncara unha historia de 35 anos.

Nos últimos anos, o Outono Fotográfico tiña feito un esforzo pola internacionalización a través de intercambios con outros festivais de fotografía e institucións de medio mudo, nomeadamente nos países lusófonos. É así como, a convite dos Encontros da Imagem, a Asociación Outono Fotográfico leva a Braga unha mostra historiográfica na que, alén de falar da historia e intrahistoria do festival galego, mostra materias editados polo festival ao longo de 25 anos.

«Era necesaria esta exposición para visualizar a dimensión do traballo feito e para rendir homenaxe ás autoras e autores, ás entidades colaboradoras e patrocinadoras, a Benito Losada e á equipa do festival;  35 anos de historia interrumpidos de forma unilateral, opaca e desleal polo goberno local de Ourense que incumpriu os seus compromisos orzamentados co festival» relata Xosé Lois Vázquez, ex-director do OF.

«Outono Fotográfico 1983 – 2017» é a exposición de destaque na programación desta edición do festival portugués, que estará no Mosteiro de Tibães desde este domingo día 23 até o 28 de outubro. A mostra, curada polo tándem Xosé Lois Vázquez & Vítor Nieves, que se unen por primeira vez nunha mesma curadoría, fai un repaso a través da gráfica cos carteis dos 35 anos, os programas, os catálogos editados así como libros da colección OF, ou pezas escultóricas do propio X. L. Vázquez expostas por primeira vez e que foron protagonistas da imaxe de cada ano. A mostra complétase coa mediametraxe MakinOF,  un muro-memoria cos nomes dos 1.286 autores e autoras que teñen fotografías editadas nos catálogos entre 1983 e 2016 [en 2017 o catálogo está sen editar polo incumplimento do Concello de Ourense] e até algunhas das lonas empregadas en edificios e museos de Ourense.

«Non deixa de ser paradóxico como no estranxeiro valoran moito máis o Outono Fotográfico que o propio Concello de Ourense» di Vítor Nieves, quen foi o curador do festival, e conta que «outros festivais e institucións nos contactaron para poder levar a memoria do OF porque a vergoña causada polo alcalde de Ourense trascende á cidade».

Ademais, os Encontros da Imagen inaugurará outras tres exposicións que o Outono Fotográfico ía programar en espacios galegos e que ao non poder celebrarse so poderán verse en Braga, como é o caso das exposicións de Tamara Wassaf e o último Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Tamén se poderá visitar unha grande exposición colectiva de 14 autoras e autores galegos que, curados por Xosé Lois Vázquez, traballaron baixo a premisa das «Ocultacións e Inexistencias» un título acaído para os recentes acontecementos que acabaron co festival galego OF.

«É o momento de recoñecer o traballo feito en prol da fotografía polo Outono Fotográfico, un traballo para a Galiza pero con resonancia internacional» di Carlos Fontes, o director dos Encontros da Imagem que asegura «que o Outono Fotográfico non pode desaparecer, é un modelo de lonxevidade e de boas prácticas, sería unha perda irreparábel».

*Publicado no Público (Pt) e na Voz de Galicia.

O Outono Fotográfico é o festival galego de Fotografía que aglutinou aos criadores e criadoras desde o ano 1983 e contribuiu para que a fotografía contemporánea entrase de cheo na Galiza. É o festival decano da penínula e o segundo máis antigo do mundo.

Nos seus 35 anos de existencia, foi criando unha sala expositiva expandida que hoxe abrangue espazos expositivos en Galicia e norte de Portugal. Cada ano propón un tema para a reflexión autoral que constitúe o fío condutor das exposicións.

Estrutúrase en 5 seccións:

Sección Oficial. Pon en valor traballos fotográficos de autoras e autores galegos e internacionais seleccionados por curadores expertos do mundo da arte contemporánea e da fotografía.

Outono Aberto. É a Sección máis democratizadora do festival, na que calquera persoa que inscriba un proxecto fotográfico opta a expor.

Historias da Fotografía Galega. Cada ano se recupera o traballo de fotógrafas e fotógrafos históricos con expertos en restauro, arte e documentación.

Inter Sección. Proxectos de clasificación complexa tanto polos medios empregados como polo contido.

Campus do Outono. É a escola do festival con workshops, Master Class, presentacións e debates con presencia en diferentes vilas e cidades.

Desde o OF convócase o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea á mellor serie presentada coa produción dunha exposición itinerante  e a edición dun libro. É un dos premios máis dotados da península.

A XXXV edición do OF en 2017, inauguráronse 88 exposicións de 280 artistas en 66 espazos expositivos de 22 localidades de Galiza e Portugal. Foi  quen de sumar 85 entidades colaboradoras: 31 privadas e 54 públicas.

Despois de 35 anos, as cifras falan por si mesmas: 2.035 exposicións nas que participaron 6.093 autoras e autores e 243 eventos formativos. O OF estivo de media en 25 localidades/ano.

Cada edición, nomeadamente nas últimas 7, aumentou as relacións internacionais con intercambios con festivais e institucións fotográficas especialmente cos países lusófonos:  en Portugal [Porto, Lisboa ou cos Encontros da Imagem de Braga, co que a colaboración está instituída], en Brasil, [Paraty em Foco en Rio de Janeiro ou Encontros de Agosto de Fortaleza]; con Goa Photo da India, ou o Festival de Fotografía de Cabo Verde. Con festivais en España [FotoNoviembre de Tenerife, GetxoFoto de Euskadi, ArtPhoto de Barcelona]; ou do resto da Europa [Ireland Photo, ou o Format ou Circulations de Reino Unido].