O xurado decide dar o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ex aequo ás series de Jose Romay e Berto Macei
O certame lanzado polo festival Outono Fotográfico e co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo premia nesta segunda edición ao fotodocumental “Rurbania Salnés” e ao ensaio experimental “Le cirque noir”.
O premio ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso País que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores e autoras tanto nacionais como estranxeiros.
O PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA premia coa produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador itinerando a mostra durante 5 anos e distribuíndo a publicación. Ten unha dotación de 16.000 euros, o que o converte nun dos premios fotográficos máis dotados da península. O premio desenvolvese no marco do festival Outono Fotográfico e co patrocinio da Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O xurado, que visualizou proxectos chagados desde varios países, estivo este ano composto polo fotógrafo Vari Caramés; polo galerista Juan Curto; o curador Manuel Segade; o director do Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez; o curador da sección oficial do festival, Vítor Nieves; Encarna Lago, xestora da Rede Museística da Deputación de Lugo e Mercedes Gallego representando á Xunta de Galicia, facendo como secretaria Manu Gallego, secretaria tamén da Asociación Proxecto Benito Losada.
“Rururbania Salnés” de Jose Romay é un proxecto neodocumental que se apropia da linguaxe clásica deste xénero e a manipula como os seus coetáneos americanos, explorando os límites entre o rural e o urbano, o humano e o natural. Un ensaio ben interesante da paisaxe común do noso país no que persegue unha lectura máis pausada da relación entre paisaxe e territorio, e cunha atmósfera cálida que alonxa aos lugares fotografados da franxa atlántica no que están, amosando certa retranca na mensaxe do autor.
“Le cirque noir” de Berto Macei é un traballo máis experimental que quere desapegarse da carga documental que se lle adxudica á fotografía cunha linguaxe máis achegada ao cinema, en clara referencia ao filme noir, e que toma o circo como metáfora tráxica – e tamén cómica – da existencia nun balanceo entre o onírico infantil e o fatalismo da manipulación escénica.