O Proxecta crece cara o camiño da consolidación

O festival fotográfico máis coñecido de Arousa, conta este ano con tres exposicións, conferencia, cinema e mercado de fotografía, ademais da tradicional proxección ao ar libre.

Hai cinco anos que Miguel Riopa e Jose Luiz Oubiña botaban a andar este proxecto para dedicar unha noite á súa paixón, e, como dicía o ex-Tenente Alcalde, o nacionalista Castro Ratón, “facer de Vilagarcía a capital mundial da fotografía”.

Ao longo deste lustro foron varios os fotógrafos e fotógrafas que proxectaron baixo o programa do Proxecta, e tamén moitas as dificultades que pasaron os organizadores para sacar adiante o proxecto, pese a ter respaldo da administración pública.

Neste quinto aniversario, ao creceren os espónsores privados, medra tamén a oferta fotográfica que este festival ofrece urbi et orbi.

A conexión da cultura galega coa portuguesa sumados aos lazos lusófonos dun dos organizadores, faise ver en dúas das mostras que se presentan. “Afganistán” de Joao Silva ou a mostra do Premio de Fotojornalismo Estaçao Imagem Mora, serán dúas das exposicións que poderemos ver até o 2 de setembro no Auditorio Municipal e na Sala Rivas Briones respectivamente.

Cerra a parte de exposicións a proposta de Diego L. Calvín, que achega ao Porto de Vilaxoán as súas Solarigrafías, que, de seguro, non van deixar indiferente aos visitantes, por iso o domingo ás 17.30 horas ofrecerá unha palestra para falar da técnica que emprega para acadar as súas imaxes.

Haberá espazo tamén para o irmán pequeno – e inquieto – da fototografía, o cinema. A proxección de The Bang Bang Club, o sábado ás 22 horas no Auditorio Municipal da capital arousá, será a primeira incursión da sétima arte no Proxecta. O filme versa sobre o grupo do mesmo nome que formaron catro fotógrafos na década dos 90 para cubrir os violentos incidentes da loita contra o apartheid en Sudáfrica.

Tamén o sábado ao longo da tarde na rúa Romero Ortiz celebraráse un mercado no que se poderán visitar os stands de varias galerías especializadas e até mercar fotografías de autor firmadas ou libros de fotografía. O Outono Fotográfico (Galiza), Lo más Mínimo (O Salnés) e Dispara (Trasdeza) terán un espazo de seu na particular feira.

Máis o que da vida ao festival, son as proxeccións, que se farán na Alameda nun esforzo de achegar e democratizar a fotografía de autor. Coma nas anteriores edicións os traballos de fotógrafos locais irán da man de reportaxes de artistas recoñecidos internacionalmente. Orlando Azevedo, Luís Vasconcelos, Cristina Middel ou Jorge Lens, entre outros. Unha ducia de traballos de Galiza, Portugal, Brasil e España que mostrarán o interesante do mundo, e do medio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *