O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea presenta o seu novo libro «Environments»
O máis importante certame da disciplina fotográfica na Galiza lanzou hoxe a nova publicación coas imaxes de Jon Gorospe, nunha coidada edición baixo o selo da editora Difusora de Letras, Artes e Ideas.
Jon Gorospe, presentou hoxe o libro «Environments, IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea» que recolle as imaxes do proxecto homónimo que se ergueu co recoñecemento do Premio galego. O artista estivo arroupado polos organizadores do festival Outono Fotográfico así como polos representantes da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, ambalas dúas patrocinadoras do proxecto.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea lanza así o seu quinto libro nos seus catro anos de existencia. O Premio Galicia naceu ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de situar á Galiza no circuito internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea. Co proxecto gañador, en cada edición prodúcese unha exposición que itinera durante dous anos e editase un libro.
«Environments, IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea» é a tradución a libro do ensaio de Jon Gorospe que vén aportar unha revisión moi fresca sobre o relacionamento da nosa sociedade cos resíduos que producimos no planeta. É unha publicación cunha linguaxe arrasadoramente contemporánea no que o autor con diversas imaxes quere convidar a repensar a nosa posición no mundo, e a relación androcentrista que temos co que nos arrodea. O libro, alén das imaxes, contén os textos de Rubén Ángel Arias, Román Rodríguez González (Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia) e Pilar García Porto (Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Artesanía e Deseño e Educación da Deputación de Lugo). A publicación, deseñada por Xosé Lois Vázquez e editada por Difusora de Letras Artes e Ideas, é o número 7 da Colección OF de libros de fotografía. (www.difusora.org)
No acto de presentación celebrado na galería Photo Art de Ourense, Pilar García Porto (Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico, Artesanía e Deseño e Educación da Deputación de Lugo) escenificou a satisfacción de apoiar un proxecto coma o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, e de «dar un impulso aos artistas alén das fronteiras da provincia». De seguido, Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia) destacou o papel do Premio Galicia como un proxecto necesario para a fotografía, «un proxecto feito na Galiza, mais con vocación internacional», e puxo de manifesto a «importancia da impecable publicación alén da itinerancia da exposición, xa que as mostras acaban, e os libros fican».
Na intervención de Xosé Lois Vázquez (editor do libro e director do festival Outono Fotográfico), aludiu aos «criterios manexados polo xurado para elixir «Environments» que acentuou o alto nivel ético e estético da obra». Pola súa banda, Vítor Nieves (curador e coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea) percorreu os «4 anos de Premio que deron 5 libros e 5 exposicións coas súas correspondentes itinerancias de ensaios fotográficos completamente diferentes» nun proxecto «que vai camiño da consolidación, o que se fai ver na crecente calidade dos ensaios fotográficos apresentados ano após ano»
Por último, Jon Gorospe mostrouse agradecido e explicou que durante o proceso de criación do proxecto «tivo moi presente á Galiza polos desastres naturais que teñen acontecido nos últimos anos» polo que non deixa de ser paradóxico que o seu ensaio vexa a luz aquí. É por iso que se comprometeu a «ser o embaixador do Premio alí onde estea, nomeadamente en Euskadi e na Noruega».