O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea mostra os traballos gañadores deste ano
Os proxectos fotográficos de Berto Macei e Jose Romay poderán verse no Museo Provincial de Lugo, logo de ser seleccionados no certame lanzado polo festival Outono Fotográfico e patrocinado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.
Na tarde do 28 de novembro inauguraranse as exposicións “Le cirque noir” de Berto Macei e “Rururbania Salnés” de Jose Romay, nomeados ex aequo Premio Galicia de Fotografía Contemporánea neste 2014.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea é lanzado polo festival internacional Outono Fotográfico e ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento.
Alén diso, pretende promover a creación dun espazo fotográfico no noso País que complemente o creado durante máis de tres décadas polo Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autores/as tanto nacionais como estranxeiros.
O Premio está dotado con 16.000 euros, o que fai que sexa o premio fotográfico mellor dotado da península. Asemade, o premio vai máis alá de agasallar cun montante económico a un autor/a, senón que está pensado para crear un produto cultural que valore o proxecto, que publicite ao autor e que revalorice a creación artística galega. Polo que se concedeu un único premio consistente na produción dunha exposición que itinerará durante cinco anos e na publicación dun libro.
O xurado estivo composto por Manuel Segade, curador independente; Juan Curto, galerista especializado en fotografía de Cámara Oscura de Madrid; Vari Caramés, fotógrafo; Xosé Lois Vázquez, Director do Outono Fotográfico; Vítor Nieves, Coordinador da Sección Oficial do Outono Fotográfico e do Premio, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo e Mercedes Gallego, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación universitaria en Ourense.
Os traballos que acadaron o beneplácito do xurado, son dous proxectos moi diferentes. “Le cirque noir” de Berto Macei é un traballo que colle como excusa o documentalismo fotográfico para distanciarse del cara unha linguaxe máis cinematográfica propia do film noir máis clásico. As fotografías, nun contrastado negro e branco van debullando un circo nas escenas máis cotiás e, malia iso, íntimas destacando aqueles tópicos do cinema negro que pasan polos puntos de vista aberrantes, e até polas personaxes propias desas películas.
Jose Romay presenta en “Rururbania Salnés” un territorio hostil onde os límites entre o rural e o urbano foron desleándose achegando o humanizado e o salvaxe, e mesturando o industrial co habitábel. Cunha linguaxe de documentalismo fotográfico clásico que nos lembra aos New Topografics, retrata un litoral galego cunha californiana luz vacacional que contrasta irónicamente co desfeitismo paisaxístico-territorial que non estamos afeitos a ver na zona máis turística do noso País.