O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea mostra a súa primeira exposición

O traballo de Daniel Díaz Trigo pode verse na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo, logo de ser seleccionado no certame lanzado polo festival Outono Fotográfico, patrocinado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.

IMG_2030Malia ao frío lugués, a Sala que acolle “Posesións para un esquecimento”, encheuse na inauguración para arroupar ao nomeado Premio Galicia de Fotografía Contemporánea neste 2013, Daniel Díaz Trigo, que fixo un percorrido pola obra exposta, debullando, micro en man, cada unha das imaxes que conforma o proxecto.

No acto, interviñeron Mario Outeiro, Deputado-delegado de Cultura da Deputación de Lugo e José Jesús Ramos Ledo, Xefe Territorial de Cultura, Educación e ordenación universitaria da Xunta de Galicia en Lugo; que coincidiron en destacar a relevancia do Premio e a importancia de colaborar con grandes proxectos coma este, e puxeron de manifesto a colaboración das dúas administracións.

“O premio ven a recoñecer a traxectoria dun grande traballador, un artista que traballa igual coa fotografía que coa pintura” dixo Mario Outeiro, que aproveitou a súa intervención para agradecer os numerosos proxectos presentados desde oito países, nomeadamente aos finalistas do Premio, Jose R. Romay e Antón López Losada.

Ramos Ledo, pola súa banda, quixo recoñecer ao festival Outono Fotográfico “a labor en prol da fotografía en Galicia, e a creación dun premio dotado con 16.000 €, que vén suplir unha grande eiva no mundo da fotografía no noso país”.

Coa inauguración da exposición de Daniel Díaz Trigo, “péchase un círculo máxico” según as palabras de Xosé Lois Vázquez, director do festival Outono Fotográfico, xa que “hai 31 anos, un lugués, Benito Losada, comezaba cun proxecto chamado Outono Fotográfico, e hoxe, outro lugués enceta outro, que, sen dúbida, posicionará a fotografía de aquí no mundo”. A Fundación Benito Losada, a encargada de artellar o festival fotográfico “fixo este ano un grande esforzo para tratar de darlle visibilización a proxectos como este, e lanzar produtos culturais en torno á fotografía como esta exposición e o libro de Daniel Díaz Trigo, que se editará nos vindeiros días” e que é parte do Premio.

As bases do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que se lanzaban hai uns meses, avogaban por proxectos fotográficos sen límites nin na idade dos seus autores, nin en canto ao estilo fotográfico, así o explicaba Vítor Nieves, curador da exposición, que asegurou “que este Premio supón un fito histórico na historia da fotografía galega”. Asemade, engadiu que “Posesións para un esquecimento” era unha mostra enmarcada de cheo na contemporaneidade ao ser “un traballo que mestura memoria, documentación e experimentación, acadando unhas imaxes evocadoras, até oníricas que versan sobre a historia e o territorio”.

O traballo de Díaz Trigo, está ateigado de “voces que non se oen, de silencios que xa non se lembran” falou o autor. A exposición divídese en catro capítulos que traballan espazos significativos que mapean a Terra Cha. Así, ao longo de  “O Campo”, “A Colonización”, “As Torres de Arneiro” e “O Manicomio”, vaise debullando a historia recente da veciñanza da comarca luguesa, a través da cal, se poden seguir os feitos históricos que sufriu Europa o século pasado, dun xeito intimista até o punto de fotografar un espazo moi próximo, que fala tamén da historia persoal e familiar.

“Posesións para un esquecimento” mestura o peso documental implícito desde o nacemento da fotografía, coa plasticidade e conceptualidade que o medio acadou co paso ao eido das grandes artes. O proxecto pretende pór de manifesto unha harmónica conxunción entre memoria colectiva e íntima, un paseo pausado polas lembranzas e o esquecemento, mais tamén polo territorio do autor, acoutado nuns poucos quilómetros. Daniel Díaz Trigo presenta na mostra o resultado da teima pola compilación de lembranzas que materializa en forma fotográfica para que non sufran o abandono na memoria persoal, e no maxín colectivo e institucional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *