O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea inaugura en Lugo a exposición de Jon Gorospe

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollerá o ensaio fotográfico «Environments», unha reflexión sobre a ocultación dos refugallos que xeramos no planeta.

invitacion-inauguracion-environments-iv-premio-galicia-de-fotografia-contemporaneaO certame lanzado polo festival Outono Fotográfico, co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo premiou nesta edición o traballo de Jon Gorospe, un ensaio artellado por varias series que versan sobre aproblemática dos residuos e como estes se ocultan para non convivirmos con eles.

A exposición inauguraráse o venres día 2 de decembro ás 20 horas na sede da Deputación de Lugo en presenza do propio artista que explicará de primeira man o proceso criativo e o miolo do ensaio. Canda el estarán Vítor Nieves, curador da mostra, Xosé Lois Vázquez, director do festival Outono Fotográfico así como o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia Anxo Lorenzo e Pilar García Porto, Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo.

O traballo de Jon Gorospe entronca á perfección co obxectivo do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, e vén aportar unha revisión moi fresca sobre o relacionamento da nosa sociedade cos residuos que producimos no planeta. “Environments” é un ensaio cunha linguaxe arrasadoramente contemporánea no que o autor con diversas pezas de orixe fotográfica e audiovisual quere convidar a repensar a nosa posición no mundo, e a relación androcentrista que temos co que nos arrodea. As series que conforman «Environments» son o resultado de ollar non tanto os residuos como o xeito en que os movemos dunha contorna a outra, expulsándoos do noso contexto máis inmediato para integralos nese ámbito -ou punto cego- do que non deben voltar.

A exposición “Environments” de Jon Gorospe estará en Lugo até o 8 de xaneiro, momento no cal comezará a súa itinerancia polas 7 cidades galegas, alén de localidades portuguesas e do resto do Estado.

 

 

 

Environments _ Jon Gorospe

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *