O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea abre o prazo para unha nova edición

A Asociación Proxecto Benito Losada presentou as bases deste importante certame patrocinado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea naceu hai tres anos ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de situar á Galiza no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea. O certame premia propostas de carácter visual-fotográfico no discurso da fotografía contemporánea realizadas por autoras e autores de calquera nacionalidade. A dotación económica é de 12.000 € destinados á produción dunha exposición co proxecto gañador que itinerará durante dous anos e á edición dun libro.

IMG_7421As bases que se presentaron este luns no CGAC pódense descargar na web do festival no que se enmarca o premio, www.outonofotografico.com. O prazo de presentación dos proxectos rematará o 15 de setembro de 2015, e o fallo do xurado farase público o día 24 do mesmo mes.

Na presentación, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, destacou que cada nova convocatoria deste premio “abre unha porta máis ás novas propostas artísticas no ámbito da fotografía, que, ademais de ser unha manifestación estética e creativa, é a testemuña da nosa memoria histórica contemporánea”

Francisco Javier Balado, deputado de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, recoñeceu “a crecente proxección internacional que vai acadando o premio, así como o recoñecemento que supón o certame a un proxecto que ten detrás un importante labor de investigación e documentación”.

Pola súa banda, o coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, Vítor Nieves, debullou os puntos das bases, e falou “da importancia dun Premio así para a fotografía que até o de agora non existía ningún no noso País”.

En dous anos o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea “puxo en valor os traballos de Daniel Díaz Trigo, Berto Macei e Jose Romay, leva tres exposicións producidas, tres libros editados e nove itinerancias na Galiza e norte de Portugal”, encargouse de lembrar Xosé Lois Vázquez, director do festival Outono Fotográfico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *