O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea abre o prazo para a recepción de proxectos
A Asociación Proxecto Benito Losada presentou as bases deste importante certame patrocinado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea naceu hai catro anos ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de situar á Galiza no circuíto internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea. O certame premia propostas de carácter visual-fotográfico no discurso da fotografía contemporánea realizadas por autoras e autores de calquera nacionalidade. A dotación económica é de 10.000 € destinados á produción dunha exposición co proxecto gañador que itinerará durante dous anos e á edición dun libro.
As bases que se presentaron hoxe (22 de xullo) no CGAC pódense descargar na web do festival no que se enmarca o Premio, www.outonofotografico.com. O prazo de presentación dos proxectos rematará o 15 de setembro de 2015, e o fallo do xurado farase público o día 22 do mesmo mes.
Na presentación, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, destacou que cada nova convocatoria deste premio “abre unha porta máis ás novas propostas artísticas no ámbito da fotografía, que, ademais de ser unha manifestación estética e creativa, supón un espaldarazo para difundir a nosa creación”
Pilar García Porto, deputada delegada de Cultura, Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo, recoñeceu “a crecente proxección internacional que vai acadando o premio, así como o recoñecemento que supón o certame a un proxecto que revirte en creación cultural para a sociedade”.
Pola súa banda, o director do festival Outono Fotográfico falou “da importancia dun Premio así que vén recoñecer o traballo dos e das fotógrafas do noso País e deixa de rexistro do que supón o traballo mais importante do ano nesa disciplina artística”.
En tre anos o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea “puxo en valor os traballos de Daniel Díaz Trigo, Berto Macei, Jose Romay e Eva Díez leva catro exposicións producidas, catro libros editados e decenas de itinerancias na Galiza e resto do Estado, así como no norte de Portugal”, encargouse de lembrar o coordinador do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, Vítor Nieves, quen tamén debullou os puntos das bases.