O Outono Fotográfico reflexiona na súa 34ª edición en torno ao lema «Dentro e Fóra»

gif-datos-of16

 

O festival galego de fotografía presenta a programación deste ano que suma 92 exposicións na que participan 304 artistas.

Como cada outubro, o Outono Fotográfico reaparece para facer visible a fotografía. Nesta trixésimo cuarta edición que se prolonga até o Nadal, o festival estará presente en 70 espazos expositivos de toda a xeografía galega, repartidos en 25 localidades, 4 delas en Portugal.

O fío conductor das case un cento de exposicións será a temática elexida para esta edición: Dentro e Fóra. Así tanto os e as artistas como os e as curadoras deambulan pola idea que entronca directamente coa esencia deontolóxica da fotografía: o encadre. O que o fotógrafo/a escolle para fotografar e o que pasa fóra do encadre ten sido un debate que acompaña á historia do medio desde o seu nacemento e que é paralelo á permanente controversia entre a dualidade realidade-ficción ou obxectividade-subxectividade que tanto ten aportado a nivel de pensamento e enchido páxinas dos ensaios sobre fotografía. Alén do postulado técnico, o lema desta edición comprende aspectos conceptuais e suscita unha materialización dos traballos que atenda o plano ético, o que da corpo teórico ás propostas expositivas do festival.

Este quinto ano de festival após o pasamento de Benito Losada, serve para a consolidación do novo proxecto. Así a Sección Oficial segue a procurar a excelencia polo camiño da arte con autoras e autores nacionais e internacionais de recoñecido prestixio. Forman parte dela 34 exposicións moi diversas unidas polo leitmotiv «Dentro Fóra» entre as que están a de Rubi Lebovitch ou Júlia Franco Braga (por primeira vez no Estado Español), a de Amy Friend, Alexandra Polina, Daniel Laurinc & Zuzana Laurinc Halanova, Matías Costa, Julia Borissova, Kristin Trüb ou Alexis W. Tamén poderemos apreciar os traballos que representan o topten dos circuitos internacionais ou destacados en importantes premios como o de Víctor Enrich, David Mocha, Nelson Garrido ou Marta Zgierska, así como dos galegos como Manuel Sendón, Ana Rello, Xabier Fernández ou Xaquín Rosales. Así mesmo, sempre hai un espazo preferencial para emerxentes como Laura&Lúa co seu proxecto «La memoria del Papel», Marta Bisbal con «Kosmos» ou Aida Pascual con «Arcadia».

Este ano cabe destacar a grande calidade da sección Outono Aberto, que é aquela que se programa logo da selección de traballos inscritos na Open Call (convocatoria aberta) que o festival lanza a mediados de ano. Artistas como Ana Gil, Jõao Ferreira, Igor Calvo, Arturo Prieto, Ángel Torres ou Régis Amora, entre outros, foron seleccionados pola grande calidade técnica e conceptual dos seus traballos.

Alén da programación anual, o Outono Fotográfico convocou este ano o VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea que recaeu sobre Jon Gorospe. O seu ensaio «Environments» estará exposto en decembro no Pazo de San Marcos de Lugo, formando parte da programación como as exposicións de Eva Díez, Jose Romay e Berto Macei, premiados en anos anteriores.

O Outono Fotográfico conta cun patrocinio público este ano de 8.500 € que aporta o Concello de Ourense, 4.500 € que aporta a Universidade de Vigo a través do Campus da Auga, 3.500 € o Concello da Coruña e 2000 € o Concello de Santiago de Compostela. Ademais de apoios á producción como o do Centro Cultural Marcos Valcárcel e o Concello de Lalín. Conta, tamén, cunha financiación privada equivalente a un 50% da cifra global por parte das empresas Difusora de Letras, Artes e Ideas; Disigna Edenia e Emociois.

 

 

O OUTONO FOTOGRÁFICO EN DATOS

92 exposicións (das que 34 son da Sección Oficial)
304 autoras e autores (entre individuais e colectivas)

70 espazos expositivos

Presenza en 21 localidades de Galiza e 4 de Portugal
14 Accións formativas (cursos, obradoiros, palestras…)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *