O Outono Fotográfico preséntase no festival de fotografía máis importante do Brasil

O festival galego da fotografía formou parte da programación do Paraty em Foco, un festival de repercusión internacional e o máis valorado pola crítica de América do Sul.

Vítor Nieves falando do OF no Paraty em Foco

O Paraty em Foco, que se celebra en setembro no estado do Río de Janeiro (Brasil), contou este ano cunha programación de luxo con exposicións de artistas da talla de Martin Parr, Marcos López ou Peter Funch, ademáis de workshops de fotógrafos ou comisarios como Pietro Paolini, Tiago Santana, Claudi Carreras ou Michiel Munneke.

O festival máis importante do Brasil, que xa contou coa presentación de eventos como os Encontros de Arlés, PhotoEspaña, Visa pour l`mage de Perpignan ou o FIFR de Roma, presentou este ano no espazo chamado “Pílulas”, reservado para este intercambio entre festivais, ao Mes da Fotografía de Brasilia e ao Festival Outono Fotográfico.

A presentación, a cargo de Vítor Nieves, coordinador da Sección Oficial do Outono Fotográfico, foi unha reflexión sobre os 30 anos de andaina do festival. Logo de contextualizar e situar xeográficamente as 90 salas das que dispón este ano o festival, seguiu falando sobre a labor que Benito Losada comezou no ano 1983 con 4 exposicións de 4 fotógrafos nun só espazo expositivo en Ourense, e que acadou no 2011 involucrar a 530 fotógrafos que participaron en 110 exposicións colgadas en 82 salas repartidas nas vilas e cidades do noso País. Ademáis, Nieves, debullou as colaboracións que o OF ten con salas de Barcelona e colectivos de fóra de Galiza, así como as exposicións internacionais que realiza cada ano coma o World Press Foto, o Concurso Purificación García ou o premio Luís Valtueña de Fotografía.

O festival carioca xa serviu de vínculo cara a internacionalización de outros festivais fotográficos, e non o ía ser menos co festival galego. A organización do Outono Fotográfico asegura que haberá exposicións de artistas do Brasil na programación deste ano, que está a punto de publicarse.

Asemade, nas vindeiras edicións do festival galego iniciaranse intercambios con galerías de São Paulo co obxecto de internacionalizar a nosa arte e dar a coñecer a artistas brasileiros aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *