O Outono Fotográfico muda no seu 30 aniversario para se converter nun festival actualizado
O festival máis importante da fotografía galega chegará con moi boa saúde aos trinta outonos con certos cambios tanto a nivel organizativo como programático, que o impulsarán, conservando o seu carácter plural cun Outono Aberto, á vez que se profesionaliza na súa sección oficial.
O Outono Fotográfico é unha das moitas actividades que Benito Losada pensou para a súa Casa da Xuventude. Corría o ano 1982, e cumpría atopar unha actividade que dera saída ás inquietudes gráficas da mocidade usuaria da Casa, que xa contaba con laboratorio propio. Apoiado pola (daquela prolífica) Asociación Fotográfica Ourensá e ao abeiro da Administración Galega, nace un evento co que se cumprían dous grandes obxectivos prefixados: dinamizar a pausada axenda cultural de outono ourensá e crear unhas xornadas en torno á fotografía, democratizándoa e facendo partícipes a mozos e mozas, afeccionados, profesionais e espectadores.
Deste xeito non só botaba a andar a cita anual coa fotografía máis importante do noso País, senón un evento social que iría gañando adeptos, salas de exposición, e colaboradores de todo tipo chegando a tecer unha grande rede que logrou facer protagonista á fotografía durante o período preinvernal. Sirva de dato que na pasada edición do 2011 participaron máis de 500 fotógrafas/os; 230 o fixeron con proxecto expositivo propio e o resto como resultado de exposicións de fotografía histórica e concursos; o festival contou con 90 salas e espacios expositivos en todo o País.
Tras o pasamento de Benito Losada, é a Fundación Benito Losada (a piques da súa constitución) a que toma o leme para garantir a continuidade do Outono Fotográfico e celebrar o seu 30 aniversario, e os que virán.
Os obxectivos da Fundación son protexer as creacións de Losada así como pór en valor o grande legado e a memoria del. Co que o Outono Fotográfico segue a ser un proxecto coral, plural e participativo. Por iso nace o Outono Aberto, unha sección dentro do festival coordinada por Xosé Lois Váquez que aglutinará as diversas propostas que cada ano achegan amantes da fotografía adicándolle unha parte das salas participantes e que conformarán o groso do programa dun xeito participativo como até agora.
O Outono Aberto completarase cunha sección oficial, coordinada por Vítor Nieves na que entrarán propostas en torno á fotografía dun xeito estruturado onde teñan cabida aquelas mostras artelladas para un festival acorde co seu tempo, cunha curadoría que coide a fotografía de xeito transversal atendendo a cuestións non só artísticas senón de técnica e até presentación e estética. Exposicións que, en fondo e forma, reúnan os requisitos para formar parte dun festival coma o Outono Fotográfico.
O festival da fotografía terá unha variada oferta formativa, non só para afeccionados e apaixoados do medio, coma até agora, senón que profesionais e artistas tamén terán un espazo de seu con workshops e xornadas con diversos fotógrafos acreditados cun longo traballo ás costas e de sobra recoñecidos.
Outra das novidades será a creación dun premio á creación fotográfica coa que se producirán mostras anualmente e para o que a equipa de organización está a concretar financiamento privado.
A arte contemporánea xa non se estrutura segundo a disciplina á que pertenza a obra, por iso, falar hoxendía dun festival fotográfico pode poñer cancelas á creación. Logo da experiencia coa vídeo-creación na pasada edición, abrirase a porta a outras disciplinas artísticas sen perder o norte fotográfico do festival.
Ao longo desta nova era do Outono Fotográfico asistiremos ao intercambio con outros festivais, nos que irá gañando chanzos na súa presenza, que nun curto prazo será en Portugal e resto do estado español, e nun medio prazo tratará de tender pontes alén mar aproveitando os lazos que unen Galiza con Brasil ou Arxentina.
Parabéns a todos os que traballades para que a fotografía siga incrementando a súa presenza dentro do panorama cultural da actualidade.
Téndesme ó voso dispor…