O Outono Fotográfico expón nas sete cidades galegas e conquista o norte de Portugal

A 31 edición do festival galego de fotografía segue coa expansión e sitúase á altura dos grandes eventos fotográficos mundiais co lanzamento do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea.

O festival aposta neste outono pola consolidación da Sección Oficial, nacida o pasado ano para equiparalo a outros festivais de todo o mundo, na procura da modernización e a profesionalización. Así este ano, a Sección Oficial conta con 37 exposicións espalladas polas catro provincias, en Portugal, e, como ven sendo habitual en Barcelona, onde tamén gaña espazos expositivos.

Curadores como Rui Prata, Ángel Calvo, Carolina Martínez, Manuel Sendón ou Tono Arias, traballaron man a man con autoras e autores como Martin Parr, Aude Léonard, Antía Moure, David Catá, Cynthia Nudel, Xulio Correa, Juan Adrio, Luisa Dörr, Ian Welder, David Alan Havey, Alec Soth, Rosa Muñoz, Félix Fernández ou Gaüeca, entre moitos outros. Polo que a Sección Oficial do festival segue a procurar a excelencia polo camiño da arte con autoras e autores nacionais e internacionais de recoñecido prestixio.

Asemade, nesta edición, como a organización adiantaba o pasado ano, fíxose un esforzo pola busca de ligazóns entre outros festivais, tratando de acadar unha rede internacional. O resultado deste traballo é o intercambio de exposicións que se establece co festival Encontros da Imagem de Braga, o iNstantes de Avintes (Portugal), o Paraty em Foco de Rio de Janeiro, e amplíase a colaboración co Fòrum Fotogràfic de Barcelona.

O festival non para de crecer, e así, na 31 edición gaña espazos expositivos que suman xa 99, e establécese nas sete cidades galegas. O crecemento xeográfico fóra de Galicia, faise patente non só no veciño Portugal, senón tamén levando exposicións ao Bierzo.

A programación é xa pública desde hai uns días na web, e suma 126 exposicións nas que participan 506 autoras e autores, 38 accións formativas como cursos e workshops, o que fai que o festival galego da fotografía estea presente en 41 localidades de tres países.

Alén da programación anual, o Outono Fotográfico comeza este ano cun proxecto con vocación de continuidade. O lanzamento do I Premio de Fotografía Contemporánea, patrocinado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, sitúa ao festival en pé de igualdade cos máis recoñecidos do mundo, xa que, a dotación do Premio de 16.000 euros a un só proxecto fotográfico, convérteo na convocatoria fotográfica máis dotada da Península Ibérica. O fallo do xurado deste Premio xa se fixo público a pasada semana, e o proxecto gañador, de Daniel Díaz Trigo, será exposto no Museo Municipal de Lugo en novembro.

O Festival conta cunha financiación pública do 67% equivalente a 22.500 euros que proveñen fundamentalmente do Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, e tamén do Campus de Ourense e do Concello de Santiago. Ademais, conta cunha financiación privada nun 33% aproximadamente de Difusora de Letras, Artes e Ideas e Emociois.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *