O Outono Fotográfico expón en Lalín a obra de Rubi Lebovitch, por primeira vez na Europa
O Auditorio da capital do Deza acollerá o ensaio «Home Sweet Home» do artista de Oriente Próximo durante todo o mes de novembro.
O festival galego de fotografía desembarca de novo en Lalín, desta volta nun espazo municipal, co que supón a primeira exposición individual do artista na Europa. A exposición foi producida grazas ao apoio do Concello de Lalín a través da súa Concellería de Cultura.
O traballo de Lebovitch é unha colección que ilustra o entorno doméstico que presenta en imaxes sinxelas caracterizadas polo misterio, a vaguidade e a incongruencia criando unha atmósfera na que os obxectos toman un novo significado. O autor sérvese do surrealismo para reinventar a realidade botando man de obxectos cotiás que viran anómalos e sorprendentes.
Tanto as personaxes como os espazos que fotografa semellan cercanos, mais xeran certa inquietude ao verse rodedos nun medio hostil, xa que Rubi sustitúe a racionalidade por unha supravisión esaxerada dos espazos domésticos que sitúa ao espectador ao fío do Terror Familiar definido por Freud.
Rubi Lebovitch naceu en Tel Aviv, gradouse en Arte e Fotografía na Academia Bezalel. A súa obra foi exposta en numerosas exposicións individuais e colectivas en galerías e museos de todo o mundo. «Home Sweet Home» está presente en varias coleccións de museos e galerías de EEUU como o Museum of Fine Arts de Houston, o NewSpace Center for Photography en Portland, Rayko Photo Center de San Francisco e o Center for Fine Art Photography de Fort Collins. Ten acadado importantes premios como o Moscow International Photo Award, Center Santa Fe, Japan Art Festival e o Critical Mass top 50 de 2015
O Outono Fotográfico é o festival galego de fotografía, o segundo máis antigo do mundo que chega este ano á súa 34ª edición. A exposición de Rubi Lebovitch encádrase dentro da extensa programación expositiva repartida por 21 localidades galegas e 4 portuguesas que comprende 92 exposicións nas que participan 304 artistas que expoñen en 70 espazos expositivos.
A exposición abrirase o mércores 2 de novembro e poderá visitarse até o 29 de novembro.