O Outono Fotográfico expón a súa historia en Portugal

Os Encontros da Imagem inaugura unha retrospectiva do festival galego, logo de que o Concello de Ourense truncara unha historia de 35 anos.

Outono Fotográfico 1983 - 2017Nos últimos anos, o Outono Fotográfico tiña feito un esforzo pola internacionalización a través de intercambios con outros festivais de fotografía e institucións de medio mudo, nomeadamente nos países lusófonos. É así como, a convite dos Encontros da Imagem, a Asociación Outono Fotográfico leva a Braga unha mostra historiográfica na que, alén de falar da historia e intrahistoria do festival galego, mostra materias editados polo festival ao longo de 25 anos.

«Era necesaria esta exposición para visualizar a dimensión do traballo feito e para rendir homenaxe ás autoras e autores, ás entidades colaboradoras e patrocinadoras, a Benito Losada e á equipa do festival; 35 anos de historia interrumpidos de forma unilateral, opaca e desleal polo goberno local de Ourense que incumpriu os seus compromisos orzamentados co festival» relata Xosé Lois Vázquez, ex-director do OF.

«Outono Fotográfico 1983 – 2017» é a exposición de destaque na programación desta edición do festival portugués, que estará no Mosteiro de Tibães desde este domingo día 23 até o 28 de outubro. A mostra, curada polo tándem Xosé Lois Vázquez & Vítor Nieves, que se unen por primeira vez nunha mesma curadoría, fai un repaso a través da gráfica cos carteis dos 35 anos, os programas, os catálogos editados así como libros da colección OF, ou pezas escultóricas do propio X. L. Vázquez expostas por primeira vez e que foron protagonistas da imaxe de cada ano. A mostra complétase coa mediametraxe MakinOF, un muro-memoria cos nomes dos 1.286 autores e autoras que teñen fotografías editadas nos catálogos entre 1983 e 2016 [en 2017 o catálogo está sen editar polo incumplimento do Concello de Ourense] e até algunhas das lonas empregadas en edificios e museos de Ourense.

presentación Outono Fotográfico en Braga

«Non deixa de ser paradóxico como no estranxeiro valoran moito máis o Outono Fotográfico que o propio Concello de Ourense» di Vítor Nieves, quen foi o curador do festival, e conta que «outros festivais e institucións nos contactaron para poder levar a memoria do OF porque a vergoña causada polo alcalde de Ourense trascende á cidade».

Ademais, os Encontros da Imagen inaugurará outras tres exposicións que o Outono Fotográfico ía programar en espacios galegos e que ao non poder celebrarse so poderán verse en Braga, como é o caso das exposicións de Tamara Wassaf e o último Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Tamén se poderá visitar unha grande exposición colectiva de 14 autoras e autores galegos que, curados por Xosé Lois Vázquez, traballaron baixo a premisa das «Ocultacións e Inexistencias» un título acaído para os recentes acontecementos que acabaron co festival galego OF.

Ocultacións e inexistencias«É o momento de recoñecer o traballo feito en prol da fotografía polo Outono Fotográfico, un traballo para a Galiza pero con resonancia internacional» di Carlos Fontes, o director dos Encontros da Imagem que asegura «que o Outono Fotográfico non pode desaparecer, é un modelo de lonxevidade e de boas prácticas, sería unha perda irreparábel».

 

Fotos de: Adriano Ferreira Borges.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *