O Outono Fotográfico enche Vigo de fotografía na súa 35ª edición

O festival galego de fotografía presenta a programación deste ano en Vigo que suman 6 exposicións en diferentes espazos da cidade. O festival arranca cunha programación de 85 exposicións nas que participan 250 artistas que reflexionan en torno ao lema deste ano, a Descrenza.

Presentación do OF2017 en Vigo. Na foto, de esq. a der: Xaquín Rosales, Rita Ibarretxe, Iria Vázquez e Vítor Nieves.

Presentación do OF2017 en Vigo. Na foto, de esq. a der: Xaquín Rosales, Rita Ibarretxe, Iria Vázquez e Vítor Nieves.

Como cada novembro, o Outono Fotográfico reaparece para facer visible a fotografía. Nesta trixésimo quinta edición que se prolonga até o Nadal, o festival estará presente en 66 espazos expositivos de toda a xeografía galega, repartidos en 22 localidades, 4 delas en Portugal.

O fío condutor das exposicións será a temática elixida para esta edición. Así tanto os e as artistas como os e as curadoras deambulan pola característica esencial da evolución, da ética e do coñecemento: a descrenza. En palabras do seu director, Xosé Lois Vázquez, «o terreo no que operaron é infindo: alterar o método, aventurarse na refutación do evidente para descrer a evidencia; dilucidar e raer os camiños da reflexión que nos reconecten co medio natural e o ser humano, que conduzan neste a respectar a complexidade magnífica da súa diversidade identitaria e rescatar o seu carácter radical de ser vivo e descrer así os modelos decretados, descrer para avanzar»

O Halcón Milenario será o encargado de dar comezo á programación coa exposición de Xaquín Rosales, unha proposta coa linguaxe contemporánea e a gramática que caracteriza ao autor. A céntrica Sala de Fotografía Sargadelos acollerá dúas exposicións, o que fará que prolongue o Outono até xaneiro coas Fantasmagorías de Juan Adrio e Déjame Volar do emerxente David Catá. A sede de Afundación acollerá máis unha vez o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea coa exposición Renacer da viguesa Eva Díez. Desde Tel Aviv chega ao Soho de Vigo o ensaio Home Sweet Home de Rubi Lebovitch, e aínda poderemos gozar da Recolección de Luces de Iria Vázquez no espazo Detrás do Marco.

 

O festival en Galiza

Este séptimo ano de festival após o pasamento de Benito Losada, serve para a consolidación do novo proxecto. Así a Sección Oficial segue a procurar a excelencia polo camiño da arte con autoras e autores nacionais e internacionais de recoñecido prestixio. Forman parte dela 28 exposicións moi diversas unidas polo leitmotiv «Descrenza» entre as que están a de Dafna Tal, Tamara Wassaf, Ángel Pantoja, Jon Gorospe, Alfonso Almendros, Javier Víver, Laura Ben Hayoun ou Igor Calvo. Tamén poderemos apreciar os traballos dos galegos Xaquín Rosales, Juan Adrio ou Eva Díez. Así mesmo, coma sempre, haberá un espazo preferencial para xoves emerxentes como Virginia Rota, David Catá, Bruno Silva ou Verónica Losantos.

Este ano cabe destacar a grande calidade da sección Outono Aberto, que é aquela que se programa logo da selección de traballos inscritos na Open Call (convocatoria aberta) que o festival lanza a mediados de ano. Artistas como José Alves, Mariana Guardani, Silvia Castillo, Igancio Gómez Sales, Teresa Charlín ou Ismael Guyé entre outros, foron seleccionados pola grande calidade técnica e conceptual dos seus traballos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *