O Outono Fotográfico enche Vigo de fotografía na súa 34 edición
O festival galego de fotografía presenta a programación deste ano en Vigo que suman 5 exposicións en diferentes espazos da cidade. O festival inaugurará nas vindeiras semanas de outono 92 exposicións nas que participan 304 artistas que reflexionan en torno ao lema deste ano: «Dentro e Fóra»
Como cada outubro, o Outono Fotográfico reaparece para facer visible a fotografía. Nesta trixésimo cuarta edición que se prolonga até o Nadal, o festival estará presente en 70 espazos expositivos de toda a xeografía galega, repartidos en 25 localidades, 4 delas en Portugal.
O fío conductor das case un cento de exposicións será a temática elexida para esta edición: Dentro e Fóra. Así tanto os e as artistas como os e as curadoras deambulan pola idea que entronca directamente coa esencia deontolóxica da fotografía: o encadre. O que o fotógrafo/a escolle para fotografar e o que pasa fóra do encadre ten sido un debate que acompaña á historia do medio desde o seu nacemento e que é paralelo á permanente controversia entre a dualidade realidade / ficción ou obxectividade / subxectividade que tanto ten aportado a nivel de pensamento e enchido páxinas dos ensaios sobre fotografía. Alén do postulado técnico, o lema desta edición comprende aspectos conceptuais e suscita unha materialización dos traballos que atenda o plano ético, o que da corpo teórico ás propostas expositivas do festival.
A Galería Sargadelos será a encargada de dar comezo á programación viguesa, quecoordina a curadora Rita Ibarretxe, coa exposición interdisciplinar de Xabier Fernández, unha proposta arriscada coa linguaxe contemporánea e a gramática que caracteriza ao autor. A sede de Afundación acollerá as exposicións de Berto Macei e de Jose Romay. Ambalas dúas mostras pretenden visibilizar sendos ensaios fotográficos que acadaron o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea na súa segunda edición.
O festival gaña este ano un novo espazo, a Fundación Laxeiro que expón o último traballo de Ana Rello. Ademáis, desde mediados de novembro poderemos ver a reflexión que fai Iñaki Matilla sobre a memoria e a decadencia.
O OUTONO FOTOGRÁFICO EN VIGO
5 exposicións (das que 4 son da Sección Oficial)
5 autores4 espazos expositivos
1 obradoiro
[ ver o post do OF 2016 global]