O Outono Fotográfico convida reflexionar sobre o xénero coa obra de Ángel Pantoja

A exposición do sevillano estará no Centro Cultural Marcos Valcárcel desde este mércores até o 12 de xaneiro do ano próximo.

Foto: Alberte Paz

Foto: Alberte Paz

«Descrenzas de Xénero» é o título que abrangue a curiosa colección de pezas de Ángel Pantoja, a encargo do seu curador, Vítor Nieves. O artista tense servido en abundancia na súa obra da simboloxía queer, quer en elementos visuais específicos que inclúe nun segundo plano nas súas obras, quer na edición das súas imaxes procurando unha estética entre o kitsch desenfadado, o barroquismo dixital e o surrealismo onírico.

Os bustos son unha colección de esculturas do imaxinario de Pantoja, cos que pon de manifesto cuestións de xénero tales como a confrontación do feminino e o masculino, mesturando elementos históricamente asociados a un dos xéneros binarios. Así vemos como a dozura e fraxilidade das musas e venus non é compatíbel coa valentía ou a heroicidade que se presume dos emperadores ou filósofos da Grecia e da Roma clásica, que sempre eran homes, como case todos os que ostentan o poder aínda hoxe en día.

Ademáis Pantoja destaca con estas imaxes escultóricas a fraxilidade da identidade masculina, aparentemente férrea e impenetrábel, mais que a pouco que se retoque, transfórmase nun chiste de si propia.

A exposición achéganos unha nova historia para diluír o inamovíbel marco entre os sexos: a división binaria. Esa doutrina que se nos constrinxe desde que nacemos para facernos crer que as vidas, os corpos e as sexualidades se dividen en dous grupos. Criando así o sistema perfeito que se reproduce a si propio, centrifugando fóra a quen se desliza de un xénero a outro ou a calquera que non entre neses cánons.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *