O Outono Fotográfico consolídase este ano en Portugal e amplía presenza na provincia de Pontevedra.

A Fundación Benito Losada reuniu no I Foro Festival Galego de Fotografía aos colaboradores do Outono Fotográfico para revisar os resultados do ano pasado e comezar o traballo de programación para o vindeiro outono.

O festival galego de fotografía recuperou esta fin de semana os tradicionais Encontros Fotográficos que convocaba Benito Losada. Desta volta os asistentes tiveron un perfil non só de creadores do mundo da fotografía, senón de organizadores, xestores culturais e curadores.

O obxectivo do I Foro Festival Galego de Fotografía era poñer sobre a mesa os camiños do festival e marcar os puntos fortes da programación do que será a 31ª edición do Outono Fotográfico. A profesionalización, a expansión territorial, a internacionalización ou o aumento da calidade foron as premisas que se repetiron durante a xornada.

O Outono Fotográfico segue a vía da internacionalización e procura ampliar presenza en Brasil, colaborando con novos espazos dedicados á fotografía, así como con colectivos dinámicos de diversas cidades alén mar. Asemade, o festival galego de fotografía, consolídase no Norte de Portugal, e neste ano contará con varios espazos expositivos en cidades como Porto, Braga ou Avintes. O incremento faise palpable tamén en Barcelona, e o intercambio que xa comezara Losada na cidade Condal, verase incrementado este ano ao sumar unha nova sala de exposicións.

A vía de colaboración con outros festivais que o ano pasado posibilitou o intercambio co “Paraty em Foco” de Rio de Janeiro, increméntase tamén este ano, de cara a traer a Galicia traballos presentados noutros festivais do mundo, como o iNstantes de Portugal.

O Outono Fotográfico tamén intensificará o seu traballo nas zonas nas que, tradicionalmente tiña menos presenza. Así as Rías Baixas, a Mariña luguesa e Compostela albergarán en outubro varias exposicións fotográficas. Asemade, as zonas nas que se potenciou a presenza do Outono Fotográfico na pasada edición consolidaranse este ano, como en Ferrol Terra, onde xa hai previstos once espazos expositivos.

O imparable crecemento do Outono Fotográfico, non só se verá no terreo físico, tamén na rede. A estratexia comunicativa en internet, logo do pulo que viviu en 2.013, seguirá a xerar contidos sobre a fotografía en Galicia, sumando novas redes sociais en auxe e coa presentación dun novo paquete de blogues que administrarán os colaboradores e comisarios do festival.

1 Response

  1. Olá, Vitor.

    Quando puderes e se entenderes, altera “Intantes” por “iNstantes”

    Abraço

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *