O Outono Fotográfico clausúrase demandando máis recursos

A presentación do libro que recolle as exposicións do festival galego de fotografía neste 2013, foi aproveitada pola organización para dar por finalizada a edición deste ano co mellor balance dos últimos 31.

Clausura 31 Outono FotográficoA publicación do Outono Fotográfico sae á rúa na hora en que o festival chega á fin. O feito de facer coincidir a clausura coa presentación do libro quer alonxar á publicación do carácter de catálogo que sempre tivo e remarcar o que realmente é hoxe en día: “unha publicación de fotografía con textos de crítica e de reflexividade do medio ou da propia historia do festival” segundo dixo Vítor Nieves, coordinador da Sección Oficial do Outono Fotográfico. A publicación covértese, xa que logo, nun libro de referencia que contén 372 obras fotográficas acompañadas de textos de críticos especializados, curadores e editores.

O Outono Fotográfico programou este ano un total de 123 exposicións (algunhas delas aínda abertas até xaneiro), 20 máis que no 2011, ano no que o festival comezou coa organización actual logo do pasamento de Benito Losada, o seu fundador. Segundo o seu director, Xosé Lois Vázquez “fixemos un grande esforzo por posicionar ao Outono Fotográfico alén das galerías e museos ourensáns, o que xustifica que se pasara de 42 espazos expositivos en Ourense a 25 nesta edición, xa que no resto do País se incrementaron exponencialmente en tres anos, pasando de 40 a 68, nun pulo pola consolidación do evento como o festival fotográfico de referencia en Galiza. Malia a falta de recursos do que adoece a cultura en xeral, e o Outono Fotográfico en particular “fomos quen de posicionar ao Outono nas sete cidades galegas por primeira vez, e encher salas do norte de Portugal e O Bierzo” facendo do Outono Fotográfico algo máis que un proxecto de cidade”, segundo a intervención do seu director.

“A importancia dos apoios fai que un proxecto da calidade do Outono Fotográfico sexa posíbel” dixo María Lameiras, vicerrectora do Campus de Ourense, un dos patrocinadores do festival. Sen dúbida, a organización actual “foi quen de lanzar este evento, e segue no camiño de mellorar a calidade, e de aí a importancia desta publicación” asegurou Xavier Paz, director da Difusora de Artes, Letras e Ideas, editorial que apoia ao festival.

A experiencia encetada neste 2013 de intercambios con outros festivas, valeu para que a organización anunciara de cara aos vindeiros anos seguir no vieiro de procurar outras colaboracións con festivais fotográficos internacionais de xeito que se poida exportar a creación artística galega e ao mesmo tempo achegar aquí propostas expositivas que de outro xeito non se poderían disfrutar no noso País.

A equipa do Outono Fotográfico dixo ser quen de posicionar a Galiza no mapa fotográfico, como se encargaron de reseñar revistas especializadas a nivel internacional grazas á calidade na programación deste ano. Asemade, no acto púxose de manifesto os escasos recursos económicos e convidaron a facer a comparanza entre os orzamentos de outros festivas co do Outono Fotográfico. Por iso, a saída pasa por implementar os patrocinios “e nese camiño xa vimos traballando nos últimos meses artellando unha programación cuadrienal que sexa quen de acadar financiamiento europeu”, anunciou Nieves.

O libro presentado está xa á venda nas librarías, nomedamente as especializadas, e o recadado na venda repercutirá no Outono Fotográfico do 2014, para o que a organización xa comezou a traballar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *