O Outono Fotográfico artella a programación da 32ª edición en torno á identidade

O festival galego de fotografía centra a súa programación nunha liña conceptual que variará cada ano. A presentación das 121 exposicións nas 32 localidades galegas e portuguesas será a finais de mes.

20141023_9096

Coa caída da folla, o Outono Fotográfico reaparece para facer visible a fotografía. Nesta trixésimo segunda edición que se prolonga até o Nadal, o festival estará presente en 91 espazos expositivos de 32 localidades, entre as que están as sete cidades galegas e as do norte de Portugal.

Desde a organización, malia as dificultades económicas comúns a todo o mundo da cultura, seguen a apostar pola modernización do festival, e logo de que nos últimos anos se internacionalizara buscando partillas con outros festivais fotográficos para dar a coñecer autores galegos fóra e traer traballos de estranxeiros, este ano dan un paso máis na conceptualización e pasa a ser un festival temático, de xeito que as exposicións programadas falan dun tema en concreto que mudará en cada edición. O tema escollido para este 2014 é a Identidade e a transmutación dela, a Alteridade. Os curadores das exposicións traballaron na busca de proxectos fotográficos relacionados co amplo significado do concepto identitario, desde puntos de vista tan dispares como a identidade de xénero, nacional, cultural, sexual, …

Ademais o arranque desta edición farase cun acto lúdico o 31 de outubro no parque de San Lázaro (Ourense), onde se poderán visualizar imaxes de todas as exposicións programadas, cunha actuación musical vencellada á identidade e unha peza de teatro experimental. O acto finalizará coa estrea do documental Making OF, de Alba Vázquez Carpentier, onde se debullan o celme da organización dun festival fotográfico na situación económica actual.

A Sección Oficial do festival segue a procurar a excelencia polo camiño da arte con autoras e autores nacionais e internacionais de recoñecido prestixio. Forman parte dela 28 exposicións de diferentes temáticas identitarias, entre as que se poderán ver o traballo de Lindsay Morris por primeira vez na Europa, a retrospectiva de Manuel López, o archipremiado Tito Mouraz, traballos máis intimistas como o do recoñecido Alexis W. Net ou de Same de Wide. Desde a organización tamén tiveron en conta, coma cada ano, os traballos de meteóricos emerxentes coma Carla Andrade, Irene Cruz, Rocío Verdejo, Lara Jacinto ou Marta Moreiras.

A programación é xa pública na web do festival (www.outonofotografico.com) e suma 121 exposicións nas que participan 443 autoras e autores entre exposicións individuais e colectivas, 16 accións formativas como cursos e workshops, o que fai que o festival galego da fotografía estea presente en 32 localidades galegas e portuguesas.

Alén da programación anual, o Outono Fotográfico convocou este ano o II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, que sitúa ao festival en pé de igualdade cos máis recoñecidos do mundo, xa que, a dotación do Premio de 16.000 euros a un proxecto fotográfico, convérteno na convocatoria fotográfica máis dotada da Península Ibérica. O fallo do xurado deste Premio xa é público e recaiu, de xeito ex aequou sobre os proxectos de Berto Macei e Jose Romay, que serán expostos na Deputación de Lugo en novembro e dos que poderemos ver un avance no acto inaugural do día 31.

A xestación previa, a xestion execución e a difusión do Festival conta cun patrocinio público este ano de 19.500 euros que aportan o Concello de Ourense [13.500 euros dos que 3.500 son para as Xornadas de Bd e 9.500 para o Festival] o Campus de Ourense con 4.000 euros, o Concello de Coruña con 3.000 euros e o Concello de Santiago con 2.000 euros.
Ademais, conta cunha financiación privada en especies equivalente a un 50% desa cifra por parte das empresas Difusora de Letras, Artes e Ideas, Disigna Edenia e Emociois.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *