O Outono Fotográfico abre a convocatoria para o envío de propostas expositivas para a 35ª edición

O festival galego de fotografía reflexionará este ano sobre a «Descrenza», temática escollida para a vindeira edición.

27408918362_b59402e4a5_oO Outono Fotográfico é o festival de fotografía máis antigo do mundo despois de Les Rencontres de la Photographie de Arlès, na Franza. Este evento nacía na cidade de Ourense no ano 1983 capitaneado por Benito Losada ao abeiro da Casa da Xuventude, por tanto chega neste 2017 á 35ª edición.

Nos últimos anos, logo do pasamento do seu criador, a organización ten traballado para a renovación do festival galego, así, alén de internacionalizalo, redimensionalo e actualizalo, tamén se converteu nun festival temático. Por tanto, a programación de cada ano xira entorno a un concepto e reflexiona en cada exposición e en cada evento sobre o tema fixado, como foi en anos anteriores a «Identidade», a «Periferia» ou o binomio «Dentro – Fóra» do ano pasado. Para este 2017 a temática escollida é a «Descrenza» e para iso lanzan unha convocatoria para inscribir os traballos fotográficos que logo serán seleccionados para ser expostos formando parte da programación.

En palabras de Xosé Lois Vázquez, o director do festival, a Descrenza «é a característica esencial da evolución, da ética e do coñecemento» e xustifica a escolla entorno a dúas ideas que acompañan á fotografía desde o seu nacemento: documentar e inventar, pois «entre a acción de Francesc Boix, fotógrafo que cos negativos expropiados en Mauthausen e a súa testemuña en Nürnberg combateu o terror nazi, e as docufábulas de Jeff Wall ou Cindy Sherman cohabitan multitude de formalizacións fotográficas comprometidas coa contemporaneidade humanista, mais o terreo no que operar é infindo: para alterar o método, aventurarse na refutación do evidente e descrer a evidencia; dilucidar e raer os camiños da reflexión que nos reconecten co medio natural e o ser humano, que conduzan neste a respectar a complexidade magnífica da súa «diversidade» identitaria e naquel a rescatar o seu carácter radical de «ser vivo» e descrer así os modelos decretados, descrer para avanzar».

A incrición pode facerse on line na web do festival onde tamén segue aberta a convocatoria para a quinta edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea [consulta aquí as bases]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *