O Goberno xustifica a detención e maltrato do fotógrafo Rafa Estévez

O que tiña que ser un acto festivo e de benvida aos medallistas olímpicos galegos en Peinador convertiuse nun outro acto máis de represión do corpo nacional de policía e nun chanzo mais para coartar a liberdade de prensa.

A completa desorganización na chegada dos deportistas fixo que os xornalistas, tratando de facer o seu traballo, se agolparan fronte á porta de saída do desembarque do aeroporto vigués. Debido á cantidade de medios asistentes a confusión foi total, facendo dun recibimento un completo caos que se saldou coa detención de Rafa Estévez en presenza do Subdelegado do goberno en Pontevedra, Antonio Coello. A reducción do fotógrafo foi desproporcionada, e así o dixeron varios testigos.

A detención produciuse, segundo a policía, por que o acusan de golpear coa cabeza a un deles, algo que negou o propio protagonista e que non apreciou ningún dos alí presentes. No entanto, a Subdelegación do Goberno insiste en que o fotógrafo “ofreceu forte resistencia”, polo que “foi reducido e trasladado en coche até a Comisaría de Vigo”, onde prestou declaración. Logo foi posto en liberdade, á espera dun xuízo rápido que se celebrou esta mañá na cidade olívica.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra asegura que a polémica detención do fotógrafo do Diario de Pontevedra, produciuse como “resposta á actitude manifestada” polo reporteiro “cara a un funcionario policial para garantir a seguridade dos medallistas olímpicos”. Nun comunicado de prensa, a subdelegación asegura que o axente “tivo que ser atendido no hospital das lesións producidas por unha cabezada que lle alcanzou a cara”. “Concretamente, a zona da boca e do nariz, tal e como recolle o parte policial”. No entanto, nada se di dun parte médico de lesións.

A indignación entre testemuñas e xornalistas non se fixo agardar. Centos de profesionais dos medios de comunicación concentráronse na praza de España de Pontevedra, fronte á Subdelegación do Goberno em apoio ao xornalista gráfico. Asemade, as redes sociais levan dias fervendo coa hashtag #todosSomosRafa.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia xa denunciou “a violencia gratuíta e innecesaria coa que foi detido Rafa Estévez e esixe á Delegación do Goberno que aclare inmediata e publicamente os feitos.

O Colexio de Xornalistas amosou a súa “indignación” polo sucedido e lembra que non é o primeiro caso semellante nos últimos meses. O Comité Interempresas da CRTVG tamén “condena enerxicamente a agresión policial”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *